Xoves, 02 Novembro 2023 09:09

Viaxe á Vila Romana da Olmeda

28 – 29 de outubro

Anque o obxecto principal da viaxe era visitar a vila romana de La Olmeda, para ver un exemplo significativo de colaboración entre os particulares e as administracións para a conservación do patrimonio, sempre aproveitamos para ver outros monumentos de interese que estean no itinerario que temos que facer. Os corenta viaxeiros que saímos de Lugo fixemos a primeira parada en Santoyo (Palencia), un pobo castelán que estivo amurallado, para ver a igrexa de San Xoán Bautista, con elementos arquitectónicos que van desde o románico ao tardo gótico, acompañados da guía que tiñamos contratada. Polo exterior vese unha igrexa fortaleza, nas inmediacións está o hospital sanxoanista, coa torre das campás ameada e unha de planta hexagonal máis pequena nas inmediacións das portas de acceso, a principal con pórtico con adornos de estilo renacentista deseñada por Diego de Siloé. No interior chamounos a atención as altas bóvedas de crucería, e o artesoado mudéxar do coro, así como o retablo principal, renacentista, e os secundarios de estilo barroco.

Despois desprazámonos a Támara de Campos, para ver a igrexa de San Hipólito el Real, como a anterior, de grandes proporcións a pesar de que os pobos eran pequenos, con partes de estilo gótico, renacentista e barroco. Polo tamaño, semella unha catedral, con tres naves con bóvedas de crucería, separadas polos arcos formeiros que se apoian en dez grandes columnas cilíndricas con capiteis decorados con temas zoomorfos, vexetais e historiados. Os varios rosetóns e as fiestras góticas danlle unha gran luminosidade. A capela maior esta separada por unha boa reixa renacentista. O retablo maior de estilo barroco, segue a estrutura dos renacentistas, con predela, dous corpos e cinco rúas, presidido pola imaxe de San Hipólito a cabalo. A decoración de xeso do púlpito, e da estrutura sobre a que se asenta o coro, é de estilo gótico florido. A instalación do órgano barroco é singular, sobre unha plataforma sustentada por unha columna, cunha escaleira apegada para acceso ao instrumento e a casa do organista. Tamén é notable a pía bautismal do século XV.

Despois de xantar en Frómista, fixemos unha visita ao cinvento de Santa Clara en Astudillo, fundado no século XIV por María de Padilla, instalado no seu palacio coñecido como o de Don Pedro I, de estilo mudéxar, no que destacan os artesoados e alfarjes deste estilo e os adornos feitos en xeso, elementos recuperados do abandono polas monxas. Rematamos a visita no museo que contén obxectos relixiosos.

De regreso a Frómista, paramos na esclusa do Canal de Castilla onde a guía nos explicou a orixe e utilización de esta infraestrutura de trasporte do cereal iniciada a finais do século XVIII que estivo en funcionamento ata achegada do ferrocarril. Despois vimos polo exterior, por estar pechada, a igrexa de San Martiño de Tours. Edificio singular de estilo románico no Camiño de Santiago, que ordenou construír dona Maior de Castela na segunda metade do século XI, como parte dun mosteiro que desapareceu, que chama atención polas torres cilíndricas defensivas da fachada principal, as ábsidas, e os elementos do conxunto escultórico de cans, capiteis e arquivoltas das portadas, deténdose no significado dalgúns destes elementos. O estilo corresponde co chamado románico palentino e o da catedral de Jaca.

Como nos aloxamos no mosteiro de San Zoilo en Carrión de los Condes, o día 29 antes de saír, fixemos unha visita á igrexa e ao claustro renacentista guiada pola tesoureira, Julia Cantalapiedra Álvarez. Despois trasladámonos a Saldaña para ver na igrexa de San Pedro o Museo de la Villa Romana de la Olmeda, moi ben montado, no que se expoñen 305 obxectos en vitrinas, con paneis informativos, maquetas e proxeccións. O Museo compleméntase cunha sala na que se pode contemplar a patena mozárabe procedente de Valcabado, xunto a Saldaña, e un facsímile do famoso Beato de Valcabado que se conserva na Universidade de Valladolid. Nesta mesma sala pódense ver algunhas mostras do patrimonio histórico-artístico de Saldaña e a súa comarca.

Pasamos despois a ver o xacemento nunha visita guiada por un facultativo, onde se nos deu conta da distribución e dedicación das estancias da vila e dos magníficos mosaicos que contén, coñecemento do que xa dispoñíamos grazas á conferencia de José Alberto Morais Morán. A vila foi descubertade o 5 de xullo de 1968 polo propietario da finca, Javier Cortes Álvarez de Miranda. Escavada baixo a dirección do catedrático Pedro de Palol á súa costa durante 12 anos, incluído o levantamento e conservación dos primeiros mosaicos e construción dos primeiros edificios e visitas. O 7 de maio de 1980 foi doada á Deputación creándose o Padroado da Villa Romana La Olmeda. Entre 1981 e 1984 o xacemento foi protexido por un edificio proxectado polo estudio Paredes-Pedrosa Arquitectos, que recibiu varior premios.

Tanto a igrexa de San Pedro de Saldaña que alberga o Museo, cedida polo bispado de Palencia á Deputación para este fin, como o xacemento arqueolóxico de Pedrosa de la Vega, son dous exemplos de recuperación, conservación e promoción do patrimonio arquitectónico e arqueolóxico en colaboración entre o propietario da finca e descubridor e a Deputación de Palencia.

Antes do xantar que fixemos en Villalcazar de Sirga, visitamos a igrexa de Santa María la Blanca acompañados de Julia Cantalapiedra que deu as explicacións oportunas sobre este un templo-fortaleza empezado a construír a finais do século XII, na transición do románico ao gótico, e terminado no século XIV, destacando o conxunto escultórico da portada, protogótico do século XIII. No interior destacan o retablo maior, gótico dos séculos XV e XVI, e os tres sepulcros góticos policromados dos séculos XIII e XIV que están na capela de Santiago, o do infante Felipe de Castela e Suabia, fillo de Fernando III o Santo e irmán de Alfonso X o Sabio, falecido en 1274, o de Inés Rodríguez Girón, segunda esposa do infante Felipe, e o de Juan de Pereira, cabaleiro da Orde de Santiago.

Despois de xantar regresamos a Lugo.

Enviar un comentario

Por favor, asegúrese de ter introducida a información marcada con (*). O código HTML non está permitido.

Busca nesta web

Próximos actos

  • Viaxe a Sintra +

    MAIO Días 5 ao 8 Viaxe a Sintra (Portugal). Saída ás 8 h. Ler Máis
  • Anotacións para a viaxe do día 22 de xuño a Pambre, Narla e a viaxe a Mérida +

    Día 10 de maio, venres Salón de actos da Deputación Provincial De 19,30 a 20 h., anotacións para a viaxe Ler Máis
  • Conferencia de María Isabel Iglesias Baldonedo sobre o escultor Francisco Asorey +

    Día 10 de maio, venres ás 20 horas Salón de actos da Deputación Provincial Conferencia de María Isabel Iglesias Baldonedo Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO