Últimas Novas (514)

Últimas novas da asociación LugoPatrimonio

Mostra a súa preocupación polo silencio que mantén a Xunta a respeito de varios proxectos iniciados nos dous últimos anos

Cunha participación importante de asociados e asociadas, a asemblea anual da nosa asociación, despois de dúas horas de traballo, aprobou diversos temas de interese para o futuro non só da propia asociación, senón da nosa cultura e patrimonio. Destacamos, entre eles, os seguintes:

  • Agradecido recoñecemento ao traballo realizado pola directiva durante o ano 2009, destacando a xestión económica e a programación das actividades. Asimesmo, cun longo aplauso, agradeceuse o labor da secretaria, Tareixa Cabello, que por diversas razóns persoais deixa esta responsabilidade.
  • Preocupación polo silencio que segue a manter a Delegada Territorial da Xunta a respeito de distintos proxectos relacionados coas Terras de Lemos e aprobados no Congreso sobre o Patrimonio Inmaterial, que se lle presentaron ao novo goberno autonómico pouco despois da toma de posesión. Moitos deses proxecto relacionados co futuro turístico, cultural e económico da comarca, que se comezaran a executar anteriormente, están neste momento paralizados. A Asemblea pídelle á Delegada Territorial que non adíe máis a data da entrevista solicitada con ela por parte das distintas asociacións de Lemos que traballan polo noso Patrimonio.
  • Preocupación pola persecución que está a sufrir por parte da Xunta de Galicia, o maior patrimonio creado polo pobo galego: o seu idioma.
  • Aprobación das actividades presentadas para desenvolver durante o ano 2010: viaxes e actos diversos relacionados cos mesmos, á Coruña, Vigo e Ferrol; Terras e xentes en Rosalía de Castro (viaxe de 2 días polas terras de Padrón); Terras do Bierzo seguindo a novela de Enrique Gil y Carrasco, “El señor de Bembibre”; Xornadas sobre a romanización, con viaxes e percorridos por Lugo, Bande, Valladolid e Palencia; O Courel de Novoneira para completar o coñecemento das terras nativas do poeta: Viaxe tamén seguindo os pasos da biografía de Inés de Castro con visitas a Coimbra, Alcobasa e outros lugares de Portugal; Ciclo do Ferro a desenvolver en diversos meses do ano (marzo, outubro e novembro), con visitas a Riotorto, Cervo, A Pontenova, Samos, Taramundi. Viaxe sorpresa a realizar en agosto.
  • Interese cultural e social destacado pola primeira viaxe que a asociación programa para o estranxeiro afastado, Exipto, que se presentou detalladamente no seu desenvolvemento e do que se poden ver condicións e datas noutro apartado desta mesma páxina.
  • Cursiño sobre Animación á Lectura co obxecto de perfeccionar o coñecemento oral e escrito do idioma galego.
  • Agradecemento aos distintos organismos públicos que nos axudaron a desenvoler a nosa actividade durante os dous últimos anos: Consellaría de Medio Rural, Agader, Sociedade de Xestión do Xacobeo, Consellaría de Industria, Vicepresidencia 1ª da Deputación Provincial, Concellos de Monforte, Chantada, A Pobra do Brollón, Taboada e Quiroga.
  • Condolencia pola morte de dous asociados moi queridos: Xesús Vilanova Vázquez e Cándido Rodríguez Caneiro.

Lugo, 12 decembro 2009

Venres, 04 Decembro 2009 14:10

Vente connosco a Exipto

Aínda que os datos non son definitivos, si podemos ofrecer unha avanzada nos mesmos.


  • Andaremos por Exipto entre os días 12 e 24 de febreiro.
  • O prezo, con case todo incluído, achegarase aos 1700 euros.
  • O prazo para anotarse está fixado até o 22 de decembro. Se che interesa, sexas ou non asociado ou asociada de LugoPatrimonio, chama ao telefone 676 800 227.
  • Deseguido ofrecémosche os lugares que visitaremos:

O CAIRO

  • Pirámides de Gizeh e Esfinxe. Visita interior da de Keops.
  • Menphis
  • Saqqarah
  • Espectáculo de luz e son nas Pirámides
  • Cidadela. Mesquitas de Ahmed Ibn Tulun, sultán Hassan, El-Azhar, Al-Rifai e mesquita de Alabastro.
  • Museo arqueolóxico.
  • Museo de Arte Islámico.
  • Barrio Copto
  • Cidade dos mortos.
  • Mercado el Khalili.

CRUCEIRO POLO LAGO NASSER

  • Templo de Kalabsha
  • Templo de Beit el Wali
  • Quiosco de Kertasi
  • Templo de Wadi El Sebua
  • Templo de Daka el Maharraka
  • Templo de Amada. Tumba de Pennut
  • Kars Ibrim
  • ABU SIMBEL (Templos de Ramsés II e Nefertari. Espectáculo de luz e son)

ASSUÁN

  • Presa Alta
  • Canteiras de granito e Obelisco inacabado.
  • Paseo en falua pola Illa Elefantina. Paseo en camelo até a aldea nubia.
  • Illa de Philae. Templo de Isis. Espectáculo de luz e son.

KOM OMBO

  • Templo de Sobek e Haroeris.

EDFU

  • Templo de Horus.

LUXOR

  • Necrópole de Tebas
  • Val dos Reis con visita a 5 ou 6 tumbas.
  • Val das Raíñas con visita a 1 tumba.
  • Templo de Hatshepsut.
  • Val dos nobres con visita a 3 tumbas.
  • Templo de Medinet Habu.
  • Colosos de Menon.
  • Templo de Karnak. Espectáculo de luz e son.
  • Templo e museo de Luxor.

DENDERA

  • Templo de Hathor.

ABYDOS

  • Templo de Osiris.
  • Templo de Ramsés II.

 

Día 2, mércores: conferencia e proxeccións de Delfín Caseiro Nogueiras (escritor), sobre Viaxe de Inverno: Ourense interior, ás 20 h. no salón de actos da Deputación provincial.

Anotacións para a viaxe do día 19, no mesmo lugar, entre 19 e 20 h. Prazas limitadas a 50. Preferencia das asociadas-os sobre os que non o son.

 

Día 19, sábado: viaxe ao Ourense interior nestes días de inverno, para visitar os seguintes puntos: San Pedro de Rocas (mosteiro e Centro de Interpretación da vida monástica), Xunqueira de Espadañedo (mosteiro e igrexa románica), Montederramo, (mosteiro e igrexa), Santuario dos Milagres (igrexa), Xunqueira de Ambía (igrexa románica de Santa María a Real) e Ourense, onde a última hora da tarde faremos unha visita ao Belén de Arturo Baltar e teremos un encontro con el para falar da súa obra.Deseguido, tendo en conta que se cumpre o 50 aniversario da edición de A Esmorga, de Eduardo Blanco Amor, faremos un percorrido por dous ou tres puntos do roteiro da mesma sinalados nas rúas de Ourense próximas ao Belén.

Día 11, venres: asemblea ordinaria anual para ver como andamos de cartos e que imos facer durante o ano 2010.

Lugo,  novembro 2009

Martes, 10 Novembro 2009 11:58

Ás portas de Rinlo

 

Froito dun ano de laboriosidade, o fotógrafo Fernando Páez (Ribadeo, 1953) preséntanos “Ás portas de Rinlo”, a súa persoal visión das xentes e paisaxes deste lugar primixenio e antigo. O gusto do fotógrafo pola representación silenciosa do paso do tempo (“Incursións”, 2005) e o pulso para captar o inenarrable continúan vivos neste novo traballo. O artista retrata os veciños en actitude estoica ás portas das súas casas ou no límite do espazo transitado dos cantís, captando a súa ineludible e dura existencia diaria. As imaxes austeras, melancólicas e naturalistas son tanto unha homenaxe ás persoas e a natureza portentosa que os protexe e alimenta como unha reflexión sobre a sinxela e heroica relación que o mundo tradicional é capaz de establecer co medio que habita e constrúe. O artista capta a resonancia poética desta existencia e conmovenos coa representación do mais humilde, inhóspito ou extravagante; marcas propias da identidade elusiva deste lugar.


“Ás portas de Rinlo” forma parte da iniciativa cidadá “A prol de Rinlo BIC”. O obxectivo é resaltar a singularidade e o valor patrimonial de Rinlo a través da mirada atenta e sensible da arte, reivindicando o valor do vernáculo e a paisaxe histórica do núcleo. O fin que nos alenta é o de promover a causa da súa conservación, concienciando ós cidadáns da importancia de defender e valorar o propio. O catálogo da exposición que publica a Área de Cultura da Deputación de Lugo reúne un total de 50 imaxes que nos acercan e recrean a beleza acumulada no espazo imaxinario da historia e a cultura tradicional que esmorece. Sumar vontades a favor da protección e declaración de Rinlo un Ben de Interese Cultural pode ser o primeiro paso cara a unha actitude máis responsable cos entornos tradicionais en que vivimos, unha oportunidade para comezar a construír un futuro sen perder o sentido e o significado do pasado.


Carlota Eiros, arquitecta

 

Invitación Refectorio "Ás portas de Rinlo"

Ás Portas de Rinlo

 

 

Venres, 06 Novembro 2009 17:22

OUTRA BARBARIDADE


O asfaltado da lonxa do Parque


Criamos que eran cousas do pasado os atentados ao patrimonio e as barbaridades urbanísticas. Está claro que para o Parque de Rosalía e a súa contorna non corren bos tempos. Tamén criamos que cun alcalde filósofo e unha concelleira de Cultura e Turismo profesora de historia na Universidade, a sensibilidade faríase valer sobre o que ten os picos e as pas pero que carece do coñecemento suficiente para poder discernir entre o que ten mérito do que non o ten, do estético e do antiestético. Pero equivocámonos, porque o ser de letras parece que non garante unha predisposición á sensibilidade, nin ao cultivo do bo gusto, nin ao aprecio polas cousas ben feitas. Estes políticos son o exemplo da paletada, o mal gusto e o despropósito.

Primeiro permitiuse unha urbanización nun lugar que nos vai privar das fermosas vistas que se divisaban desde a pérgola. Precisamente don Ángel López Pérez, a quen se debe o parque, comprou no seu día unha leira para evitar que se construíse nela e entorpecese a que era unha das vistas máis bonitas de Galicia.

Despois demoleuse o pedestal da estatua da España, un exemplo Déco da arquitectura do cemento dos anos 20, no que foron ao vertedoiro catro escudos de cerámica de Manises e causáronse graves danos á escultura fundida en Sargadelos. Fíxose para pór no seu lugar un pastiche fóra de contexto e mal executado.

E agora acábase de cubrir con alcatrán unha lonxa cun pavimento artístico, realizada fai 45 anos con materiais nobres, lastras de granito e canto rodado, deseñada polo arquitecto Efrén García Fernández por encargo do Concello en 1961, e executada en 1964. E isto faise co pretexto de que é custoso mantela. Así que, xeneralizando o argumento, non debería de estrañarnos de que calquera día nos sorprendamos co mesmo tratamento na contorna da Catedral.


Día 3 de novembro, martes: ás 20 h. no salón de actos da Deputación provincial, exposición e proxeccións dos investigadores Orlando Viveiro Veiga e L. Hixinio Flores Rivas sobre Os Ancares no outono: paisaxe e vida, conferencia previa á viaxe a realizar na xornada do sábado, 7 de novembro.


Antes desta conferencia, entre as 18,30 e as 20 h. quen queira participar na viaxe, poderase anotar no mesmo lugar (salón de actos da Deputación). Para a admisión, as asociadas e asociados terán preferencia sobre os que non o son.

Día 7 de novembro, sábado:

PAISAXE E VIDA: OS ANCARES NO OUTONO. Itinerario

8.00.-Saída de Lugo do lugar habitual (fronte Instituto Lucus Augusti).

9.30.-Parada en Navia para tomar café, ver a ponte medieval e máis a casa torre.

10.30.-Chegada a Coro, lugar da parroquia de Rao, onde veremos a distribución das construcións no espazo do lugar: casa e adxectivas (hórreo, cuartín, palleiro,....). Restos de unha palloza. Capela de Santa Mariña. Andaina deica o Muíño de Morodo que está no río Murias, xusto cando se xunta co Rao. No paseo veremos a paisaxe con espectaculares castiñeiros, avelairas, etc.

12.15.-Parada breve en Santa María de Rao, para ver o Castiñeiro das cruces (fotografiado nos anos trinta do século XX por Walter Ebeling), e tamén unha ollada á igrexa.

13.00.-Saída para Balouta, pasando por Murias, con breve parada despois para ver o val do Rao. Entrada na Gorxa do Rao con espectacular vexetación e cores (dende o marrón até o amarelo dos freixos). Veremos de facer algunha parada breve.

13.30.-Comida en Balouta.

15.00.-Visita breve a Balouta.

15.30.-Saída para o Porto de Ancares e Mirador de Balouta. Explicación dos vales de Candín, Suárbol, e Balouta así como dos picos máis representativos como o Miravales.

16.00.-Baixada para Suárbol e o Piornedo.

16.30.-Visita ao Piornedo. Paseo polo núcleo para observar a súa estrutura e situación das construcións. Visita á Palloza museo do Sesto onde trataremos de facer aportacións á exposición sobre a morfoloxía e funcións da palloza. Tamén teremos contacto con xente da Asociación "O Teixeiro" para ofrecer unha explicación/interpretación musical coa pandeira como protagonista.

18.30/19.00.-Saída para Lugo.

21.00.-Chegada estimada.

A Asociación cultural LugoPatrimonio, e no seu nome, o Presidente, D. Lois Diéguez, o día 18 de outubro do 2009, tomou a resolución que deseguido se detalla:

A felicitación a D. Óscar López Mendaña, que durante a mañá do día 18 de outubro desenvolveu, xuntos con outras persoas, unha guía orixinal e atractiva á cidade de Viana do Bolo, conducindo a 47 persoas de Lugo, Vigo, A Coruña e outros lugares de Galiza.

Destacamos a forma orixinal, pois co recibimento cariñoso dun grupo de pandereiteiras que nos ofreceron unha mostra do vestiario, cancións e música de Viana, o paseo polos lugares destacados da cidade, ese detalle sempre agradecido dos bocadiños ou almorzo de media mañá, e a visita tan agradábel e intelixente (teatro sentido de Óscar e Susana, bos actores tamén), á torre medieval e ao seu museo etnográfico (por certo, esplendidamente montado), conseguiron que as 47 viaxeiras e viaxeiros, deixaran a promesa de volver un día con amigos e familiares a coñecer con máis tempo non só a cidade, senón tamén o resto do concello e a comarca.

LugoPatrimonio ten unha longa experiencia viaxeira por moitos países e culturas, e sabe apreciar a calidade dun lugar e a exposición que sobre o mesmo se pode artellar, e o atractivo que na mesma se pode conseguir, de aí esta insistencia en deixarlle patente aos veciños e veciñas de Viana e ás súas autoridades, o potencial e o bo futuro económico que se poden desenvolver, coa experiencia e maxisterio de guías e participantes como arriba deixamos relatado.

LugoPatrimonio, asimesmo, na despedida e agradecementos que fixemos diante do castelo de Viana, deixou a promesa de asistir a esa outra parte que, loxicamente, non puidemos ver, como é o sonado e colorido Entroido de Viana cos personaxes tan atractivos como son os Boteiros, e como non, con esa gastronomía que, do mesmo xeito, valoramos xa na vila de O Bolo.

Exténdanse estas palabras agradecidas ao seu alcalde como representante máis directos do pobo de Viana do Bolo.

Viana do Bolo, a 18 de outubro do 2009-10-25

O Presidente de LugoPatrimonio

Es posible que tu navegador no permita visualizar esta imagen.

Asdo: Lois Diéguez

As terras de Viana, viaxe con proxeccións e música, da autoría de D. Óscar López Mendaña, animador sociocultural.

 

O Vicepresidente da Deputación D. Antón Bao, patrocinador do ciclo, e o presidente de LugoPatrimonio, D. Lois Diéguez, facendo a clausura oficial deste Ciclo.

 

Dª Sabela Rodríguez lendo o poema Hino ao Viño, de Florencio M. Delgado Gurriarán.

 

Conferencia de D.X. M. Fernández Anguiano sobre Aspectos técnicos do viño: a súa relación coa saúde.

A Plataforma na Defensa do Patrimonio das Pontes vén de denunciar unha nova agresión no campo de mámoas da Mourela

Logo de se cumpriren máis de dous anos da destrución dos restos do círculo lítico da Mourela, as máquinas que traballan no selado dos taludes da autovía AG-64 veñen de destruir parcialmente un dos túmulos que se atopan emprazados a escasos metros dos noiros da autovía.

 

En http://www.amigus.org/mourela.php informan  diariamente das novidades.

 

Podes ver tamén as fotos do sucedido no seu DIARIO NECROLÓXICO DO CÍRCULO LÍTICO DA MOURELA.


Sábado, 10 Outubro 2009 07:23

QUEREMOS GALEGO!

QUEREMOS GALEGO!


LugoPatrimonio, xunto con milleiros de persoas, colectivos e asociacións, constituiu a Plataforma Queremos Galego para loitar contra a persecución que está a sufrir o noso idioma. Nunca aceptaremos que se hostigue de xeito tan vil o máis grande patrimonio creado polo noso pobo.

 

queremos galego

QUEREMOS GALEGO é unha plataforma cidadá que nace coa pretensión de unir persoas, colectivos e institucións da máis diversa natureza baixo tres premisas básicas:

 

1.  A lingua galega é patrimonio e ferramenta de comunicación do pobo galego, e as institucións públicas teñen a responsabilidade e obriga de protexela e promocionala. 

2.  A normalización lingüística ten que ser un proceso progresivo, polo que desde as institucións públicas non se poden tomar medidas que desprotexan ou reduzan a presenza do galego en ningún ámbito. 

3.  Os acordos asinados por todos só poden ser substituídos por acordos asinados por todos, e o consenso para a lingua galega está no fixado no Plan xeral de normalización da lingua galega aprobado por unanimidade no Parlamento galego en 2004, así como na Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, ratificado por unanimidade polo Congreso en 2001.

http://www.queremosgalego.org/


Busca nesta web

Próximos actos

  • Viaxe a Cambados +

    Día 20, sábado Viaxe a Cambados. Visita a Cambados, obra artística de Manolo Paz, Leiro e Asorey. Pazo de Fefiñáns. Ler Máis
  • Conferencia de Iván Moure Pazos sobre "Ruína antrópica e biótica na Sintra contemporánea”. +

    Día 23 de abril, martes ás 20 horas Salón de actos da Deputación Provincial Conferencia de Iván Moure Pazos sobre Ler Máis
  • Viaxe a Sintra +

    MAIO Días 5 ao 8 Viaxe a Sintra (Portugal). Saída ás 8 h. Ler Máis
  • Anotacións para a viaxe do día 22 de xuño a Pambre, Narla e a viaxe a Mérida +

    Día 10 de maio, venres Salón de actos da Deputación Provincial De 19,30 a 20 h., anotacións para a viaxe Ler Máis
  • Conferencia de María Isabel Iglesias Baldonedo sobre o escultor Francisco Asorey +

    Día 10 de maio, venres ás 20 horas Salón de actos da Deputación Provincial Conferencia de María Isabel Iglesias Baldonedo Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO