Luns, 19 Outubro 2026 16:36

Conferencia de Héitor Picallo Fontes sobre “Cenobios e mosteiros da Galicia medieval”

9 de outubro

O investigador Héitor Picallo Fontes nunha moi elaborada e interesante conferencia compartiu cun auditorio numeroso información de interese sobre o monacato galego. Comezou coa referencia de determinadas obras bibliográficas de sumo interese para poder abordar a súa exposición, da que son autores, nomeadamente e entre outros: Xosé Miguel Andrade Cernadas, Carlos Baliñas Pérez, Alexandra Cabana Outeiro, Natalia Figueiras Pimentel, José Freire Camaniel, Anselmo López Carreira, Jorge López Quiroga e Francisco Xavier Pérez Rodríguez.

Baixo o título “Cenobios e mosteiros da Galicia medieval”, a súa exposición parte dos primeiros contactos do noso país co cristianismo, polo que fixo parada nas figuras de Prisciliano, Exeria, Bachiario, Paulo Orosio e Martiño de Dumio. A continuación, detivo a súa atención en varias comunidades relixiosas existentes canda a época deste santo procedente das terras de Panonia e que deron en chamar o “apóstolo dos Suevos”. San Pedro de Rocas, Samos e Santo Estevo de Ribas de Sil foron motivo de explicación, así como houbo lugar para abordar determinados aspectos sobre a arquitectura e historia de Santa Comba de Bande.

Chegados ao século VIII, quixo facer fincapé na figura de San Froitoso de Braga, a quen se lle atribúe a creación (ou inspiración, cando menos), da Regula Communis e da Regula Monachorum, dicir que no ano 2025 a asociación visitou a igrexa prerrománica de San Fructuoso de Montelios. Nese instante aborda as características dos mosteiros dúplices, nos que convivían dúas comunidades –unha feminina e outra masculina–; e os mosteiros familiares, institucións cenobíticas dependentes dunha familia nobre laica.

Dando un chimpo no tempo, e logo de mergullar na Reforma Gregoriana, analiza as ordes de Cluny e o Cister, sen esquecer nin a de Santo Agostiño e a propia de San Bieito. Non obviou, outrosí, a sexualidade existente nos claustros monacais, facendo mención dos capítulos de Cluny nos que se sancionaba as condutas pouco decorosas e contrarias aos ditados canónicos do nicolaísmo (prohibición do concubinato) e a simonía (mercado de bens e cargos eclesiásticos). Advertiu, asemade e bebendo das investigacións do profesor Beiras Torrado, que canda o impulso de Cluny e do Cister, Galicia vive a primeira gran revolución agraria, na que o foro era aquel contrato que serviría para explotar e controlar o campo, amais de articular o poboamento medieval no ámbito rural.

Alén de todo o comentado, describe a estrutura e cargos existentes nas comunidades relixiosas na Plena Idade Media e expón cadros nos que sintetiza as características máis destacadas dunha manchea de mosteiros, algúns dos cales han ser de novo mencionados no momento de mergullar nos episodios sobre as congregacións de Castela e Valladolid.

A xeito de conclusión, Picallo informa de que no Reino de Galicia debeu haber non menos de 600 comunidades relixiosas, mentres que nos de León e Castela non se superaron os 200 e 350, respectivamente.

Após a exclaustración, a documentación duns 65 mosteiros foron parar ao Archivo Histórico Nacional (AHN), pergameos que non baixan do número de 10.000, dos que 1.288 proceden tan só da comunidade relixiosa de Oia. Este feito serviu de chamamento para seren reclamados e que se restituísen, de novo, ao acervo cultural galego.

Enviar un comentario

Por favor, asegúrese de ter introducida a información marcada con (*). O código HTML non está permitido.

Busca nesta web

Próximos actos

  • Viaxe aos mosteiros de San Pedro de Rocas (Ourense), e o de Ferreira de Pallares (Guntín. +

    Día 24 sábado Viaxe aos mosteiros de San Pedro de Rocas (Ourense), e o de Ferreira de Pallares (Guntín. Ler Máis
  • Viaxe a A Coruña para ver a exposición na Fundación Barrié, «O Bosco e Bruegel. Unha viaxe a mundos fantásticos» +

    Día 12 xoves Viaxe a A Coruña para ver a exposición na Fundación Barrié, «O Bosco e Bruegel. Unha viaxe… Ler Máis
  • Conferencia de Enrique Montenegro Rúa sobre “Santa Eulalia de Bóveda, cen anos dos descubrimento” +

    Día 24, martes ás 20 horas Salón de actos da Deputación Provincial Conferencia de Enrique Montenegro Rúa sobre “Santa Eulalia… Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO