Mércores, 30 Xaneiro 2019 21:12

VIAXE A MARROCOS. De Tánxer a Tafraut e Marraquech (outubro de 2018)

Rabat e Salé están separadas polo río Bu Regreb; aquela, capital de Marrocos e esta, pequena como un soño, fundada arredor do s. X e sonada por ser efémera república de piratas xa no s. XVII.  

    Nº 3. RABAT

    Rabat, a capital almohade  (dinastía que goberna o país no s. XII e máis da metade do XIII) que tomou o nome de Ribat el-Fath (Campo da fe). Ribat fai referencia a un mosteiro fortificado. Coñecida xa de vello por ser porto fenicio e despois cartaxinés, Rabat ofrece o encanto da beleza diferente e ao mesmo tempo unha personalidade íntima e sosegada.
    Tiñamos tempo escaso e veloz para Rabat, o que nos impediu ver unha morea de sitios interesantes. En Marrocos as comidas son rito inacabábel e isto acurta o tempo necesario para andar e ver e falar coa xente. Ou sentar nun banco calquera para observar o movemento da cidade. O xantar, polo tanto, resultou longo e teatral, con esa obsesión de impactar o turista. Unha guía, nova, despois, acompañounos polo Dar-al-Mahkzen ou Palacio Real, cariñosa e comunicativa, con algo de estudanta aplicada. Despois da porta monumental da entrada andamos pola explanada en cuxo centro se ergue, harmoniosa, unha mesquita coa súa madrasa e varios edificios administrativos.


    Pero interesábanos máis a necrópole meriní de Shellah,  levantada sobre restos romanos da antiga cidade de Sala Colonia e aló nos fomos fuxindo do sol, despois de atravesar a porta  acastelada da branca muralla interior, na que tocaba e cantaba para traballar a propina o vendedor de auga co seu colorido uniforme. Delicia dos xardíns sombreados baixo árbores exóticas. As ruínas da mesquita do s. XIII co seu nostálxico minarete e as tres zauías ou morabitos brancos con algunha sepultura tiveron para min o encanto buscado nas construcións sinxelas feitas con amor. Tamén as portas e patios que levan, ruinosas pero sen perder a súa alma, ás tumbas dos sultáns merinís, das que fican restos de tres; os sultáns desta dinastía gobernan Marrocos no século XIII até finais do XV. Nostalxia do tempo gastado e da pouquidade do ser que volverá sempre á propia natureza. A necrópole convida a sentar baixo as árbores e mirando para as ruínas recrear os tempos dourados dos merinís  e a súa caída.
    Vendo desde o bus as rúas abertas e modernas de Rabat achegámonos á explanada onde se mantén orgullosa e firme a Torre de Hassan, que sería o minarete da Gran Mesquita que al-Mansur non deu rematado no s. XII. Un soño de columnas baixas e numerosas abre a imaxe dun bosque de pedra, restos tamén da Gran Mesquita. Un pode facer centos de enfoques e perspectivas entre a xente e olladas ao mar e á medina ateigada de casas brancas defendidas pola muralla ocre da kasbah dos Udaias e coroada polo alto minarete da mesquita es-Sunaa, do outro lado do rio Bu Regreb. É a panorámica máis fermosa de Rabat. Hai que pousar os ollos na decoración do minarete para entrar no fondo desas orixinais liñas trementes protexendo os rombos azulosos dos mocárabes e enormes xanelas en arco aguzado ou ferradura, e dentes e columnas brancas, encadradas en grandes rectángulos. Os musulmáns dominan o espírito da pedra como os canteiros galegos, que xa é dicir. Vai foto do grupo, orgullosas todas de estar nesa grande solaina vermella que é esta explanada. Cabo da Torre deslumbra o mausoleo de Mohammed V en mármores brancos e nobres madeiras, elevado, con adornos compañeiros dos do minarete de el-Mansur. Se o exterior é serenidade e delicadeza, o interior estoupa en brillos, adornos exquisitos como os zel-lig ou azulexos; ouros e teito de delicada artesanía. Non son amigo das exuberancias e emocióname tanto o humilde ben traballado, e cando aquelas me emborrachan nun mundo de emocións, intento fuxir, se podo.
    A correr, debilitándose o sol, metémonos xa na medina pola Porta dos Udaias, do s. XII, un canto á harmonía das proporcións e da simboloxía. A cuncha, como se indicase o Camiño de Santiago, é figura insistente na fachada, entre un labirinto de liñas xeométricas avultadas. Desde a explanada que hai ao lado, contémplase a desembocadura do río Regreb entregándose, solemne,  ao mar, e as murallas da fermosa Salé que foi efémera república de piratas no s. XVII. O sol dálle un verniz de ouro ás augas azuis, prata á murallas, e convida a soñar, e soñamos, co sorriso posto da felicidade.
    Fomos baixando polas rúas empinadas da medina, entre casas pintadas de azul, palacios, ribats e gatos cariñosos, pola rúa dos Cónsules e a Suika. A buganvílea cubre portas e muros de brancos e morados. Tuki fíxonos un interesante paseo que rematou no zoco Suika, que atravesamos. Obxectos de boa artesanía, alfombras, roupa, doces, música, especias exhalando o seu delicioso e variado perfume... todo o que un se poida imaxinar alí está, e se non é así e che interesa, en poucos minutos aparecerá algún neno ou tendeiro con el. E entre todo iso, bicicletas, carros, burros, coches, nenos espelidos, nun caos ordenado que rematará sempre tomando un té placidamente mentres a xente e os negocios continúan o seu ritmo. Ao final metémonos nunha praza ocupada case toda ela por un funduq ou fonda, antigo, que andan a rehabilitar con présa, pois seica queren engadilo nun proxecto de funduqs das cidades imperiais para propoñer como Patrimonio da Humanidade.
    E así rematou o día, con cea variada nun hotel que está preto da medina e paseo nocturno para admirar en luces a cidade, o río Bu Regreb ao lonxe, e a Torre de Hassan vestida con potentes brillos que afirmaban o xogo de sombras producido polos almocárabes. As viaxeiras e viaxeiros de LugoPatrimoni, rendidos, contentas, buscaban botellas de auga para marchar aos seus cuartos. Botaban de menos un tempo maior para gozar desta cidade que conquistara os seus corazóns, unha verdadeira sorpresa para a maior parte.

Enviar un comentario

Por favor, asegúrese de ter introducida a información marcada con (*). O código HTML non está permitido.

Busca nesta web

Próximos actos

  • Conferencia sobre as camelias por Carmen Salinero Corral +

    MARZO Día 6, mércores Conferencia sobre as camelias por Carmen Salinero Corral. De 19,30 a 20 h., anotacións para a Ler Máis
  • Anotacións para a viaxe do 20 de abril a Cambados +

    MARZO Día 6, mércores Conferencia sobre as camelias por Carmen Salinero Corral. De 19,30 a 20 h., anotacións para a Ler Máis
  • Viaxe para ver os pazos de Oca e Santa Cruz de Rivadulla +

    Día 16, sábado Viaxe para ver os pazos de Oca e Santa Cruz de Rivadulla. Saída ás 8,30 h. Ler Máis
  • Táboa Redonda sobre a vida e a obra de Luisa Villalta +

    Día 19, martes Táboa Redonda sobre a vida e a obra de Luisa Villalta, persoeira das Letras Galegas 2024. Interveñen Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO