Luns, 05 Xaneiro 2015 11:58

Anacos de Galiza “perdidos”

Deberamos saber, máis aínda os que teñen responsabilidades de goberno, cal é o estado da cuestión do patrimonio cultural da Igrexa e do que non se sabe, oculto en clausuras, adegas, faiados... tamén que, ó fin e ó cabo, foi a Igrexa a que mantivo e propiciou románicos, góticos, renacementos ou barrocos entre liturxias vivas.  Debemos saber tamén como anda o patrimonio do Exército nos seus cuarteis, o patrimonio, industrial...como está o mesmo patrimonio da Universidade, en facultades, nalgunha das que se forman xestores culturais, coas súas coleccións, documentos... Saber en que situación se atopa o patrimonio da Administración, en Concellos, Deputacións... con obra artística repartida  por despachos, quizais esquecida en almacéns... E coñecer como están os “fondos en reserva” dos mesmos museos. Mergullarse no  mercado legal, vixiar o ilegal de antigüidades e de arte, o que se ve e o que non se ve. Transaccións arredor de antolóxicos anacos da Historia, que pasan de man a man até que esvaece a pista: a Lúnula de Cerdido, o Medallón do Pindo, doado ó decimonónico  ministro Romero Ortiz e finalmente perdido no Museo dos Alcázares de Toledo... A Cruz de Alfonso III da Catedral de Santiago, desaparecida no 1906; o broncíneo Eolo de Espasante, o alixo da idade do bronce de Monforte, parte de torques áureos de Xanceda... cousas que temos comprobado existen.

Bens extraviados por diferentes motivos, e sempre a ignorancia por medio, esa falla de amor ás nosas cousas e o conseguinte abandono, namentres outros asexan. Mesmo pezas estragadas pola voracidade climatolóxica e polo inevitable paso do tempo. Falla de profesionalidade na xestión cultural,  transaccións  e préstamos non devoltos, seguidos despois da perda da memoria... Namentres se empobrece o que ofrecemos nos museos e apampamos por grandilocuentes carcasas e montaxes virtuais que axiña pasan de moda. Os documentos históricos son inversións en alza. Proba de que a museoloxía en Galiza non avanza. Sabía e servíase ben Murguía e saben @s historiador@s  do que de Galiza, das súas cidades, mosteiros, catedrais, castelos e pazos, había e hai no Arquivo Histórico Nacional de Simancas e Madrid, no Escorial, nas feudais casas de Alba,  Medinaceli ou de Medinasidonia, e máis arquivos.



Sabemos como o  British, entre outros grandes museos, ofrecen entre as súas coleccións “célticas” torques de Galiza, mesmo báculos abaciais, esmaltes, relicarios  que formaron parte do tesouros  dalgunha casa, pazo, mosteiro ou catedral e que un día saíron pola porta faxeira. Como desapareceu o esmalte central de Limoges da arquiña do San Martiño da Catedral de Ourense, ou como no 1913 foi a venda por parte do Duque de Alba da pintura da Epifanía, obra do mestre flamenco Van der Goes  do  Colexio de Santa María da Antiga de Monforte de Lemos, hoxe estrela na Gemäldegalerie de Berlín. Un de tantos enganos entre listos e parvos, como se de colonizadores e colonizados se tratara. As diademas da Ría do Eo no Arqueolóxico de Madrid e no Lázaro Galdiano...

As Cantigas de Alfonso X na Biblioteca Nacional de Madrid e tantas outras custodiadas en coleccións e bibliotecas do mundo. A coidadosa  Biblia feita polos xudeus coruñeses, do 1475, na actualidade na Bodleian Library de Oxford, coñecida como “Biblia Kenikott”. O mesmo camiño de ida e sen volta fixeron as laudes hebreas atopadas na Punta dos Xudeos, Palloza coruñesa, cara ó madrileño Museo Arqueolóxico Nacional, hoxe parece que no Museo Sefardí de Toledo. O crucifixo do sc. XIV, procedente da parroquial coruñesa  de Santiago, “prestado”a fins dos anos corenta para unha exposición sobre Colón no entón restaurado Mosteiro da Rábida, Palos de Moguer,  e alí quedou a perpetuidade, xa  como “Cristo de los navegantes o de  “La Rábida” … E se de cristos se trata, vixiemos  o  tamén gótico do Cebreiro, o  que polos anos sesenta e por razón de seguridade, cedeuse ó Museo Nacional de Escultura de Valladolid (?), para facerse una copia e poñela no altar. Co esperpento de que, recentemente, “restaurouse” a copia e nada se pregunta do orixinal.

A Colección Blanco Cicerón de arte e arqueoloxía, como o arquivo do historiador Ángel del Castillo, as de numismática de Cuena, Orol, que desmanteladas saíron en poxa en diferentes galerías arredor do ano 2000. Pese á falla en museos galegos das coleccións monetarias  acuñadas nas cecas da Coruña e de Xubia.

Si, houbo decimonónicos intentos de reunir antolóxicos anacos do crevatestas da Historia de Galicia como na Exposición Rexional de 1909 en Compostela, con obras antolóxicas, moitas das que agora nin se sabe. A placa de mármore coa xenealoxía nazarí, atopada tras o altar da betanceira igrexa de Santa María do Azougue, botín e ofrenda dun de tantos galegos metidos a conquistadores en terras de mouros, hoxe no Museo da Alhambra. Velaí tamén as catro columnas do primitivo altar da Catedral compostelán, repartidas polo mundo,  as esculturas románicas desaparecidas  polos primeiros anos cincuenta dos tímpanos do Mosteiro de Carboeiro, nas ribeiras do Deza, agora no Museo Marés de Barcelona. Os leóns de mármore de Carrara do Pasatempo de Betanzos, hoxe na entrada ó parque de Covadonga.  E as esculturas dos dous profetas, Abraham e Isaac, obras de Mateo e que complementaban o  Pórtico da Gloria da catedral de Santiago, que mercadas no 1947 ó conde de Ximonde polo Concello de Compostela, o alcalde Porto Anido, decidiu regalarllas ó “Generalisimo” que a tantos bos e xenerosos levou ós paredóns e  deixou nas cunetas, hoxe no coruñés pazo de Cornide... Velaí  acibeches galegos nas vitrinas da Colección madrileña Valencia de don Juán. No 1926 o Concello da Coruña presidido por don Manuel Casas inaugura no Salón da Alcaldía unha vitrina con autógrafos de Rosalía Castro, o selo que ela usaba... ulos hoxe?

Sabemos do enfrontamento cos museos centralistas de Ferro Couselo, Filgueira Valverde e especialmente de Chamoso Lamas. Algo temos vivido referente ó Casco de Leiro (Rianxo) que dende o 1975 se mostra no Museo Arqueolóxico do Castelo de S.Antón da Coruña, fronte á teima de Martín Almagro de levalo a Madrid. Pola contra velaí o “Códice da Coruña”, logo  “Códice Tudela” e finalmente “Códice del Museo de América”, onde se mostra en Madrid, obra azteca do século XVI traída á Coruña por algún viaxeiro e que até 1947 na casa da rúa Tabernas dos Bermúdez de Castro e co que xogaba de neno Carlos Martínez Barbeito, segundo contou.  E velaí, máis recente, o modio romano de Ponte Punide, no Museo Arqueolóxico de Madrid.

A mellor obra de Fernando Álvarez de Sotomayor, cedida ó Estado, foi repartida entre despachos, embaixadas, non reclamada, pese a súa ausencia nos museos galegos. Entre outros baleiros de obras antolóxicas que si se prodigan por corredores e despachos de entidades privadas, o caso de Llorens, Urbano Lugrís, Sucasas... debuxos e pinturas do Primeiro Picasso, do seu pai, dos seus mestres e compañeiros coruñeses... E tantas cousas da ciencia galega, país de aviadores como Loriga, que até levaron as súas cinzas dende Losón en Lalín a Madrid... Piñeiro, Iglesias Braxe, cun gran legado de documentos, obsequios... A Historias da fotografía e do Cine, asociado ó porto e ás feiras: Sellier, Lino Pérez, Claudino Pita, Isaac Fraga, Cesáreo González... E xa vemos en museos nórdicos barcas, carros galegos... e non tardaremos en ver outras nosas cousas. ¿E qué pasou co Museo de Fenosa?, tan en relación cos encoros, coa electricidade, ¿Qué pasou co Museo da Radio da R.N.E da Coruña ?... Algunhas de tantas cousas que se me ocorren hoxe, e o que non se sabe. Acabaremos crendo que Galiza nada tivo e nada ten.

Máis en ésta categoría Viaxe a Grecia: videos de Victoria Jato »

Enviar un comentario

Por favor, asegúrese de ter introducida a información marcada con (*). O código HTML non está permitido.

Busca nesta web

Próximos actos

  • Conferencia de Ramón Izquierdo Peiró e Daniel Lorenzo Santos sobre a exposición das Idades do Home en Santiago +

    Día 22, martes Conferencia de Ramón Izquierdo Peiró e Daniel Lorenzo Santos sobre a exposición das Idades do Home en Ler Máis
  • Viaxe a Santiago para visitar as exposicións “As Idade do Home. Hospitalitas” e “Unha vida vikinga”. +

    Día 26, sábado Viaxe a Santiago para visitar as exposicións “As Idade do Home. Hospitalitas” e “Unha vida vikinga”. Saída Ler Máis
  • Anotación para a viaxe a Monforte, visitas ao Museo de Arte Sacra das Clarisas e á Compañía. +

    Día 12, martes Conferencia de José Alberto Morais Morán “Fermosas, magníficas, admirables e de labrados mármores: as basílicas cristiáns de Ler Máis
  • Conferencia de José Alberto Morais Morán “Fermosas, magníficas, admirables e de labrados mármores: as basílicas cristiáns de Augusta Emerita". +

    Día 12, martes Conferencia de José Alberto Morais Morán “Fermosas, magníficas, admirables e de labrados mármores: as basílicas cristiáns de Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO