Últimas novas da asociación LugoPatrimonio
A
colaboración entre a Irmandade Santo Estevo e MariñaPatrimonio para a
protección deste ben patrimonial dá os seus primeiros froitos ao
recoñecer a Xunta o lugar como xacemento arqueolóxico.
Barreiros, a 22 de xaneiro de 2014.-
O pasado mes de setembro MariñaPatrimonio solicitou á Xunta a inclusión
no Inventario de xacementos arqueolóxicos a antiga capela de Santo
Estevo, o antigo cemiterio e as antigas construcións e abrigos naturais
nos que habitaban as ermitás do Santo Estevo. Trala inspeción de campo e
a localización destes vestixios arqueolóxicos, os técnicos de
Patrimonio incluíron este sitio arqueolóxico no Inventario coa clave GA
27005014.
Santo Estevo do Ermo ou de Augas Santas é un oasis no inmenso eucaliptal da Mariña. Esta pequena fraga, asfixiada polos eucaliptos, conserva no seu interior un rico patimonio natural, paisaxístico, cultural, relixioso e arqueolóxico. Facendo un percorrido por esta xoia natural e cultural atopamos unha vizosa vexetación autóctona, que agocha a actual capela, construída no 1765 e en cuxa contorna se ven celebrando dende tempos inmemoriables a romaría do Santo Estevo. Preto da capela podemos contemplar a fermosa fervenza, coñecida como o revertedoiro. Outros lugares de gran interese son a Fonte de Santa Rosa, arredor da cal centos de panos penduran das pólas das abeleiras e as súas augas curan as doenzas da pel; a Fonte de Augas Santas con augas ferruxinosas, boas para combater a anemia, e a Pena da Ferradura na que o cabalo de Santiago deixou a súa pegada.
Menos coñecida, aínda que viva na memoria colectiva dos veciños da contorna, é a existencia das ruínas da antiga capela, do antigo cemiterio e dos lugares habitados polas ermitás.
A Irmandade de Santo Estevo publicou en maio do ano pasado o interesante libro O santo Estevo do Ermo e a súa fraga no que recollen probas documentais da existencia destes bens patrimoniais.
Co recoñecemento da Xunta deste sitio arqueolóxico e a súa inclusión no Inventario, este ben patrimonial goza da protección que debería evitar a destrución e a desaparición deste interesantísimo lugar arqueolóxico. Desgrazadamente, igual que ocorre na maioría dos restos arqueolóxicos da Mariña, este de Santo Estevo non se libra da súa plantación de eucalipto. A industria forestal, irresponsable e destrutora do patrimonio, non respecta nin os antigos cemiterios.
Dende a Irmandade de Santo Estevo e a asociación MariñaPatrimonio consideramos que sería bo que a Xunta, o Concello, a industria forestal do eucalipto, as asociacións e os veciños unisen vontades e esforzos para protexer dun xeito integral o Santo Estevo do Ermo. O primeiro paso sería retirar os eucaliptos dos restos arqueolóxicos da antiga capela e do cemiterio.
Unha vez máis cómpre lembrar que protexer o noso patrimonio é responsabilidade de todos e supón un ben rendible para toda a sociedade.
Ligazón para as fotos. http://www.flickr.com/photos/
Lugo, novembro do 2013
A Xunta Directiva
Na páxina http://www.gzcultura.org/campantildeas.html estase a relaizar unha campaña pola titularidade pública e o desfrute universal do patrimonio artístico das antigas Caixas de Aforro Galegas. Podedes premer na ligazón para obter máis información e asinar a favor desta campaña.
Lugopatrimonio, lamenta a retirada do Museo Provincial de Lugo dos fondos de ourivería castrexa e pintura depositados no seu día polo mecenas lucense don Álvaro Gil Varela, debido á falta de acordo entre a Deputación Provincial e os herdeiros aos que o Tribunal Supremo, confirmou dúas sentenzas anteriores obrigando ao Museo a devolución, cuxa propiedade lle fora negada polo anterior presidente da Deputación, Francisco Cacharro Pardo. Agora, despois de varios anos de conversas cos herdeiros de don Álvaro Gil Varela, e como era de agardar, esta lección de pintura e ourivería váisenos, e con ela, o que até agora foi un símbolo lugués propio, colectivo, o cal nos empobrece e nos deixa na tristeza. Somos conscientes dos esforzos que o actual deputado de Cultura, D. Mario Outeiro, fixo, e iso é xusto lembralo. E botamos de menos tamén unha maior actividade por parte dos diversos sectores culturais da provincia de Lugo durante estes longos meses de conversas, encontros e desencontros, como tamén o estraño desinterese que ao respecto mostrou a Xunta de Galiza en todo momento.
Ante este fatal desenlace é de agardar que as institucións locais e autonómica fagan un esforzo para compensalo, investindo nos proxectos abertos de arqueoloxía, actualmente parados, e moi especialmente no Museo da Romanización que non só non reagrupa e reorganiza tanta riqueza de obxectos romanos atopados na cidade, senón que deixa no abandono total un edificio singular da mesma.
Esperamos, así mesmo, e como corolario desta experiencia, que outra grande colección artística galega, como é a de Nova Caixa Galicia Banco, pola desidia dos actuais gobernantes, non remate en mans dos coleccionistas europeos ou mesmo norteamericanos.
Lugo, a 25 de outubro do 2013
Por LugoPatrimonio, o presidente
Lois Diéguez
Outubro e Novembro
31 outubro, xoves: anotacións ás visitas e merenda do 30 de novembro, na Pazo das Pombas (Praza do Campo) entre 19 e 20.
15, venres: proxección da película "O nome da rosa", do director Jean Jacques Annaud, baseada na novela do mesmo nome de Umberto Eco , ás 19,30 h. no salón de actos da Deputación Provincial, como remate do ciclo "Coñecer o Gótico". Introdución: Lois Diéguez.
30, sábado: 15:30 h.: visita á Catedral de Lugo para ver: cubertas e parte gótica, pinturas da Capela Maior. De seguido, convento de san Francisco e San Domingos.
19 h., merenda: chocolate con churros no Hotel Méndez Núñez.
Decembro
Día 2, luns: anotacións para a Festa do 14, na Galería Sargadelos, entre 19 e 20 h.
Ás 20 h.: Asemblea Xeral anual, na Galería Sargadelos.
Día 14, sábado: Contos e música na Finca Galea de Alfoz: Entrega de premios aos asociados-as distinguidos este ano; contos, chistes e música con intervención aberta. Almorzo e xantar. Visitas á Finca da Galea e ao seu museo da Auga. Até as 20 h. que regresaremos a Lugo. Detallarase o Programa completo nos próximos días. Facemos unha chamada ás asociadas e asociados para que preparen as intervencións segundo o seu criterio.
Lugo, outubro 2013
A Xunta Directiva