Martes, 25 Xuño 2024 12:45

Héitor Picallo Fontes “Os Castelos Medievais da Galiza. Unha ollada histórica e patrimonial”

18 de xuño

O investigador e divulgador Héitor Fontes fixo na súa conferencia un percorrido polas torres, castelos, fortalezas e pontes fortificadas de Galicia, un patrimonio nalgúns casos desaparecido pero que fica documentado en moitos arquivos galegos, noutros abandonado e, en menor número, conservado, si se ten en contan que existen unhas 2.000 construcións das diferentes tipoloxías.

Comezou coa identificación da terminoloxía vinculada coas fortificacións medievais (castelos, casas torre, fortalezas, torres, atalaias...), así como o léxico galego relacionado con tales edificios, significando que o matacán chámase aquí ladroeira e vara a torre da homenxe, aclarando que a amea é oco que hai entre dous merlóns.

Despois detívose nos castelos e pontes fortificadas desaparecidas, poñendo ilustracións que se atopan en varias bibliotecas estranxeiras, como as de Pier María Baldi, que acompañou na viaxe a Galicia de Cosme de Médici en 1669, e Pedro Teixeira Albernoz, que en 1634 debuxa a costa e as rías, mostrando Pontedeume, coa porta central na ponte, o castelo de Ribadeo, Viveiro, A Coruña; o mapa que recrea Cambados, a torre de San Sadurniño en 1593, Arcos da Condesa, torre desaparecida en Caldas de Reis, Torre Meadelo, e outras, rematando esta introdución con iconografía en sartegos e monumentos funerarios debuxados polo conferenciante.

Entrou a continuación na parte principal do tema explicando primeiro a terminoloxía medieval, castelo, castro, castrelo, casa torre, casa forte, niñodaguia, e despois as partes principais dun castelo. Fixo mención á obra Fortalezas de Lugo y su provincia, feita por Manuel Vázquez Seijas e lamentou o deterioro das paisaxes que rodean estes monumentos.

Mostrou e falou dalgúns castelos senlleiros de Galicia, a súa distribución xeográfica e as liñaxes vinculadas a eles, como a torre de Guimarei; Sobroso (Mondariz), no que chama a atención a contorna arbórea; Vimianzo, o castelo galego por antonomasia; o castelo de Soutomaior, rehabilitado cunha galería neogótica do século XIX; as Torres de Meis, de planta ovoide e tres torres; a Torre de Xunqueiras, cun claustro renacentista; o conxunto de Monterrei, cunha igrexa, un hospital e tres murallas; os castelos de Naraío, Moeche, Nogueirosa, Castrocaldelas e a torre de Vilanova das Infantes.

Da provincia de Lugo mencionou Caldaloba ou Vilaxoán, o de Doiras ou da Ferraría, o de Castroverde, de don Pedro de Castro, que serviu de inspiración a Benito Vicetto para O cabaleiro verde, o castelo de Torre Novais (Quiroga) construído con pedra autóctona e só con granito nos esquinais, arrasado en 1809 polos franceses, ardendo o arquivo, relacionado coa Orde de Malta; a Torre de Xiá, coas fiestras e as chemineas interiores con adornos renacentistas; Pambre, o castelo máis importante dos Ulloas, mostrando debuxos dos seus monumentos funerarios no mosteiro de Sobrado dos Monxes, rematando coa torre de Torés, da Casa de Medinaceli, reivindicando a conservación, xa que a contorna recorda aos campos de Escocia. Tamén Fixo mención as lendas relacionadas con algúns destes castelos facendo fincapé na conservación dos mesmos, na súa arquitectura, contorna, patrimonio etnográfico periférico ou propio e espazos vexetais e forestais.

 

 

Enviar un comentario

Por favor, asegúrese de ter introducida a información marcada con (*). O código HTML non está permitido.

Busca nesta web

Próximos actos

  • Viaxe para ver o castelo de Pambre a Casa Torre de Xiá Museo Etnográfico de San Paio de Narla e o mosteiro de Sobrado dos Monxes +

    Día 22, sábado Viaxe para ver o castelo de Pambre a Casa Torre de Xiá Museo Etnográfico de San Paio Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO