Últimas novas da asociación LugoPatrimonio
Nas asembleas celebradas onte, día 14 de decembro, entre outros puntos acordouse:
Viaxe ao Entroido de Vilariño de Conso no mes de febreiro.
Viaxe de 12 días a Marrocos para coñecer as cidades históricas, as Kasbahs e o deserto, na semana Santa, aberta a quen queira participar, sexa asociado ou non, para o que se terá que informar e anotar no tfne. 676 800 227, antes do 26 de decembro.
Viaxes á Feira do Viño de Vilachá de Salvadur (A Pobra de Brollón), ou "Unha fin de semana no Val do Silencio".
O RAMO E A PAULIÑA
O Ramo: para a Deputación Provincial de Lugo, Area de Cultura, personificada nos deputados responsábeis Antón Bao e Mario Outeiro, pola súa atención e sensibilidade diante das nosas peticións e proxectos.
A Pauliña 1: para a Xunta de Galicia, Delegación territorial de Lugo, por desentenderse ou calar ante as distintas peticións que lle fixemos e negarse a recibir ás asociacións que traballamos polo Patrimonio.
A Pauliña 2: para o Valedor do Pobo, Benigno López, por solicitar a retirada dun libro de texto de Coñecemento do Medio de 5º de Educación Primaria, no que se reproducía o contido literal do artigo 5º.1 do Estatuto de Autonomía: “A lingua propia de Galiza é o galego”. Esta resolución excede os límites democraticamente permisíbeis e representa unha persecución afervoada contra a nosa lingua e a propia lexislación.
Lugo, 15 decembro 2011
O presidente: Lois Diéguez
VIAXE AO ENTRODIO DE VILARIÑO DE CONSO: pasaríamos a fin de semana do 18 e 19 de febreiro 2012 en Vilariño e zona para presenciar ese puro e fermosísimo Entroido popular. Teremos datos de visitas, fariñada e folións, dentro duns días, así como os custos, que rondarán, calculamos, os 100 euros con hotel, viaxe e comidas.
Anotacións: día 15 de decembro, xoves, de 19 a 20 h. na Galería Sargadelos, e tamén durante todo o día do 17, sábado, aproveitando a Festa Contos arredor do lume na Rectoral de Castillón.
VIAXE A MARROCOS: anotacións do 14 ao 26 de decembro chamando ao 676 800 227. Preme aquí ou na miniatura que hai debaixo deste párrafo para ver o Programa completo da viaxe .

O pasado día 14 tivo lugar na Galería Sargadelos de Lugo unha rolda de prensa convocada polas asociacións lucenses Clube Cultural Valle-Inclán; Ágora Lugo; Achádego Teatro; María Castaña e LugoPatrimonio, para informar sobre a solicitude presentada no Concello por estas asociacións para que, coincidindo coas obras de rehabilitación do parque dedicado a Rosalía de Castro, se levante un grande monumento de homenaxe e honra á poeta galega, vinculada á cidade con seu marido Manuel Murguía ao editor Manuel Soto Freire.
Os representantes das citadas asociación trasladáronse despois ao Concello para facer entrega do escrito aos grupos políticos solicitando o seu apoio.
Os temas "O pan e os fornos de Cea: orixe e actualidade", e "Evolución do consumo do pan", completaron os días 6 e 7 de setembro o Ciclo do Pan, que se ven desenvolvendo desde o mes de maio. Coa viaxe que o próximo 15 de outubro se realizará a Sober, á Escola de Hostelaría, cerrarase definitivamente o ciclo que ten xuntado a máis de 200 persoas nas diversas actividades. Nesta viaxe a Sober iniciarae o estudo doutro tema de interese, "Coñecer os petróglifos", mediante unha visita a varios gravados localizados na zona.
O domingo, día 28 de agosto, no xantar que anualmente fan os vecinos e veciñas de Salcedo a través da súa asociación, entegóuselle a Lois Diéguez a Carauta do Oso coa que até agora e nos últimos anos se cubría este personaxe sonado do Entroido salcedián cada luns desta celebración. Con este feito, os vecinos e veciñas querían agradecerlle ao escritor e presidente de LugoPatrimonio, o traballo que individualmente ten feito na súa obra literaria, sobranceiramente na novela A poutada do Oso, para agrandar e popularizar as actividades dunha aldea que hoxe é un exemplo a seguir por todas as demais; e colecivamente, lembrando tamén as asociación das Terras de Lemos que se veñen distinguindo por un amplo traballo a prol do patrimonio inmaterial . O presidente, Alberte Gonzáles, foi o encargado de facer a entrega. Lois Diéguez agradeceu o recoñecemento facendo primeiros protagonistas aos propios vecinos e veciñas, verdadeiros artífices dun traballo colectivo, plenamente galego e exemplo dunha cultura popular plenamente arraigada no pobo.