Últimas Novas (531)

Últimas novas da asociación LugoPatrimonio

Mércores, 21 Marzo 2018 17:12

Talleres de viaxes por Lois Diéguez

Lugo Patrimonio ten como unha das actividades complementarias das conferencias, as viaxes. Estes tres talleres que estiveron a cargo do escritor e poeta Lois Diéguez desenvolvéronse os días 9 e 23 de febreiro e 9 de marzo de 2018 no salón de actos da Deputación Provincial e estiveron moi concorridos. Tiveron como finalidade recordar "15 lugares do mundo para acender os sentidos", todos visitados pola Asociación. Para iso entregouse unha carpeta aos asistentes coas primeiras 5 postais, nas seguintes sesión entregáronse as cinco correspondentes a cada unha das sesións.

No primeiro taller, 9 de febreiro, falouse de:

- Xerusalén (Palestina), explanada das mesquitas.

- Tomar (Portugal), convento do Cristo e Festa dos Tabuleiros.

- Tadmor (Palmira - Siria), ruinas da antiga cidade de Tadmor (Palmira).

- País Dogón (Malí), Songho e Montaña Sagrada de Misiricoro.

- Ribeira Sacra (Lugo), miradores da Ribeira Sacra.

No segundo taller, 23 de febreiro, falouse de:

- Aqaba (Xordania), deserto do Wadi Rum ou Val da Lúa.

- Fócida (Grecia Central), ruinas de Delfos, o lugar do Ónfalos ou Centro do Universo.

- Rexión de Jerid, Tozeur (Tunicia), Nefta a cidade santa do sufismo.

- Dublin (Irlanda), Bru Na Boinne (Newgrange), túmulo neolítico.

- Laza (Ourense), os Maios de Laza.

No terceiro taller, 9 de marzo, falouse de:

- Uarzazate (Marrocos), Ksar de Ait Bden Hadoo, cidade fortificada.

- Transilvania (Rumanía), Sibiu, antiga capital de Transilvania.

- Mugla, Lago Bafa (Turquía), Heraclea de Latmos, antigo porto xonio.

- Aswan (Exipto), Illa de Filae, Templo de Isis.

- Salcedo (Quriga- Lugo), Oso de Salcedo.

Sobre cada grupo destes lugares proxectouse un vídeo relativo a un aspecto da súa cultura.

A viaxe proposta dos talleres en Galicia foi ao Courel, durante os días 7 e 8 de abril, para coñecer e pasear paisaxes, natureza, xentes e voces poéticas que cantaron estas montañas, como son a de Fiz Vergara Vilariño e Uxío Novoneyra.

A outra realizarase no outono (setembro/outubro) polas terras de Marrocos baixo a idea “Mar e desertos marroquís: desde Tánxer a Gulimín” co obxectivo de coñecer aqueles lugares e xentes non habituais nas viaxes turísticas.

PROGRAMA DE ACTIVIDADES PARA 2018 de LugoPatrimonio

 

Día 23 de febreiro, venres

ás 19,30 horas

Salón de actos da Deputación Provincial

Taller de viaxes dirixido por Lois Diéguez sobre "Lugares do mundo para acender os sentidos".

De 19 e 20 h. anotacións para a viaxe do día 17 de marzo con Lois Diéguez.

Día 24 de febreiro, sábado

ás 9 horas

Viaxe a Ponteceso. Visita ao dolmen de Dombate, Casa de Eduardo Pondal e castelo de Vimianzo.

 

MARZO

Día 9 de marzo, venres

ás 19,30 horas

Salón de actos da Deputación Provincial

Taller de viaxes dirixido por Lois Diéguez sobre "Lugares do mundo para acender os sentidos".

De 19 e 20 h. anotacións para a viaxe dos días 17 ao 20 de maio, a Teruel.

Día 17 de marzo, sábado

ás 9 horas

Viaxe taller Lois en Galicia

 

ABRIL

CICLO O MUDÉXAR

Día 10 de abril, martes

ás 20 horas

Salón de actos da Deputación Provincial

Conferencia de Carlos Andrés González Paz, Técnico Superior de Actividades Técnicas e Profesionais do CSIC no Instituto Padre Sarmiento de Estudios Galegos, "A pegada musulmán na Galicia medieval”.

Día 24 de abril, martes

ás 20 horas

Salón de actos da Deputación Provincial

Conferencia de Manuel Valdés Fernández, profesor emérito de Historia da Arte na Universidade de León, "A arquitectura mudéxar en Castela".

Mércores, 24 Xaneiro 2018 18:43

Viaxe a Ourense e Arboiro

20 de xaneiro

Entre as 11 e as 13,30 horas visitamos en Ourense a exposición In tempore sueborum, sobre o reino suevo instalada en tres sedes. Comeza no Centro Cultural Marcos Valcárcel co apartado "Desconstruindo aos bárbaros. Entre o mito e a realidade"que tenta explicar o tempo dos suevos na Gallaecia (411-585), partindo das grandes migracións, mais que invasións, a través de obxectos procedentes de enxovais funerarios procedentes de dezanove museos de distintas partes de Europa. Desmitifica o termo "bárbaro" utilizado interesadamente polos romanos. A creación do Reino Suevo "o primeiro reino medieval de occidente", encadrase nos movementos que tiveron lugar en Europa entre o século IV e VI.

Na igrexa de Santa María Madre, trátase "Cristianización e territorio na Gallaecia da época sueva". Cando os suevos, vándalos e alanos se asentan neste territorio a comezos do século V. a cristianización achábase nunha fase inicial de implantación. Os inicios e o desenvolvemento fíxase entre os séculos IV e primeira metade do VI, na que conviven as prácticas pagás coa cristiás. A partir do século VI prodúcese o quer chaman "efecto san Martiño" debido ao seu apostolado, sendo o "Parroquial Suevo" un exemplo deste efecto.

No chamado Museo Municipal está o apartado titulado "Convivindo cos suevos na Gallaecia", onde se explica que a desaparición da estructura político administrativa romana non inflúe nas estructuras de poboamento e nos patróns de asentamento característicos da época tardo romana, e dicir, do mundo castrexo. Os asentamentos de chaira, como villae e vici, tamén prolongaron a súa ocupación. Nas civitas que se transforman en sedes episcopais a cristianización da lugar ao inicio da cidade medieval.

Pola tarde a partir das 17 horas visitamos a Casa das Rodas aberta no ano 2011 polo escultor Florencio de Arboiro, que recolleu e adquiriu un bo número de rodas de afiar de distintos tipos e procedencias, así como un numeroso material fotográfico sobre o tema. Unha iniciativa privada de enorme mérito e interese, ignorado polo estamento oficial. Tamén presenta materiais relacionados con oficios ambulantes da comarca, como o de capador e quincalleiro. Nesta visita estivemos acompañados polo etnógrafo e membro da Asociación José Manuel González Reboredo. Ao rematar a visita o presidente Adolfo de Abel Vilela felicitou e agradeceu a Florencio por ter rescatado e preservado este patrimonio material y que lle lo mostrase.

16 de xaneiro

Comezou dicindo que as terras do noroeste peninsular, incluíndo Galicia e zonas veciñas de Asturias, León e norte de Portugal, foron o berce dunha serie de oficios singulares non só polo propio oficio, senón polo feito de ser practicado fóra do lugar de nacemento e residencia, ás veces a moi longa distancia. Desaparecidos nos últimos decenios, ou en proceso de desaparición no presente, son, non obstante, unha parte destacada do noso patrimonio cultural e da nosa identidade, e por iso deben ser lembrados e divulgados. Así se fai en lugares de memoria como a Casa das Rodas, en San Xoán de Río, grazas aos esforzos de Florencio de Arboiro, un artista ourensán que ama a súa terra e procura gardar sobranceiras mostras do pasado da súa chaira natalicia,

A continuación afirmou que o numero destes oficios é bastante elevado. Entre eles figuran os augardenteiros de Sober, no sur da provincia de Lugo, os telleiros do Rosal e A Guarda, os cesteiros de Mondariz, os comerciantes de tecidos da Graña (O Covelo), os canteiros do interior de Pontevedra, os cereiros do leonés val do río Ancares, os comerciantes ambulantes e albardeiros do val tamén leonés de Fornela, os cunqueiros de Ibias (Asturias), ou os serranchíns do norte de Portugal. Pero quizais a zona do noroeste onde esta actividade ambulante presenta unha maior riqueza é no norte da provincia de Ourense, na beira esquerda do río Sil. Desta terra son famosos os afiadores e paraugueiros, pero tamén estiveron presentes os mesteres de barquilleiro, cordeiro, peneireiro, capador, albardeiro e quincalleiro.

Sinalou que unha singular peculiaridade de moitos destes artesáns e comerciantes foi a de crear unha xíria, ou criptolecto, propio coa finalidade de poder falar entre eles sen ser comprendidos por xente allea. Xírias ben coñecidas e con léxico recollido en diversos estudos son o barallete da Chaira, propio dos ambulantes do norte de Ourense, o verbo dos arxinas (canteiros pontevedreses), o verbo dos bogardeiros (cesteiros de Mondariz), o verbo dos cabaqueiros, (telleiros do Rosal e A Guarda), o barallete dos grañudos, (comerciantes da Graña), ou o burón (comerciantes do val de Fornela).

Xustificou esta actividade comercial debida á pobreza das terra de orixe, ou o acusado minifundio e pequenez das explotacións agrarias son razóns de base para xerar a aparición destas actividades que permitían complementar a economía familiar. Pero tamén hai que ter en conta que, ao longo do tempo, se foron creando unhas formas culturais e mentalidades favorecedoras da perpetuación deste tipo de actividade, ata que as fondas transformacións que se deron a partir especialmente dos anos sesenta do século pasado, supuxesen o ocaso dun mundo que coñece a partir dese momento unha continua decadencia. Rematou a intervención poñendo exemplos das xergas utilizadas por estes individuos.

Mércores, 27 Decembro 2017 07:09

ACTIVIDADES PARA O 1º TRIMESTRE DE 2018

XANEIRO

Día 16 de xaneiro, martes

ás 20 horas

Salón de actos da Deputación Provincial

Conferencia de Xosé Manuel González Reboredo, etnógrafo, sobre "Un patrimonio etnográfico importante: os oficios ambulantes en Galicia e terras veciñas do noroeste".

De 19 e 20 h. anotacións para a viaxe do día 20 de xaneiro, sábado, a Ourense para visitar á Casa das Rodas do escultor Florencio de Arboiro e a exposición In tempore sueborum.

Día 20 de xaneiro, sábado

Viaxe a Arboiro  e Pobra de Trives (Ourense).

Saída ás 9 horas.

Visita á Casa das Rodas de Florencio de Arboiro, museo etnográfico sobre os catro oficios ambulantes: capador, afiador, barquilleiro e quincalleiro. Visita en Ourense da exposición In tempore sueborum, sobre o reino suevo.

 

Mércores, 27 Decembro 2017 07:07

CONVOCATORIA DE ASEMBLEA XERAL EXTRAORDINARIA

Por acordo da Asemblea Xeral Ordinaria celebrada o día 16 de decembro de 2017,  convócase Asemblea Xeral Extraordinaria para o día 16 de xaneiro, martes, ás 19,30 horas en primeira convocatoria e ás 20 horas en segunda, no salón da Deputación Provincial, Praza de San Marcos, coa seguinte

Orde do día

1. Lectura e aprobación, se procede, da acta da asemblea anterior.

2. Toma de acordo sobre a integración na Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura, de acordo co previsto no Artigo 21, 3 dos Estatutos.

                                                              Lugo, 18 de decembro de 2017

                                                              Adolfo de Abel Vilela

                                                              Presidente

Mércores, 27 Decembro 2017 07:02

FESTA DOS SOCIOS

Como ven sendo habitual, o 16 de decembro celebrou a Asociación a Festa dos Socios coa que se da remate ás actividades do ano. Celebrouse na Fortaleza, en Conturiz (Lugo), e asistiron medio cento de asociados.
Previamente celebrouse a Asemblea Ordinaria na Galería Sargadelos para aprobar as contas e o plan de actividades para o ano 2018, no que haberá dous ciclos, un dedicado ao Mudéxar e outro aos Pazos. Completase o programa con dúas conferencias e dúas viaxes sobre etnografía e outras dúas dedicada ás Irmandades da Fala con motivo do centenario do Manifesto de Lugo.

Domingo, 12 Novembro 2017 21:19

EDADES DEL HOMBRE. Reconciliare.

Os días 28 e 29 de outubro viaxamos a Cuéllar e Valladolid para visitar a exposición Las Edades del Hombre este ano co tema Reconciliare. De camiño paramos en Olmedo onde fixemos unha visita guiada polo recinto histórico vendo o que queda da muralla, as igrexas mudéxares de Santa María del Castillo, San Miguel e San Andrés, a torre do reloxo da Real Chancillería, diversos palacios e casas de arquitectura tradicional, o placio dos condes de Bornos onde se instalou o que chaman "Palacio Caballero de Olmedo" na praza de San Julián, personaxe da obra de Lopez de Vega. Despois de xantar no restaurante La Cueva de Fabia, preto da Porta de San Juan, continuamos viaxe a Cuéllar onde tiñamos concertada a visita guiada para as 17,45 horas.

Antón Costa Rico

O catedrático de Historia da Educación na Universidade de Santiago de Compostela, que  foi un dos primeiros investigadores deste tema e que centra o seu traballo nos campos da política educativa en Galicia, pechou o ciclo de conferencias e viaxes dedicadas aos Indianos, abordando o tema da súa implicación educativa, como dixo ao iniciar a súa disertación "Cando a Galicia de alén mar sementou de escolas o país".
No mapa de Galia a maior parte de fundacións atópanse na Mariña oriental (Ribadeo). Ocupouse tamén de mencionar os galegos que se ocuparon da educación en América nos séculos XVII e XVIII. Conta o final do século XIX e primeiro tezo de XX, uns trinta foron profesores en diversos países americanos, especialmente en Arxentina e Uruguai, pero tamén en México e Cuba, que elaboraron libros de texto, moitos deles vinculados á corrente innovadora da Institución Libre de la Enseñanza.
Como xa se apuntou por outros conferenciantes, esta emigración masiva a América, máis homes que mulleres, comezou no século XIX para mudar a vida, como o fixeron os escoceses, irlandeses, alemáns e italianos, Estas correntes migratorias foron impulsadas non só por factores económicos senón tamén por motivos políticos, culturais e relixiosos. Estes colectivos, que maioritariamente proceden do medio rural, descobren sociedades urbanas, democráticas, libres e con oportunidades, pero tamén a oportunidade do papel da educación. No sexenio que comprende o destronamento de Isabel II, o breve reinado de Amadeo de Saboia e a I República (1868-1874). houbo cidadáns federalistas e de tendencia republicana, de espírito libre, algúns dedicados ao periodismo, que coa Restauración borbónica e a restricción das liberdades, decidiron emigrar. Estas persoas iniciaron actividades de divulgación creando cabeceiras de xornais e revistas, de máis o menos duración, máis de setenta en Cuba, publicacións que se distribúen entre unha parte da poboación emigrante que se forma ideolóxicamente.

16 de setembro de 2017

A última viaxe do Ciclo dedicado aos Indianos, foi a Ribadeo e ás localidades da súa ría, Figueras e Castropol. Comezou a xornada na Devesa onde ao longo da estrada se poden ver numerosas casas de indianos, sendo unha delas a da Sociedad de Instrucción y Recrero, Círculo Habanero de la Devesa, que visitaron sendo recibidos polo presidente Manuel Fernández Fra. O edificio principal alberga o teatro na planta baixa e o local social, coa biblioteca na primeira, conservando algunha das mesas de xogo antigas. Na parte posterior do edificio hai dous edificios que estiveron destinados a escola de nenas e nenos, con escusado no medio.

Nesta viaxe estivemos acompañados do José María Lombardero, autor de varias publicacións sobre os indianos na zona. Pasamos despois a visitar o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal "Pedro Murias", antiga Escola Agraria da Fundación Pedro Murías, dependente desde 1993 da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia percorrendo as instalacións acompaño do director José López Fernández. Alí vimos unha peza histórica relacionada coa perda de Cuba, a bandeira española arriada no Real Arsenal da Habana o 1 de febreiro de 1898, que foi entregada polo Exército español a Pedro Murias.

Busca nesta web

Próximos actos

  • Anotacións para a viaxe a Zaragoza e Tarragona do 5 ao 9 de maio +

    Día 18 de febreiro, martes ás 20 horas Salón de actos da Deputación Provincial Conferencia do folclorista Isidoro Rodríguez Pérez Ler Máis
  • Conferencia do folclorista Isidoro Rodríguez Pérez “Sei cantar e sei bailar” +

    Día 18 de febreiro, martes ás 20 horas Salón de actos da Deputación Provincial Conferencia do folclorista Isidoro Rodríguez Pérez Ler Máis
  • Viaxe a Vimianzo e Ponteceso +

    Día 22, sábado Viaxe a Vimianzo e Ponteceso. Saída ás 9 horas. Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO