Martes, 14 Novembro 2023 19:30

Táboa Redonda sobre “O Seminario de Estudos Galegos en Lugo”

3 de outubro

Con motivo do Centenario da fundación do Seminario de Estudos Galegos, organizouse este coloquio en colaboración co Museo do Pobo galego, sobre a pegada do Seminario a través do labor docente de Ricardo Carvalho Calero, Xosé Filgueira Valverde e Antonio Fraguas Fraguas, no que participaron María Pilar García Negro, Antonio Prado Gómez e Adolfo de Abel Vilela, para falar de cada un deles na súa etapa lucense.

Actuou de moderador, Felipe Arias Vilas que fixo a presentación e introdución salientando a importancia global do SEG na cultura de Galicia na primeira metade do s. XX e a moita incidencia que tivo nos seus epígonos.

O papel de Lugo nas accións do SEG foi menor que noutras partes de Galicia, pero aínda así tivo estreitos vínculos con varios dos seus persoeiros máis senlleiros.  Por iso, a Mesa centrouse nos citados persoeiros facendo mención tamén os nomes de Xosé Ramón e Fernández-Oxea (Ben-Cho-Sei), Ramón Martinez López ou o mecenas Xan López Súarez (Xan de Forcados) e outros relacionados con Lugo pero que residían fóra naqueles anos.

No coloquio insistiuse na importancia que no SEG tiveron os traballos realizados e moitas veces publicados sobre todo tipo de materias, incluídas non só as de tema humanístico no máis amplo sentido, senón tamén as de ciencias como a xeoloxía ou a bioloxía e, por suposto, os de tema xurídico.

Deu a palabra a Pilar García Negro para que falase de Ricardo Carvalho Calero, que comezou afirmando que o Seminario de Estudos Galegos (1923) é a grande creación científico-cultural do nacionalismo galego do primeiro terzo do século XX. Acompaña outras iniciativas senlleiras, como a creación da revista de alta cultura Nós (1920), a publicación do boletín A Nosa Terra (desde 1917 integramente en galego) ou o fomento de casas editoras que acolleron a excelencia literaria dos “vellos” e dos “novos”, ampliando considerabelmente o repertorio publicístico galego. A grande novidade do SEG vén dada por estabelecer –por vez primeira na historia da Galiza– unha alianza entre a universidade e o mundo cultural galego, coa implicación de estudantes e profesores que tencionan remediar a ausencia total da Galiza daquela institución. A ciencia e a cultura galega –en todos os seus ramos– vanse escreber e ler en galego por primeira vez.

Sobre Ricardo Carvalho Calero (1910-1990) dixo que era xa “socio activo” desde Abril de 1927, pouco despois da súa chegada a Compostela para os estudos universitarios de Dereito. Secretario de Actas, primeiro, Secretario Xeral, despois, é un elemento fundamental na vida do SEG. Tan é así que el e mais Lois Tobío (un dos membros fundadores) receben a encomenda de elaboraren o Anteproxecto de Estatuto de Autonomía para a Galiza, labor que realizan e publican o 6 de Maio de 1931, só tres semanas despois de proclamada a II República española, o que demostra, naturalmente, todo un traballo previo de conceptualización e translación legal das aspiracións do pensamento e da acción galega no novo rexime español. Considerábase que a República había de ser federal. Non foi tal: nen federal nen federábel, senón unitaria, tal e como estabelece a súa Constitución, promulgada en Decembro de 1931, mais a aquela altura –Maio de 1931– aínda estaba viva a esperanza dunha reorganización do Estado en termos confederais, pactados entre os seus componentes. Por iso, os redactores daquel Anteproxecto... encabézano con este artigo 1: “A Galiza é un Estado libre dentro da República Federal Española”. A seguir, van desenvolver todo un abano de competencias proprias do Estado galego, das compartidas co Estado español e, en suma, das relacións entre ambos. Esta filosofía e esta tradución en texto legal farán acto da potencia, isto é, converterán en letra moderna e concreta os termos do “Manifesto da Asambleia Nazonalista Galega”, celebrada na nosa cidade, en Lugo, en Novembro de 1918. A continuidade histórica é evidente, como o é a descendencia das Irmandades da Fala (1916) e do seu programa galeguizador. 92 anos despois, aquel Anteproxecto... continúa a ter un valor histórico e político evidente: o seu articulado segue interpelando o marco xurídico-político actual e as súas previsións aínda son obxecto de debate actual.

Falou a continuación sobre José Filgueira Valverde, Antonio Prado Gómez do que dixo que aparece identificado coa cidade de Pontevedra na que sería director do Instituto de Ensino Medio, do Museo e mesmo alcalde. En Lugo, permanecería pouco máis de catro anos desde outubro de 1935 ata decembro de 1939, últimos momentos republicanos, os anos bélicos e o principio do franquismo, unha etapa na que foi necesario definirse persoal e ideoloxicamente.

Regresou en marzo de 1935 de Madrid tras realizar unhas “brillantísimas oposiciones” nas que conseguiría a cátedra de Literatura do Instituto Balmes de Barcelona, praza que de inmediato permutou con Guillermo Díaz Plaja pola de Melilla. Porén, non se incorporaría a este posto e permaneceu uns meses en Pontevedra ata conseguir a praza de Lugo debido á vacante producida pola marcha de Ramón Martínez López ao Instituto Español de Lisboa. Fixo doazón dunha serie de publicacións galegas, foi nomeado representante do centro no recen constituído Museo Provincial, e meses despois sería elixido vogal. Durante a guerra civil foi secretario do Instituto e encargado da biblioteca.

A chegada a Lugo coincide coa consecución do grao de doutor en Filosofía e Letras coa tese “El tema de Cantiga CIII de Alfonso X el Sabio”, traballo que catro anos despois merecería a cualificación de premio extraordinario.

En decembro de 1935 participou na homenaxe ao Padre Feijoo que organizaba desde o Mosteiro de Samos o abade Mauro Gómez Pereira, integrándose nun comité que presidía Gregorio Marañón e o doutor Germán Alonso Hortas entre outros. A actividade docente compaxinouna coa intelectual dando conferencias en Lugo, Ourense, Vigo e Vilalba sobre temas da súa especialidade insistindo nunha decidida defensa da lingua vernácula e solicitando o seu rexurdimento.

Tamén organizou unha excursión escolar de 30 alumnos de 4º curso por toda Galicia (Lugo – Ourense – Pontevedra – A Guarda – Vigo – Santiago – Fisterra – A Coruña – Betanzos – Ortigueira – Ribadeo – Lugo), seguindo as recomendacións do ensino vangardista da Institución Libre de Ensino. Como corolario desta actividade Filgueira e Font Tullot promoveron a filmación e montaxe dunha película en 16 mm. que titularon Tierras de Galicia que foi un dos primeiro ensaios de cine educativo realizado en Galicia.

Na vertente política, tivo unha definida postura conservadora. De feito, desde o verán de 1935 implicárase no proxecto da Dereita Galeguista, opción desprendida do Partido Galeguista cando este deu un xiro á esquerda pensando contar con máis oportunidades políticas. Os tempos eran de gran actividade enfocada á consecución dun Estatuto de Autonomía para Galicia e neste contexto Filgueira participaría moi activamente defendendo a súa implantación.

Na defensa do Estatuto que se plebiscitaría o 28 de xuño de 1936, a Dereita Galeguista organizaría unha serie de conferencias, intervencións que serían retransmitidas por radio e que iniciaría Filgueira Valverde o xoves 18 na recen fundada Radio Lugo. Durante os anos da Guerra Civil a postura de Filgueira inclinouse cara aos sublevados e non dubidaría en colaborar con xenerosidade nas subscricións patrióticas que se foron sucedendo para axudar economicamente a soster a guerra. Non obstante colaborou coas actividades culturais galegas en 1937 interesándose pola celebración do centenario do nacemento de Rosalía de Castro, do que derivaría posteriormente a publicación en 1942 do Cancioneiro Popular Galego, idea que gababa o escritor lucense Ánxel Fole.

O 15 de agosto de 1938 casou con María Teresa Iglesias Oscáriz, filla de Carlos Iglesias Fariña un médico e compañeiro do Instituto. No mes de agosto de 1939 era ratificado como catedrático do Instituto de Lugo pero en 1940 foi designado interventor do Instituto de Pontevedra onde permanecería o resto da súa vida laboral e do que sería director durante trinta anos desde 1946 ata a súa xubilación. A súa relación con Lugo continuou como orador e conferenciante en repetidas ocasións durante medio século, principalmente por iniciativas do Círculo das Artes.

Pechou as intervencións Adolfo de Abel Vilela falando de Antonio Fraguas Fraguas, que despois de facer unha breve introdución sobre a súa formación académica no Instituto de Pontevedra, onde tivo de profesores a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Ramón Sobrino Buhigas e Antón Losada Diéguez, os tres foron despois compañeiros no Seminario de Estudos Galegos, sendo o último o que máis influíu no seu pensamento e na súa obra. En 1924 vai a Santiago a estudiar Filosofía e Letras, ingresando no Seminario integrando nel o Seminario da Lingua que fundara en Pontevedra o ano anterior, integrándose nas seccións de Xeografía que dirixía Ramón Otero Pedrayo e Etnografía e Folclore que levaba Sebastián Martínez Risco.

Colaborou en varias campañas de escavación arqueolóxica, participando na catalogación dos castros de Lalín en 1928. No verán deste ano o Seminario iniciou a catalogación dos castros e das mámoas do Saviñao, posiblemente subvencionado por lo doutor Juan López Suárez (Xan de Forcados), participando neste traballo con María Pura Lorenzana, dirixidos por Florentino López Cuevillas.

En 1933 entra de profesor de Xeografía e Historia no Colexio Subvencionado da Estrada, despois Instituto, catalogando cos alumnos os castros do municipio e creando o Museo da Terra de Tabeirós. En 1936 presentouse como candidato a alcaldía polo Partido Galeguista e participou na campaña do Estatuto, polo que foi perseguido e expedientado ao ser considerado “separatista gallego en la rama católica”.

Despois da guerra civil o Seminario foi substituído polo Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, co que seguiu colaborando, preparando en 1952 a IV Exposición conmemorativa do centenario do nacemento de Emilia Pardo Bazán. Non conseguiu a cátedra de Xeografía e Historia ata 1950, despois de rehabilitado, sendo destinado ao Instituto de Lugo onde permaneceu ata 1959, trasladándose a o Instituto Rosalía de Castro de Santiago.

Foi secretario do Instituto e inventariou cos alumnos os castros e as mámoas do municipio, participando como vocal do Museo provincial e nas actividades culturais da cidade, especialmente nos dous primeiros Cursos Universitarios de Primavera, creados polo gobernador civil Enrique Otero Aenlle que era catedrático de Farmacia da Universidade de Santiago, o de 1958 e 1959, dos que foi o secretario.

Enviar un comentario

Por favor, asegúrese de ter introducida a información marcada con (*). O código HTML non está permitido.

Busca nesta web

Próximos actos

  • Viaxe a Sintra +

    MAIO Días 5 ao 8 Viaxe a Sintra (Portugal). Saída ás 8 h. Ler Máis
  • Anotacións para a viaxe do día 22 de xuño a Pambre, Narla e a viaxe a Mérida +

    Día 10 de maio, venres Salón de actos da Deputación Provincial De 19,30 a 20 h., anotacións para a viaxe Ler Máis
  • Conferencia de María Isabel Iglesias Baldonedo sobre o escultor Francisco Asorey +

    Día 10 de maio, venres ás 20 horas Salón de actos da Deputación Provincial Conferencia de María Isabel Iglesias Baldonedo Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO