Últimas Novas (551)

Últimas novas da asociación LugoPatrimonio

Copia o seguinte texto, ou descárgao en formato word premendo AQUÍ, cúbreo e envíao a: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. Para facermos seguimento podes enviar copia a: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. .

O texto da alegación é o seguinte:
Don/ Dona…………………………………………. con DI……………………….. e domicilio en………………………………………………………………………………………………………….
En relación coas Bases para a elaboración do decreto de plurilingüísmo presentado publicamente a noite do 30 de decembro de 2009, presenta as seguintes

ALEGACIÓNS

O borrador de decreto presentando na noite do 30 decembro:

1)   Non garante que os estudantes finalicen cada etapa educativa coas destrezas lingüísticas tamén en galego.- Todos os informes oficiais sinalan que hai un problema para conseguir que boa parte dos rapaces e das rapazas, sobre todo nas zonas urbanas, teñan fluidez comunicativa en galego. Diminuír a presenza da nosa lingua non fará máis que agravar a situación, vulnerando o dereito do alumnado a unha educación de calidade e pondo en perigo a pervivencia da nosa cultura.

2)   É unha proposta feita de costas á sociedade galega.- O presidente da Xunta sabe que non conta con ningún consenso do profesorado, o estudantado, as familias e da sociedade en xeral para este decretazo. Por iso o presentou na véspera de fin de ano, a última hora do serán, e sen que existise ningún proceso previo de diálogo nin contraste.

3)  Suporá enfrontamentos nos centros.- A Xunta fai deixadez das súas funcións e traslada o problema ao profesorado, ao estudantado e ás familias, que serán parcialmente consultadas (ben tendo en conta só o criterio da maioría, sen que se saiba que pasará coa minoría que se sinta perdedora; ben dando unha opinión cada catro anos, o que significa que uns pais darán a súa consideración sobre a educación das fillas e dos fillos doutros). A política lingüística e educativa non se pode limitar á opinión que poida ter a comunidade escolar, porque nos corresponde a todas as galegas e a todos os galegos. Hai que ter presentes criterios pedagóxicos e o dereito a unha educación en igualdade.

4)   É unha burla á cidadanía cando di que se vai impartir un terzo das materias en inglés, cando sabe que iso é totalmente inviábel, e sen se preocupar do fracaso escolar.- O presidente da Xunta mente conscientemente cando fala de “plurilingüismo”, pois sabe que iso é imposíbel de aplicar. Só utiliza o inglés para camuflar propagandisticamente o ataque contra o galego. Na verdade, os departamento de inglés non teñen un reforzo real para mellorar a aprendizaxe desta lingua e mesmo se recortan os recursos para a formación do profesorado e se reduce o número de profesores/as das escolas oficiais de idiomas. O reforzo e mellora do ensino de inglés no sistema educativo galego debe facerse con máis profesorado específico, con máis recursos e con grupos máis reducidos

5)  Vulnera leis básicas aprobadas por consenso e tratados internacionais de dereitos lingüísticos.- O decreto que o Goberno galego quere impor unilateralmente vulnera a letra e o espírito da Lei de normalización lingüística (arts. 12 e 13), así como da Carta europea de linguas rexionais ou minoritarias (art. 8). Un goberno serio, cívico e responsábel cumpre as leis e os tratados internacionais de dereitos humanos e de dereitos lingüísticos.

6)   Porque é unha agresión á dignidade da nosa cultura que haxa un goberno da Xunta que ande ás patadas coa lingua propia do noso país.- Temos que erguer a nosa voz con claridade e exclamar que, independentemente do idioma que falemos no noso día a día, os galegos e as galegas amamos a nosa lingua propia e queremos que non haxa políticas para discriminala, senón ao contrario: que se promova nos diferentes ámbitos, garantindo a igualdade de dereitos.

Fronte á imposición unilateral de Alberto Núñez Feijóo, reclamo que se escoite a voz das comunidades educativas. O presidente da Xunta debería lembrar que o decreto aínda en vigor contou co respaldo dos sindicatos que representan ao 90% do profesorado, a inmensa maioría das ANPAs, todas as organizacións estudantís e todos os movementos de renovación pedagóxica con actuación en Galiza. O seu decreto contra o galego, ao contrario, non xera máis que rexeitamento e preocupación.

Por todo isto

SOLICITA

A aplicación real e efectiva do decreto 124/2007 e do Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado por consenso e unanimidade polo Parlamento Galego.



Asdo:

Don/ Dona




En ……………………….a.. de xaneiro de 2010

 

Xoves, 21 Xaneiro 2010 15:25

AS FOTOS DA VIAXE Á CIDADE DA CORUÑA

Fermosa e atractiva cidade, mesmo nos grises do frío, e máis aínda se a vemos, como así pasou, con ese guía de fantasía que é Felipe-Senén López , o coñecedor máis profundo da xeografía do noso país, e do que tiñan que aprender bastante todos os nosos embaixadores, sobre todo os romanos. A cidade presentóusenos, pois, nos grises da beleza, no encanto das súas xentes e nese inmenso e nunca superado monumento formado pola Cidade Vella. Pero tamén topamos coa cidade dos desclasados gobernantes, esa cidade que comeza con aquela doma e castra dos chamados reis Católicos, cando crean a Real Audiencia, e cando se van montando posteriormente eses organismos militares que chegan a mudar, mesmo, os nomes propios e populares, a topografía e a configuración urbanística. Nótase isto no paseo, e chama a atención a ausencia do idioma propio, do galego, como se houbese unha programación para que A Coruña non se sinta galega e esqueza os seus símbolos e a súa historia. A política do cemento estoupa sobre os sufridos rochedos esmagados, e esas obras millonarias feitas tan só para que os nomes dos que se cren deuses perduren, sexan edificios, mobiliario urbano (a afronta violentísima deses farois enormes que chocan cos ollos) ou símbolos alleos á cultura de raíz. Así que o paseo foi instrutivo ao respecto, e as fotos que poñemos aquí mostran a variedade de formas e de programacións, de ideas, de prexuízos e fachendas. E, sobre todo, que A Coruña, a pesar dos poderosos destrutores, estoupa máis fermosa cando mostra as raíces creadas pola súa historia.

 

20100116_A_Corunha


Aspectos orixinais e diferentes dos habituais que se din da Coruña, a cruña, o corno, a coroa... como a definiu o eminente conferenciante e investigador da nosa historia e orixes, Felipe-Senén. Cativou a xente que acudiu durante máis dunha hora coas historias, lendas e investigacións propias sobre unha cidade que aínda hoxe, despois de polémicas incomprensíbeis, segue sen ser coñecida polos seus gobernantes, de aí a manipulación con que xogan para proveito exclusivo e persoal. Proba disto é o esquezo e desinterese en que se mantén o caso antigo, o corazón, logo, da Coruña. O próximo sábado veremos con Felipe-Senén, a pé, como é de rigor nos viaxeiros, as pedras e os contos, o positivo e negativo que mantén con gloria ou desacerto esta fermosísima cidade galega.

Luns, 11 Xaneiro 2010 11:43

Obradoiro de animación á lectura.

Estamos a preparar, seguindo a petición dalgúns asociados e asociadas, un Obradoiro de animación á lectura, que ten como fundamento familiarizarnos coa lectura e escrita do noso idioma, o galego. En principio, serán xornadas de dous días á semana (luns e martes), con hora e media cada un (entre 20 e 21,30 h.) e até contemplar o cómputo de 35 ou 40 h. en total.

Tratarase de facilitar simplemente a lectura, escritura e coñecemento da nosa lingua, sen complicacións gramaticais; simplemente para ter o convencemento de que sabemos ler e escribir en galego, e tratar de ampliar os nosos coñecementos nesta grande obra que construíron con amor e cariño os nosos antepasados.

En principio tamén, pensamos en realizar este proxecto en colaboración coa Vicepresidencia 2ª Área de Cultura da Deputación Provincial, así que necesitamos saber xa o número de asociados e asociadas, ou mesmo que non o sexan, (dependerá das prazas a cubrir) interesados nesta actividade.

A partir de hoxe, podedes chamar ao tfne. 676 800 227, ou mesmo escribir ao noso correo para saber o voso parecer e anotarvos (Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.). Tamén podedes deixar os vosos comentarios no foro previsto na páxina web; para facelo, despois de premer no enlace, premendo no botón Novo Tema, poderedes deixar o voso comentario.

Iniciaríamos esta actividade no mes de marzo.

Quedamos á vosa disposición para recoller o voso parecer.

 

Mañá, 12 de xaneiro do 2010, ás 20 h. e no salón de actos da Deputación provincial de Lugo, o arqueólogo, escritor e grande animador cultural, Felipe-Senén López, expoñerá mediante proxeccións e comentarios a conferencia: A Coruña desde unha visión orixinal e diferente: arqueoloxía e lenda.

Esta conferencia é parte inicial da viaxe que LugoPatrimonio proxecta a esta cidade da Coruña, para o próximo sábado, 16 de xaneiro, que será guiada tamén por este guía de excepción que é Felipe-Senén López .

As persoas que queiran participar na viaxe poderán anotarse o mesmo día da conferencia (12 de xaneiro), entre 18,30 h. e 20 h. e no mesmo lugar (salón de actos da Deputación Provincial de Lugo).

Lugo, 11 xaneiro 2010

A Xunta Directiva

 

O próximo día 1 de febreiro, ás 20 h. e no salón de actos da Deputación Provincial de Lugo, o noso presidente, Lois Diéguez, e a representante da axencia coa que imos viaxar a Exipto, Nadia Abelleira, presentarán mediante proxeccións a viaxe virtual por este fermoso e máxico páis que é Exipto.

Despois das proxeccións daremos os últimos avisos a ter en conta para a viaxe por Exipto e atenderemos calquera suxestión que se presente.

 

O representante da axencia de viaxes coa que viaxaremos a Exipto en febreiro, Josep Sala (Tarawa Travel), instruíunos o pasado día 18 de decembro, cunha interesante exposición sobre monumentos e paisaxes que durante a nosa estanza coñeceremos. Detallou, ademais, as condicións diversas que incidirán no goce máis axeitado. E foi sometido a un verdadeiro bombardeo de preguntas.


 

Luns, 21 Decembro 2009 21:10

VIAXE A EXIPTO. PROGRAMA E CONDICIÓNS



ESPECIAL "MISTERIOS DO NUBIO"

12FEB. ESPAÑA - O CAIRO
Presentación no aeroporto para coller o voo con destino ao Cairo. Chegada, asistencia por parte do noso representante e trámites de visado. Traslado ao hotel e aloxamento. 


13FEB. O CAIRO - LUXOR

Es posible que tu navegador no permita visualizar esta imagen. Almorzo. Pola mañá, visita das pirámides de Xiza: Quéops, Quefrén e Micerinos (non inclúe a entrada ao interior), a Esfinxe con cabeza humana e corpo de león e o templo do Val de Quefrén. Xantar en restaurante local. Máis tarde, dirixirémonos cara a Memphis, a antiga capital do imperio, e Sakkara, onde está situada a pirámide Graduada de Zoser. Finalizada esta visita, viaxaremos cara ao aeroporto para coller o voo con destino a Luxor. Chegada, traslado ao hotel e aloxamento.

14FEB. LUXOR

Almorzo. Pola mañá, dirixirémonos cara a Dendera, a uns 70 quilómetros ao norte de Luxor. Dendera, foi capital do culto á deusa Hathor, raíña do amor, da alegría, da música, da danza e da embriaguez. O templo de Hathor conta con dúas salas hipóstilas e o "patio do ano novo" con capiteis hathóricos. Dentro do templo hai doce criptas decoradas, e dúas capitallas funerarias de Osiris, dunha delas procede o célebre "zodíaco" que se expón no Museo do Louvre, en París. No tellado había unha capela onde se celebraba o rito da unión da deusa Hathor co disco solar. Un gran muro de adobes rodea o recinto cunha porta monumental de Domiciano e Traxano. Ao finalizarmos esta visita, proseguiremos cara a Abydos, unha das cidades máis sagradas do país durante a época faraónica. Abydos foi capital do culto a Osiris, o deus dos mortos, quen, segundo conta a lenda, acabou por repousar neste lugar despois de ser asasinado polo seu irmán Seth. Veremos o templo de Sety I. Morada do deus Osiris, disque que neste lugar está enterrada a cabeza de Osiris. Deste templo chegáronse a escribir libros pero o que máis me asombrou foi a parede na que se atopa a famosa "táboa real de Abydos". Nela atopamos os nomes de 76 faraóns, unha lista que vai dende Menes (primeiro faraón) ata Sety I, aínda que deixa no esquecemento algún que outro, entre eles faraóns tan famosos como Tutankhamon, Smenkhare, o Padre Ay e a raíña Hatshepsut. Xusto ao seu lado, atopamos a Sety I acompañado dun novo príncipe, Ramses II. Regreso a Luxor, cea nun restaurante local, traslado ao hotel e aloxamento. 


15FEB. LUXOR


Almorzo. Pola mañá, realizaremos a visita ao Val dos Reis, onde se edificou durante o Imperio Novo a necrópole real, o Val das Raíñas, a necrópole real das esposas dos faraóns e dos príncipes que non reinaron, principalmente das dinastías XIX e XX. O val recibiu o nome de "Praza das Belezas" e alberga 80 tumbas catalogadas, de desigual interese. Finalmente visitaremos o Val dos Nobres, no que se realizaron os enterramentos de máis de catrocentos nobres e altos dignitarios tebanos; tumbas que datan do período comprendido entre a VI dinastía e a época clásica. Situáronas nun outeiro con vistas ao Nilo e decoráronas con interesantes escenas da vida cotiá.

Es posible que tu navegador no permita visualizar esta imagen.

Posteriormente visitaremos tamén o templo de Hatshepsut, deseñado polo arquitecto favorito da raíña, Senmut, o responsable de lle dar a forma ao "sorriso da raíña", tal e como se coñece este fermoso monumento. Tamén veremos o templo funerario de Ramsés III, coñecido como Madinet Habu e os Colosos de Memnon. 
Traslado ao barco, aloxamento e xantar a bordo do barco. Pola tarde, realizáremos a visita do museo de Luxor, no que se atopan moitos dos restos arqueolóxicos localizados nos templos de Luxor e Karnak e tamén asistiremos ao espectáculo de luz e son no templo de Karnak. Ao finalizarmos a visita, regreso ao barco, cea e aloxamento. 




16FEB. LUXOR / ESNA

Almorzo. Visita aos templos de Luxor, o monumento máis emblemático da cidade e Karnak, considerado o máis grande do mundo. Xantar a bordo. Continuamos cara a Esna. Cruzaremos a esclusa de Esna (en caso de estar pechada, este percorrido realizarase en autocar) e seguiremos navegando cara a Edfu, cea e noite a bordo do barco. 


17FEB. ESNA / EDFU / KOM OMBO
Pensión completa. Chegada a Edfu, visita do templo de Edfu dedicado ao deus Horus. Navegación cara a Kom Ombo, visita do templo de Kom Ombo, o único dedicado a dúas divindades: o deus Sobek con cabeza de crocodilo, e o deus Haroeris con cabeza de falcón. Navegamos cara a Aswan, cea e noite a bordo do barco. 


18FEB. ASWAN

Almorzo. Pola mañá realizaremos a visita da gran presa de Aswan, unha das máis importantes do mundo e o obelisco inacabado. Xantar a bordo. Pola tarde, realizaremos un paseo en falucas, desde onde poderemos ver unha panorámica do mausoleo de Agha Khan, da illa Elefantina e do xardín botánico e remataremos coa visita a camelo até o poboado Nubio. Visita a illa de Philae. Regreso ao barco, cea e noite a bordo.



Es posible que tu navegador no permita visualizar esta imagen.

19FEB. ASWAN / ABU SIMBEL
Almorzo e desembarque. Saída por estrada cara a Abu Simbel e visita dos seus templos. Traslado ao cruceiro Nubio e xantar. Pola noite, asistiremos ao fantástico espectáculo de luz e son destes templos faraónicos. Cea e noite a bordo do barco. 






20FEB. ABU SIMBEL - KASR IBRIM - AMADA - WADI AL-SEBOUA
Pensión completa. Poderemos gozar dende o barco dos restos do templo de Kasr Ibrim. Pola tarde, visitaremos o templo de Amada, construído por Tutmosis III e Amenofis II e dedicado aos deuses Amon Ra e Ra-Horajyt. Continuaremos a visita coa Tumba de Penut. Navegación cara a Wadi Al-Seboua e noite a bordo do barco. 




21FEB. WADI AL-SEBOUA - DAKKA - ASWAN

Pensión completa. Visitaremos os templos de Wadi Al-Seboua, construído por Ramsés II, o templo de Dakka e o templo grecorromano de Moharraka. Navegación cara a Aswan e noite a bordo. 

22FEB. ASWAN - O CAIRO
Almorzo e desembarque. Despois da visita de Kalabsha, trasladarémonos cara ao aeroporto de Aswan para voar cara ao Cairo. Xantar en restaurante local (en función do horario do voo, este xantar realizarase en Aswan ou no Cairo). Chegada, asistencia e visita da cidadela de Saladino coa mesquita de Mohamed Ali e o Museo de Antigüidades. Remataremos a visita, dando un paseo polo bazar Khan Al-Khalili. Traslado ao hotel e aloxamento. 

23 FEBREIRO O CAIRO
Almorzo. Pola mañá sairemos para realizarmos as últimas visitas do Cairo, como a mesquita de Ahmed Ibn Tulun, o Sultán Hassan, Al-Azhar, Al-Rifai, e o Museo de Arte Islámica. Xantar en restaurante local. Continuaremos polo barrio Copto, e visitaremos a sinagoga Bez Ezra, a Igrexa Colgante, e a igrexa de San Sergio (non inclúe a visita ao Museo Copto). Regreso ao hotel e aloxamento. Pola noite, asistiremos ao espectáculo de luz e son das Pirámides, incluíndo a cea en restaurante local. Ao finalizar, regreso ao hotel e aloxamento. 

24FEB. O CAIRO - ESPAÑA
Almorzo no hotel. Á hora prevista, traslado ao aeroporto para coller o voo de regreso a España. Chegada e fin dos nosos servizos. 


NOTA: A orde do programa pode variar, mantendo sempre o seu contido.



HORARIOS DE VOOS (previstos):

12FEB  MAD-CAI  MS754  15.05-20.35 
13 FEB  CAI-LXR   A reconfirmar 
22 FEB  ASW-CAI   A reconfirmar 
24FEB  CAI-MAD  MS753  09.45-14.05


* MOTONAVE SOLARIS II ou SIMILAR - HOTEL RAMSES HILTON 
/ NOVOTEL O BORG ou SIMILAR (centro Cairo)


12-13 FEB: O CAIRO: H.RAMSES HILTON / NOVOTEL EL BORG ou SIMILAR 
13-15 FEB: LUXOR: H.SONESTA SAINT GEORGE ou SIMILAR 
15-19 FEB: CRUCEIRO NILO: MOTONAVE SOLARIS II ou SIMILAR 
19-22 FEB: CRUCEIRO NASSER: NUBIAN SEXA ou SIMILAR 
22-24 FEB: O CAIRO: H.RAMSES HILTON / NOVOTEL EL BORG ou SIMILAR 

Os prezos inclúen:

*Billete de avión Madrid-O Cairo-Madrid en liña regular en clase turista. 
*Voos internos O Cairo-Luxor/Aswan-O Cairo en liña regular 
*Todos os traslados

*Guía de viaxe por habitación dobre. 
*Guía en castelán durante todo o percorrido 
*3 noites no Cairo en réxime de aloxamento e almorzo 
*2 noites en Luxor en réxime de aloxamento e almorzo 
*4 noites de cruceiro polo Nilo en réxime de pensión completa 
*3 noites de cruceiro polo lago Nasser en réxime de pensión completa 
*Además incluímos 3 xantares no Cairo (1 deles poderá realizarse en Aswan en lugar de no Cairo, en función do horario do voo) 
*Tamén inclúe 1 cea na cidade do Cairo en restaurante (día de espectáculo de luz e son nas pirámides) 

*Visitas incluídas:

NA CIDADE DO CAIRO: 
-Templo do Val de Quefrén, pirámides de Quéops, Quefrén e Micerinos e Esfinxe 
-Memphis e Sakkara 
-Visita da cidadela de Saladino coa mesquita de Mohamed Ali, o museo de Antigüidades, o bazar Khan Al-Khalili. 
-Visita da mesquita de Ahmed Ibn Tulun, Sultán Hassan, Al-Azhar, Al-Rifai, Museo de Arte Islámica e Barrio Copto (non inclúe visita Museo Copto) 
-Espectáculo de Luz e Son nas Pirámides

EN LUXOR:
-Visita de Dendera e Abydos 
-Visita do Museo de Luxor, templos de Luxor e Karnak. 
-Espectáculo de Luz e Son no Templo de Karnak. 
-Val dos Reis, Val das Raíñas e Nobres,Templo de Hatschepsut, Madinet Habu, Colosos de Memnon. 

CRUCEIRO NILO:

-Templos de Edfu e Kom Ombo 
-Presa de Aswan e Obelisco Inacabado 
-Paseo en falucas 
-Visita a Philae 
-Poboado Nubio (entrada a camelo) 

CRUCEIRO NASSER:
-Espectáculo de luz e son en Abu Simbel 
-Templos de Kasr Ibrim, Amada 
-Tumba de Penut 
-Templo Wadi Al-Seboua, templo de Dakka, Moharraka e Kalabsha 
*Visado 
*Taxas aéreas 
*Seguro básico de viaxe 


Os prezos non inclúen:

*Bebidas 
*Propinas 
*A visita á Cidade dos Mortos 
*Entrada ao interior da pirámide de Quéops 
*Extras nos hoteis, como mini-bar, lavandaría, chamadas telefónicas, etc. 
*Nada non especificado no apartado anterior 
*PRECIO COTIZADO PARA GRUPO MÍNIMO DE 25 PERSOAS. 


PREZO POR PERSOA EN DOBRE: 1.635 EUROS
Suplemento individual: 420 EUROS


AUTOCAR HERVEY - Traslado autocar. 
Lugo- Aeroporto Madrid // Aeroporto Madrid - Lugo 
Importe total é de 1800 Euros que se repartirá entre os viaxeiros e viaxeiras ( Capacidade 25/30 persoas ).



CONDICIÓNS DO SEGURO 

- Na primeira folla indícase o seguro de básico incluído no prezo da viaxe. 

- O seguro opcional ten dous importes diferentes. As cláusulas son as mesmas para ambos os dous prezos pero vai variar o seu prezo dependendo do importe que se queira cubrir da viaxe: 

◦ 30 euros para cubrir cantidades até 1500 euros 
◦ 50 euros para cubrir cantidades até 3000 euros

Mostra a súa preocupación polo silencio que mantén a Xunta a respeito de varios proxectos iniciados nos dous últimos anos

Cunha participación importante de asociados e asociadas, a asemblea anual da nosa asociación, despois de dúas horas de traballo, aprobou diversos temas de interese para o futuro non só da propia asociación, senón da nosa cultura e patrimonio. Destacamos, entre eles, os seguintes:

  • Agradecido recoñecemento ao traballo realizado pola directiva durante o ano 2009, destacando a xestión económica e a programación das actividades. Asimesmo, cun longo aplauso, agradeceuse o labor da secretaria, Tareixa Cabello, que por diversas razóns persoais deixa esta responsabilidade.
  • Preocupación polo silencio que segue a manter a Delegada Territorial da Xunta a respeito de distintos proxectos relacionados coas Terras de Lemos e aprobados no Congreso sobre o Patrimonio Inmaterial, que se lle presentaron ao novo goberno autonómico pouco despois da toma de posesión. Moitos deses proxecto relacionados co futuro turístico, cultural e económico da comarca, que se comezaran a executar anteriormente, están neste momento paralizados. A Asemblea pídelle á Delegada Territorial que non adíe máis a data da entrevista solicitada con ela por parte das distintas asociacións de Lemos que traballan polo noso Patrimonio.
  • Preocupación pola persecución que está a sufrir por parte da Xunta de Galicia, o maior patrimonio creado polo pobo galego: o seu idioma.
  • Aprobación das actividades presentadas para desenvolver durante o ano 2010: viaxes e actos diversos relacionados cos mesmos, á Coruña, Vigo e Ferrol; Terras e xentes en Rosalía de Castro (viaxe de 2 días polas terras de Padrón); Terras do Bierzo seguindo a novela de Enrique Gil y Carrasco, “El señor de Bembibre”; Xornadas sobre a romanización, con viaxes e percorridos por Lugo, Bande, Valladolid e Palencia; O Courel de Novoneira para completar o coñecemento das terras nativas do poeta: Viaxe tamén seguindo os pasos da biografía de Inés de Castro con visitas a Coimbra, Alcobasa e outros lugares de Portugal; Ciclo do Ferro a desenvolver en diversos meses do ano (marzo, outubro e novembro), con visitas a Riotorto, Cervo, A Pontenova, Samos, Taramundi. Viaxe sorpresa a realizar en agosto.
  • Interese cultural e social destacado pola primeira viaxe que a asociación programa para o estranxeiro afastado, Exipto, que se presentou detalladamente no seu desenvolvemento e do que se poden ver condicións e datas noutro apartado desta mesma páxina.
  • Cursiño sobre Animación á Lectura co obxecto de perfeccionar o coñecemento oral e escrito do idioma galego.
  • Agradecemento aos distintos organismos públicos que nos axudaron a desenvoler a nosa actividade durante os dous últimos anos: Consellaría de Medio Rural, Agader, Sociedade de Xestión do Xacobeo, Consellaría de Industria, Vicepresidencia 1ª da Deputación Provincial, Concellos de Monforte, Chantada, A Pobra do Brollón, Taboada e Quiroga.
  • Condolencia pola morte de dous asociados moi queridos: Xesús Vilanova Vázquez e Cándido Rodríguez Caneiro.

Lugo, 12 decembro 2009

Busca nesta web

Próximos actos

  • Viaxe ao Alentejo. +

    Do 3 ao 7 Viaxe ao Alentejo. Ler Máis
  • Conferencia sobre “Dona Urraca, raíña de Galicia” +

    Día 19, martes ás 20 horas Salón de actos da Deputación Provincial Conferencia sobre “Dona Urraca, raíña de Galicia”, con Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO