Últimas Novas (558)

Últimas novas da asociación LugoPatrimonio

Clara María Ramos Taboada, “E ti ¿de quen ves sendo?”. Lucus Augusti como espello das relacións familiares na antiga Roma

14 de outubro

A conferenciante presentou a charla con dúas partes claramente diferenciadas. Na primeira dedicouse a contextualizar o mundo familiar en Roma. Nun primeiro comentario tratou de forma sucinta as liñas de investigación enfocadas nas relacións familiares durante a República romana, profundamente ligadas ao trato das elites e ao contexto político tardorrepublicano, poñendo a figura de Fulvia como exemplo desas redes familiares.

Centrouse despois no trato da familia romana durante o Alto Imperio. Este enfoque débese a que para este período (S. I – S. III d.C.) a cantidade e variedade de fontes é moito maior: desde as fontes literarias, a principal para coñecer a familia republicana, ata as xurídicas e epigráficas que amplían o espectro de tipos e clases de familia, tratando xa aos grupos populares ou “xentes do común”. Neste momento centrouse fundamentalmente no rexistro epigráfico, mostrando diferentes tipos de monumentos e textos do Occidente imperial para demostrar a riqueza documental deste tipo de fontes.

Que foi o Coloquio Internacional do Bimilenario de Lugo. Felipe Arias Vilas e Adolfo de Abel Vilela

16 de setembro

Para dar conta do que supuxo no seu momento a celebración do Bimilenario de Lugo, entre finais de 1975 e todo o ano 1976, organizouse unha mesa redonda con Felipe Arias Vilas e Adolfo de Abel Vilela, que participaron na organización e desenvolvemento de algunhas das actividades que se programaron.

Adolfo de Abel manifestou que só viven cinco persoas que estiveron implicadas na organización da efeméride, o que foi comisario, José Luis Hernangómez Sastre; o que era alcalde, Tomás Notario Vacas; o arquitecto de Belas Artes, Antonio González Trigo, e eles dous. Comezou facendo unha síntese da orixe e desenvolvemento das actividades programadas. A idea partiu do que era alcalde Fernando Pedros Roldán que fora convidado como alcalde dunha cidade romana ao Bimilenario de Badalona. Despois da viaxe, o 5 de maio de 1973 expuxo na Comisión Provincial de Patrimonio a idea de que se podía facer tamén a conmemoración da fundación de Lugo, o que foi aceptado. Para iso solicitou información ao catedrático de Latín da USC, Manuel Cecilio Díaz e Díaz, que aportase algunha noticia sobre o particular, o que non foi posible.

12 de setembro

O profesor da Área de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade de A Coruña, comezou dicindo que o latín, lingua itálica da familia indoeuropea, foi traído á Gallaecia polos colonos, funcionarios e soldados romanos.

O seu proceso de imposición e adopción xeral por parte da populación debeu de corresponder a un proceso relativamente lento e pode darse por iniciado coa expedición de Décimo Xunio Bruto no ano 137 a.d.n.e., que costuma entenderse como o inicio do enfrontamento bélico dos galaicos con Roma.

Co andar do tempo, o idioma evoluiría mercé a diversas causas, tales como o tipo de latín importado, a súa procedencia, a acción de substratos, o efecto dos superestratos altomedievais ou o isolamento do territorio por mor da queda do Imperio Romano.

Mércores, 10 Setembro 2025 23:20

PROGRAMACIÓN PARA O SEGUNDO SEMESTRE DO ANO 2025

PROGRAMACIÓN PARA O SEGUNDO SEMESTRE DO ANO 2025

SETEMBRO

Día 12, venres

ás 20 horas

Salón de actos da Deputación Provincial

Conferencia de Xosé Manuel Sánchez Rei filólogo, escritor, profesor titular na UDC sobre “O galego-portugués herdeiro do latín”.

Día 16, martes

ás 20 horas

Salón de actos da Deputación Provincial

Que foi o Coloquio Internacional do Bimilenario de Lugo. Felipe Arias Vilas e Adolfo de Abel Vilela.

Días 23, 24 e 25

Viaxe a Chaves e Braga. Saída ás 8 horas.

Martes, 24 Xuño 2025 10:36

Viaxe a A Coruña

21 de xuño

A viaxe encadrouse dentro do ciclo dedicado ao mundo romano, e tivo por finalidade visitar a Torre de Hércules e o Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón. Nestas dúas visitas acompañounos o arqueólogo e museólogo Felipe Senén López, que comezou as explicacións no centro de interpretación da Torre, ante a escultura de Hércules obra de Leiro, para comprender a evolución do faro vendo as maquetas e os planos, continuando despois coa visita ao monumento, desde as escavacións na base da torre ata a terraza superior.

4 de xuño

Na conferencia o profesor González García desenvolveu tres aspectos básicos que, ao mesmo tempo, permiten coñecer a historia da Torre de Hércules e marcan a súa singularidade como monumento histórico:

En primeiro lugar tratou sobre os motivos que levaron á construción dun faro, na época antiga, nestas paraxes do litoral galaico. Analizou o posible papel desenvolvido por este sector da costa coruñesa, e do litoral galego en xeral, nas liñas de contacto marítimo que, dende a Prehistoria, uniron ás distintas rexións da Europa atlántica e, mesmo, a estas co Mediterráneo.

Domingo, 15 Xuño 2025 14:18

VIAXE A ZARAGOZA E TARRAGONA

Do 5 ao 10 de maio de 2025

Dentro do ciclo dedicado ao Mundo Romano con motivo dos 50 anos de celebración do Bimilenario de Lugo, fixemos a viaxe para ver, no que respecta a arqueoloxía romana, Zaragoza capital e Tarragona na cidade e algún xacemento da provincia.

Dada a distancia organizamos o desprazamento facendo paradas en lugares que nos permitisen ver algún monumento interesante doutros períodos históricos, antes de xantar.

Visitas ao Mueso e Castro de Viladonga e a Sal Porta Miñá

22 de marzo

Nun día de auga fixemos pola mañá a viaxe ao Museo e Castro de Viladonga dentro do ciclo dedicado ao mundo romano. Despois de ver un vídeo explicativo o presidente da Asociación Adolfo de Abel Vilela fixo uns comentarios relacionados coa historia evolución do xacemento e das instalacións. O interese polo castro comeza en 1911 ao aparecer un torques de ouro, comezando as escavacións na década dos anos 70 baixo a dirección de Manuel Chamoso Lamas, contando coa presenza do arqueólogo Felipe Senén López, descubríndose un gran número de estruturas pertencentes a casas e abundante material de entre os séculos II a V d.C., pertencente á cultura galaico-romana. Desde o ano 1982 os traballos arqueolóxicos fixéronse baixo a dirección de Felipe Arias Vilas.

Martes, 20 Mai 2025 21:48

Viaxe a Astorga

Viaxe a Astorga

26 de abril

Dentro do ciclo romano viaxamos a Astorga onde desde os anos 80 acométense escavacións arqueolóxicas sistemáticas, ao igual que se fixo en Lugo, e desde esa data concluíron case douscentos de intervencións en solares urbanos.

Fixemos unha visita guiada a catro xacementos arqueolóxicos recuperados en varias escavacións, dous deles aparecidos ao facer uns edificios para vivendas, por riba da muralla. Un é unha parte do recinto defensivo do primitivo campamento, do que se conservan dúas liñas de fosos paralelos feitos pola Legio X Gemina onde despois se fundou a cidade de Asturica Augusta, por riba destes achados había unha domus que se eliminou por considerar de maior interese os que había debaixo.

Cara ao primeiro terzo do século I d.C. o foso interior xa esta inutilizado e iníciase sobre el a construción dunha muralla de pedra. Este muro completábase con torres semicirculares, unha das cales aparece cimentada no foso. Na segunda metade do século I d.C., esta primeira fortificación foi abandonada e a cidade estendeu a súa superficie pechada por outra muralla da que se conserva unha parte.

Conferencia de Julio García Camiñas sobre o “Dereito Romano, patrimonio inmaterial herdado”

9 de abril

O que foi catedrático de Dereito Romano na Universidade de A Coruña comezou dicindo que varios maxistrados e catedráticos da materia estiveron en Lugo, mencionando a Ángel Latorre Segura, maxistrado e catedrático nas universidades de Barcelona e Alcalá e Emilio Francisco Javier Valiño del Río, catedrático en Valencia, entre outros.

Fixo un inventario da herdanza que nos deixou Roma como patrimonio xurídico inmaterial conservado no Digesto (século VI d.C.) grazas ao espírito clasicista do emperador Xustiniano, que encargou á Comisión compiladora, presidida por Triboniano, que conservase o autor e a obra de orixe e procedencia de cada un dos fragmentos seleccionados e conservados nos 50 libros, títulos, fragmentos e parágrafos desa parte do Corpus Iuris, que é o Digesto. Roma é a patria do Dereito, non das leis, pois primeiro foi “o caso” e o xuíz árbitro e non a lei.

Referiuse á vida política, xurídica, procesual de Roma, SPQR (Senatus Populusque Romanus), senado e pobo de Roma e do que fixo desde a fundación no 753 a.C. na Monarquía, na República e no Principado co emperador como princeps, o primeiro dos cidadáns. Para comprender a creación e evolución do Dereito en Roma, distinguimos unha Época Arcaica ou de formación do Dereito, unha Época Clásica, de esplendor, clásica por ser digna de ser imitada, e unha Época Postclásica (230 d.C. en adiante) de decadencia e dereito vulgar, é dicir, sen xuristas.

Busca nesta web

Próximos actos

  • Viaxe a A Coruña para ver a exposición na Fundación Barrié, «O Bosco e Bruegel. Unha viaxe a mundos fantásticos» +

    Día 12 xoves Viaxe a A Coruña para ver a exposición na Fundación Barrié, «O Bosco e Bruegel. Unha viaxe… Ler Máis
  • Conferencia de Enrique Montenegro Rúa sobre “Santa Eulalia de Bóveda, cen anos dos descubrimento” +

    Día 24, martes ás 20 horas Salón de actos da Deputación Provincial Conferencia de Enrique Montenegro Rúa sobre “Santa Eulalia… Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO