Sábado, 13 Setembro 2025 22:29

Conferencia de Xosé Manuel Sánchez Rei, sobre “O galego-portugués, herdeiro do latín”

12 de setembro

O profesor da Área de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade de A Coruña, comezou dicindo que o latín, lingua itálica da familia indoeuropea, foi traído á Gallaecia polos colonos, funcionarios e soldados romanos.

O seu proceso de imposición e adopción xeral por parte da populación debeu de corresponder a un proceso relativamente lento e pode darse por iniciado coa expedición de Décimo Xunio Bruto no ano 137 a.d.n.e., que costuma entenderse como o inicio do enfrontamento bélico dos galaicos con Roma.

Co andar do tempo, o idioma evoluiría mercé a diversas causas, tales como o tipo de latín importado, a súa procedencia, a acción de substratos, o efecto dos superestratos altomedievais ou o isolamento do territorio por mor da queda do Imperio Romano.

 

Pasou despois a explicar, desde o punto de vista linguístico, as evolucións que se deron no latín da Gallaecia no seu adelongado camiño até ao galego medieval, que terminarían por definir neste unha variada sorte de trazos. Como é de esperar, algúns son comúns con outras linguas e variedades románicas (manutención de f- inicial, evicción do sistema casual, maior rendibilidade das preposicións como marcas de funcións sintácticas etc.), mais outros dan forma a elementos que caracterizan poderosamente a lingua galega (conservación das sete vogais do latín vulgar mediante a calidade tímbrica, emerxencia das vogais nasais por desaparecemento de -n- intervocálico, desaparecemento de -l- intervocálico, evolución para consoante africada ch- ([t͡ʃ]) dos grupos cl-, fl- e pl- etc.). Esas evolucións foron xerándose tanto ao norte como ao sur do río Miño, no coñecido concepto lingüístico-xeográfico de Joseph-Maria Piel que refire unha "antiga latinidade vulgar galaica".

Que o que xa se podería considerar galego fose utilizado oralmente con anterioridade, probabelmente desde os séculos VIII ou IX, demoraría algún tempo en aparecer por escrito. As máis antigas documentacións dátanse en finais do século XII e principios da seguinte centuria e corresponden a textos xurídico-administrativos: un pacto de paz entre os irmáns Gomes Pais e Ramiro Pais, de arredor de 1173 e conservado en Braga, pasa por ser o primeiro deses documentos.

Por último sinalou que nestes medios, temos de convir que o uso da lingua e a súa proxección literaria non pode desligarse da importancia que tivo o reino medieval da Galiza nin da súa hexemonía a respecto doutras monarquías peninsulares, pois tales circunstancias farían ese poderío cultural, económico e político espellar a súa equivalencia na produción artística: xerou unha das literaturas medievais máis brillantes no concerto europeo da altura (séculos XIII-XIV), produciu unha arte románica igualmente digna de nota e creou na época unha elegante música comparábel á doutras nacións occidentais.

Enviar un comentario

Por favor, asegúrese de ter introducida a información marcada con (*). O código HTML non está permitido.

Busca nesta web

Próximos actos

  • Que foi o Coloquio Internacional do Bimilenario de Lugo. Felipe Arias Vilas e Adolfo de Abel Vilela. +

    Día 16, martes ás 20 horas Salón de actos da Deputación Provincial Que foi o Coloquio Internacional do Bimilenario de Ler Máis
  • Días 23, 24 e 25 Viaxe a Chaves e Braga. +

    Días 23, 24 e 25 Viaxe a Chaves e Braga. Saída ás 8 horas. Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO