Mércores, 15 Mai 2024 16:46

Conferencia de Maribel Iglesias Baldonedo sobre “Francisco Asorey, escultor galego”

10 de maio

Con motivo do Día das artes galegas, que se celebrou o día 1 de abril, dedicado ao escultor Francisco Asorey, Lugo Patrimonio programou dúas actividades, unha conferencia sobre o agasallado que impartiu a doutora Maribel Iglesias Baldonedo, e un roteiro para ver as catro esculturas que hai en Lugo, dúas en madeira, unha en pedra e outra en mármore, e un monumento.

A profesora comezou encadrando ao escultor na época do primeiro cuarto do século XX, na xeración Nós, cando se constitúen as Irmandades da Fala e o Seminario de Estudos Galegos, onde aparecen as ideas que levaran ao mundo político, co nacionalismo, e a elaboración e aprobación dun Estatuto de autonomía, una xeración distinta da de mediados do século XIX, que bota en falta as artes medievais.

As ideas eran aquí as do momento, igual que en Europa. A obra de arte debe reflexar o dos sentidos. Vicente Risco vai a ser un dos ideólogos do nacionalismo galego e o divulgador destas ideas teosóficas, dun movemento de idealistas onde haberá tamén un lugar para o esoterismo, e nos que algúns consumen substancias psicotrópicas. Fixo unha lectura dun parágrafo do artigo “Nós, os inadaptados”, publicado no número 115 da Revista Nós en 1933. Esta xeración redescubre a Galicia e reivindica o noso.

Francisco Asorey vai con 14 anos a estudiar ás escolas dos salesianos de Sarriá para formarse na escultura relixiosa co profesor Parellada, facendo o modelado en barro, baleirado en escaiola, e reprodución do modelo no mesmo material que despois se traslada a escala co compás de puntos para facer a talla en madeira a escala, rematándoa coa policromía.

En 1906 trasládase a Baracaldo, onde foi profesor de debuxo e onde tivo un importante taller de imaxinería. Coa súa obra “Viúva do Pescador”, obtivo a segunda medalla da Exposición Rexional Galega celebrada en Santiago de Compostela no ano 1909, o mesmo no que se traslada a Madrid, que era o centro oficialista e académico, onde reside dez anos tratando de abrirse camiño no mundo da Arte facendo algúns encargos, tendo relación co pintor Julio Romero de Torres, que influirá en algunha das súas primeiras obras, coincidindo tamén con Bujados e Castelao.

A Academia de España en Roma, era eminentemente conservadora en comparación coas vangardas que se desenvolvían en París nese momento, como o cubismo. Auguste Rodin vai a revolucionar a escultura, crea unha linguaxe novidosa, fai unha obra abocetada porque lle interesa o instante, o inacabado e que se poda contemplar desde distintos puntos de vista.

En Madrid ten éxito Castelao que traballa a caricatura, que para el era a verdade, non esaxera os defectos senón que os pon onde non os hai. “Lo jondo” (1914), é unha escena caricaturesca feita por Asorey, un tema andaluz influenciado pola pintura “Bulerías” de Julio Romero. No relativo ao estilo dicir que o gravado xaponés, cun debuxo moi lineal, vai a influír nos artistas modernistas.

En 1918, obtén a praza de escultor anatómico da Facultade de Medicina de Santiago de Compostela, descubrindo a escultura románica, especialmente a do Pórtico da Gloria. Unha obra desta época é “Cabaleiros negros” (1915) que representa a un grupo de cóengos, caricaturesco, con influencia da escultura de Rodin “Os burgueses de Calais”, pero na execución dos pregues das roupa máis relacionado con rei David da Porta de Praterías da catedral. Outro exemplo nesa liña é “Rezo de beatas”.

As Irmandades da Fala reclaman a identidade galega, xa non é rexionalismo, senón nacionalismo. Hai unha reivindicación de facer unha arte galega. Á exposición da Coruña de 1918, leva “Devotiños” e outras obras, “Mater” versión dunha maternidade que se atopa na Porta de Praterías. En referencia a esta exposición a Nosa Terra fala de nacionalismo artístico. “A picariña” (1919), talla en madeira policromada, ten que ver co mundo da escultura románica, como a simetría, unha peza simbolista, co espírito galego, é unha metáfora de Galicia que Castelao vai a cualificar como a primeira escultura galega.

Presenta a “Naiciña” á Exposición Nacional de Belas Artes, unha escultura en madeira policromada que representa a unha maternidade. Seoane dixo que Galicia se simbolizaba na nai. Non consegue premio, pero en Cambados, a súa vila de orixe, fixéronlle como desagravio un xantar de homenaxe ao que asistiron unhas duascentas persoas.

Fala das esculturas en madeira que hai no Museo Provincial de Lugo, Na “Ofrenda a San Ramón” (1923), vese que Asorey ten tendencia as formas triangulares e a representar mulleres de ollos azuis e pelo loiro, seguindo a teoría de Risco de que somos celtas, atlánticos e románticos. Relaciona esta obra coa chamada “O tesouro”, que representa a unha muller que sostén en brazos un becerro, vestida co traxe tradicional, que é menos frontal e xoga máis co volume.

Na Exposición Nacional de 1924 consegue a segunda medalla, e en 1926 manda dúas obras, “Santa”, unha muller galega nua con pano na cabeza e un xugo nos ombreiros, que escandalizou a raíña Victoria Eugenia por considerala subversiva, e o “San Francisco”, que a conferenciante considera como a mellor escultura do artista, coa que consegue a primeira medalla. Hai nesta obra, que se pode contemplar arredor, un ideal co franciscanismo de pobreza e vida austera. Ramón Cabanillas dixo dela que sería un santo galego., por humilde e pobre.

Nestas pezas talladas en madeira, resulta innovadora a policromía que queda dentro da madeira, permitindo ver o trazo da gubia e incorporando elementos metálicos, como os cravos ou os pendentes.

Rematou mencionando algúns dos seus monumentos labrados en pedra, e falando das esculturas que hai en Lugo, como a Virxe do Hospital de Santa María (1930), inspirada na imaxe da Virxe dos Ollos Grandes, moi simbolista, con roupas galegas e zocas, e a representación da muralla na coroa, o monumento ao alcalde Ángel López Pérez, e o “Cristo Redentor” (1935), peza de mármore que se atopa nun panteón do cemiterio.

 

Enviar un comentario

Por favor, asegúrese de ter introducida a información marcada con (*). O código HTML non está permitido.

Busca nesta web

Próximos actos

  • Conferencia de Ramón Izquierdo Peiró e Daniel Lorenzo Santos sobre a exposición das Idades do Home en Santiago +

    Día 22, martes Conferencia de Ramón Izquierdo Peiró e Daniel Lorenzo Santos sobre a exposición das Idades do Home en Ler Máis
  • Viaxe a Santiago para visitar as exposicións “As Idade do Home. Hospitalitas” e “Unha vida vikinga”. +

    Día 26, sábado Viaxe a Santiago para visitar as exposicións “As Idade do Home. Hospitalitas” e “Unha vida vikinga”. Saída Ler Máis
  • Anotación para a viaxe a Monforte, visitas ao Museo de Arte Sacra das Clarisas e á Compañía. +

    Día 12, martes Conferencia de José Alberto Morais Morán “Fermosas, magníficas, admirables e de labrados mármores: as basílicas cristiáns de Ler Máis
  • Conferencia de José Alberto Morais Morán “Fermosas, magníficas, admirables e de labrados mármores: as basílicas cristiáns de Augusta Emerita". +

    Día 12, martes Conferencia de José Alberto Morais Morán “Fermosas, magníficas, admirables e de labrados mármores: as basílicas cristiáns de Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO