Martes, 14 Abril 2015 00:00

O Dolmen e a Serpe Destacado

 

O Dolmen e a Serpe

 


Lois Diéguez

 


Unha mirada a un patrimonio que de distintas formas se nos está indo, no seu contido, na  súa valoración, ou na propia forma.

Non corren tempos de amor para o noso patrimonio, un dos sinais de identidade máis importante dunha cultura, polo xeral, afastada da protección que necesitaría. O roubo e mesmo o crime, van agora da man, e un non acaba de entender ese mal sino que sofren grandes monumentos nosos como O Códice Calixtino, a Virxe do Cristal ou as rehabilitacións feitas a machado e sen o mínimo respecto obrigado. E o desprezo ás asociacións que veñen traballando por erguer a conciencia necesaria para o resgate do que, en moitos casos, se oculta ou se deixa morrer. LugoPatrimonio, por exemplo, segue aínda esperando despois de case catro anos, a entrevista solicitada á suprema Delegada Territorial da Xunta para a provincia de Lugo, unha tal Raquel Arias. Ela debe crer que o patrimonio, a cultura, son outra parcela do PP e ante ela se hai que dobregar.

Visitamos hai uns días, da man dese home, museólogo e arqueólogo, que neste momento ten as claves e o coñecemento máis diverso a respecto do noso patrimonio, de aquí e tamén do que a nosa historia, por diversas razóns, deixou polo mundo adiante. Non só emigramos nós, senón moito da grande riqueza que creamos. Falo de Felipe-Senén López. Con el vimos moito mundo, cousa que sempre lle agradecemos. E hai uns días, como dicía, visitamos dous dos nosos garandes monumentos, A Serpe de Gondomil e o Dolmen de Dombate, aló, polas terras de Corme e Ponteceso, do sempre sorprendente Bergatiños que asoma ao mar bravo, e no río Anllóns, compañeiro poético do grande Pondal. Agora que só vivo de tristes suidades,/que cumpro con traballo meu terrenal viaxe/ e que á miña cabeza branquea a grave edade,/ aínda recordo, aínda, o dólmen de Dombate. Así era.

 


Aínda recordo, si, hai anos xa, as veces que iamos ver o Dolmen, os pinos, a natureza rodeando o monumento, contextualizando a mesma descrición que dela fai Pondal ao definilo, pois sen iso, sen o contexto das cousas as mesmas cousas perden o corazón e a alma. Inmenso e solemne baixo o ceo druída, animado polo rexo son dos pinos, o canto da choiva ou a ira do sol (Quedaba o misterioso, fillo doutras edades,/ ca súa antiga mesa, cas súas antigas antes,/ no seu monte de terra, no alto e ben roldante,/ poboado en redondo de montesío estrame,/ de pequenas queiroas e de toxos non grandes...).

Non se pode conservar o valioso desterrándoo ao illamento, ao cromo, á urbanizacion que mata. Ou poñéndolle ese pesado e rechamante teito que máis que protexelo, faino desaparecer. Non se pode. O exemplo de Newgranxe, no condado de Meath, o xacemento arqueolóxico máis importante de Irlanda, sería a outra cara da conservación do corazón que fai sentir as grandes obras. E nesta, na daquí, foron millóns de euros os que se investiron. Para isto?

Non lonxe de Dombate, de Borneiro, podemos ver outro dos nosos grandes monumentos. Quizabes non chame a atención pola súa monumentalidade, porque é pequeno e sinxelo, deses que non valen para encher as ansias dos homes e mulleres de pouco corazón e grande vaidade. A Pedra da Serpe é, crucificada moito máis tarde da súa orixe, polo símbolo cristián que guerreaba arreo contra o paganismo. Ese gravado rodeando a pena, enroscándose en ondas, alado como se quixera fuxir dos seus perseguidores, lévanos ao mito e á lenda, á tribo dos Saefes que seica encheron estes dominios. Coa sinxeleza da obra antiga e popular, e coa emoción de nos facer partícipes dun período noso do que vimos. As orixes veñen de aí, tamén.Pero a súa beleza contrasta co castigo do lugar, pois cercárona cunha estrada en curva e cruzamento, con desniveis perigosos e cun espazo tan cativo que mesmo parece colgada. Véndoa, un sente a vergoña de se identificar con gobernantes que así tratan o noso herdo, e non comprende tal desleixo se o comparamos con eses millóns de euros enterrados aí á beira, na urbanización salvaxe do Dolmen de Dombate.

Sensibilidade, amor, orgullo do noso... son facultades ou sentimentos inequivocamente necesarios como pertencentes a unha cultura que nos definiu en pobo e idioma propios. Sen eles é imposíbel sentir vergoña ou decepción ante o que aquí narramos. No século XXI quizabes isto se teña que denominar como barbarie. O mau está en que os e as responsábeis da desfeita (os bárbaros alleados) non ouvirán, non verán... e acaso rirán. E o pobo galego, por isto, seguirá debilitándose.

Enviar un comentario

Por favor, asegúrese de ter introducida a información marcada con (*). O código HTML non está permitido.

Busca nesta web

Próximos actos

  • Conferencia de Ramón Izquierdo Peiró e Daniel Lorenzo Santos sobre a exposición das Idades do Home en Santiago +

    Día 22, martes Conferencia de Ramón Izquierdo Peiró e Daniel Lorenzo Santos sobre a exposición das Idades do Home en Ler Máis
  • Viaxe a Santiago para visitar as exposicións “As Idade do Home. Hospitalitas” e “Unha vida vikinga”. +

    Día 26, sábado Viaxe a Santiago para visitar as exposicións “As Idade do Home. Hospitalitas” e “Unha vida vikinga”. Saída Ler Máis
  • Anotación para a viaxe a Monforte, visitas ao Museo de Arte Sacra das Clarisas e á Compañía. +

    Día 12, martes Conferencia de José Alberto Morais Morán “Fermosas, magníficas, admirables e de labrados mármores: as basílicas cristiáns de Ler Máis
  • Conferencia de José Alberto Morais Morán “Fermosas, magníficas, admirables e de labrados mármores: as basílicas cristiáns de Augusta Emerita". +

    Día 12, martes Conferencia de José Alberto Morais Morán “Fermosas, magníficas, admirables e de labrados mármores: as basílicas cristiáns de Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO