Últimas novas da asociación LugoPatrimonio
O 3 de maio, con motivo da viaxe a Rumanía que varios socios da Asociación farán do 27 de maio ao 5 de xuño acompañados por Lois Diéguez, o escritor e poeta deu unha charla titulada "Diario de viaxe: polas terras de Rumanía", como limiar á visita a este país para el xa coñecido, facendo proxeccións e comentarios dos lugares a visitar: Bucarest, Sinaia, Bran, Brasov, Prejmer. Rasnouv, Brasov, Medias, Biertan, Sighisoara, Bicaz, Piatra Neamt, Targu Neamt, Humor, Varonet. Marxinea, Sucevita, Moldovita, Sadova, Bogd
Os días 30 de abril e 1 de maio, a Asociación viaxou as provincias de Zamora e León facendo de guía Ignacio Rodríguez Eguibar. Na mañá do primeiro día visitouse o que queda do Mosteiro de San Miguel de Moreruela de onde viñeron para Lugo as reliquias de San Froilán, que pertenceu ao Cister, sendo a parte que se conserva máis importante a cabeceira da igrexa, con sete capelas absidais e deambulatorio, de estilo de transición entre o románico e o gótico.
O 14 de abril, no salón de actos da Deputación Provincial, o historiador e presidente de LugoPatrimonio, Adolfo de Abel Vilela, deu a primeira charla do ciclo "Seguindo os pasos de san Froilán", co título "O culto a san Froilán en Lugo". Na disertación foi comentando as orixes do culto na cidade, que se remonta ao último terzo do século XV coa construción dunha capela na catedral, en 1605 decláraselle patrón de Lugo e en 1610 fundouse unha confraría para darlle un culto máis solemne, organizándose as primeiras festas profanas, que se celebraron intermitentemente no século XVII, chegando a desaparecer, recuperándose no último cuarto do século XIX.
A súa imaxe estivo no antigo retablo das Casas Consistoriais, hoxe na parroquia de Santa María de Villafiz, e na catedral está representado na capela nova de fins do século XVIII, no coro de Francisco de Moure, na capela do Pilar, e na fachada principal.
En 1894 fundouse unha parroquia coa súa advocación, e dedicóuselle a rúa que antes se chamaba do Sol e o novo cemiterio.
O sábado, día 2 de abril, dentro do ciclo "Manuel María: Amar a Vida", a Asociación fixo unha viaxe guiada por Lois Diéguez servíndose dunha selección que fixo de trinta poemas relacionados cos lugares máis íntimos do poeta. Os participantes comezaron a visita pola casa natal de Hortas, e recitaron os poemas que se entregaran previamente nunha edición impresa titulada "Viaxe sentimental por Outeiro de Rei e a Terra Cha", na Praza do Concello, cemiterio con ofrenda floral, campo de Santa Isabel, igrexa de Baamonde, San Alberte rematando en Penas de Rodas.
O xoves, día 31 de marzo, ás 20 horas, o profesor doutor Camilo Gómez Torres, autor de Manuel María: poesía, traballo lingüístico e traballo cultural, e Manuel María: os traballos e os días, así como varios artigos sobre a obra do poeta chairego, deu a conferencia "Manuel María: Obra poética", na que fixo unha análise das etapas evolutivas do autor de mil setecentos poemas publicados en máis dun cento de libros.
A Asociación Lugopatrimonio ofreceu onte un xantar de agradecemento ao escritor e poeta Lois Diéguez, cofundador e presidente da entidade cultural nos últimos dez anos. Un centenar de socios mostráronlle coa súa asistencia o seu recoñecemento ao traballo desenvolvido.
O actual presidente Adolfo de Abel Vilela pronunciou unhas palabras no nome dos asociados nas que recoñeceu a humanidade e a xenerosa entrega de Lois Diéguez a Asociación, no seu interese por divulgar a cultura do país e o seu patrimonio.
Como recordo do acto a vicepresidenta Branca Rodríguez Pazos entregoulle unha placa orixinal do ceramista Francisco Pérez Porto.
Pola súa parte Lois Diéguez agradeceu aos asistentes ao acto de irmandade, a colaboración prestada polas xuntas directivas, manifestando a súa satisfacción por ter vivido multitude de experiencias compartidas cos membros da Asociación. O escritor agasallou aos asistentes cun texto seu titulado "A nube azul. Conto con procura para os grandes viaxeiros e viaxeiras de LugoPatrimonio".
O día 3, xoves, ás 20 horas no Salón de actos da Deputación Provincial celebrouse a segunda actividade do Ciclo "Manuel María, amar a vida" que a Asociación dedica ao poeta chairego con motivo de ser o persoeiro ao que está dedicado o Día das Letras Galegas do ano 2016.
Interviron Bautista Álvarez, Pilar García Negro e Francisco Rodríguez, actuando como moderador Manuel López Foxo, todos eles vinculados co poeta por amizade e ideoloxía. Fixeron unha análise da obra do autor, recitando poemas seleccionados, e deron unha visión da súa actitude e compromiso persoal desde a experiencia de cada un.
O venres, día 5, comezou o ciclo dedicado a Manuel María: amar a vida, coa conferencia de Felipe Senén López titulada O sistema métrico de Manuel María.
LugoPatrimonio pon, con este ciclo, o interese e o amor pola vida e obra de Manuel María a través de diversos actos que se desenvolverán durante este ano de 2016. Para iso vai contar coas persoas que foron en vida do poeta quen animaron, apoiaron, amistaron de corazón ou estudaron a súa magna obra.
ACTIVIDADES DE FEBREIRO A MAIO DE 2016 DE LugoPatrimonio
FEBREIRO
Día 5 de febreiro, venres
ás 20 horas
Salón de actos da Deputación Provincial
Ciclo dedicado a Manuel María: "Amar a vida"
Conferencia de Felipe Senén López, "O sistema métrico de Manuel María".
MARZO
Día 3 de marzo, xoves
ás 20 horas
Salón de actos da Deputación Provincial
Mesa redonda, "Manuel María: poeta do pobo"
Bautista Álvarez
Pilar García Negro
Francisco Rodríguez
Moderador: Manuel López Foxo
Antes deste acto, entre 19 e 20 h. anotacións para a viaxe do día 2 de abril, por Outeiro de Rei e a Terra Cha guiada por Lois Diéguez.
Lugo Patrimonio renovou a súa xunta directiva no transcurso dunha asemblea extraordinaria celebrada a continuación da asemblea anual, cesando como presidente o escritor Lois Diéguez que ostentou o cargo desde a fundación hai dez anos.
A nova directiva, que presidirá o que era vicepresidente, o hisrtoriador Adolfo de Abel Vilela, esta formada por Branca Rodríguez Pazos, como vicepresidenta; Carmen Olga Ventosinos López, como secretaria; José Ángel Lence Iglesias, como tesoreiro; e vogais Julia Cantalapiedra Álvarez, Carolina Casal Chico e Antonio Vázquez Rouco. Dos sete membros de que consta a directiva, catro son novos.
A Asemblea agradeceu a Lois Diéguez a dedicación e entrega á Asociación que baixo o seu mandato adquiriu notable aceptación e prestixio, tanto pola calidade das actividades desenvolvidas como pola súa organización. A nova xunta directiva propuxo organizar un acto de agradecemento ao escritor e poeta que terá lugar no primeiro trimestre deste ano.
Así mesmo, deu a coñecer as actividades a desenvolver no presente ano que virarán en torno a tres ciclos de conferencias e viaxes, sobre o escritor e poeta Manuel María, ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas; outro sobre o Camiño Primitivo, con motivo da súa declaración como Patrimonio da Humanidade e un terceiro sobre a Ribeira Sacra, que aspira a que a UNESCO lle outorgue este recoñecemento. Ademais doutras actividades, haberá dúas conferencias e unha viaxe ás provincias de León e Zamora para coñecer os lugares históricos relacionados con San Froilán, e unha viaxe a Toro (Zamora) para visitar a exposición Aqua de Las Edades del Hombre.