Luns, 03 Decembro 2018 16:13

VIAXE A MARROCOS. De Tánxer a Tafraut e Marraquech

Nº 2. ASSILAH, LARACHE.

Mohamed, ou familiarmente, Tuqui, o guía, dedica hoxe as explicacións á historia de Marrocos e aspectos que caracterizan o Islam, de camiño a Assilah desde Tánxer, por autopista. Paisaxes movidas, por variadas, secas ou húmidas, verdes, cruzando os ued ou ríos, como o Lukos, que vén do Rif, ancho e azul cando nos achegamos xa á altura de Larache. O seu nome atráeme pola semellanza co noso Lugo (Lucus). Vense arreo invernadoiros dedicados a palmeiras ou fresas, e moito melón. Dominan as empresas españolas nestas explotacións, pois contratan mozos e mozas da zona sen respectar os seus dereitos laborais. Vense tamén, nas cidades, buses de transporte público da empresa Alsa.

Assilah tingue os nosos ollos de azul e graffitis variados que van aparecendo polas rúas estreitas de edificios brancos, produto do Festival Internacional ou Mussem da Cultura que se organiza cada ano aquí. A muralla portuguesa, do s. XV e XVI e a Torre que lembra a de Belém, son construcións harmoniosas e atractivas nas que traballou nesa época o arquitecto Diogo Boitaca, autor do mosteiro dos Xerónimos e da Torre de Belém. Casas e palacios van guiando o noso paseo. Chama o morabito branco de cúpula semiesférica verde ao pé dunha torre da muralla. E logo, perdémonos ao noso ar buscando a xente, os artesáns e os obradoiros, como ese forno no que o panadeiro cocía un pastel de leite ou os nenos e nenas saíndo da escola ou o grupo de mulleres cos característicos sombreiros de palla ; e sempre o zoco no que merco unha orixinal e fermosa alfombra amazigh de debuxos a xeito de conto infantil. Deixamos Assilah, con pena e co desexo de volver. Quizais a ansia polo regreso sexa máis forte aínda que cando se fai realmente. O maxín recréase nas sensacións, libre como un cabalo que se rebela a ser montado.

As ruínas romanas de Lixus fican a 6 qm. de Larache (vese en alongada liña branca), cabo do río Lukus que se despide antes de entrar no mar en meandros de farta serpe azul. A fantasía esboróase ante apenas uns restos de muros no pequeno outeiro. Fermosos mosaicos de Neptuno ou Amor e Psique bailaban na miña mente ante a porta pechada do sitio arqueolóxico.

Larache escrebe a historia do gusto español na praza porticada que leva o nome dese Estado. Os españois reconquistaron a cidade en 1911, ficando alí 45 anos, até a independencia de Marrocos. Mirando o mar, na mesma costa, está o cemiterio español. O guía ten que preguntar se hai alguén que nos poda abrir a porta do enreixado e axiña aparece unha muller coa chave. Ela mesma nos leva ás sepulturas de Jean Genet, o escritor francés que liamos moito na nosa mocidade. E á de Juan Goytisolo, que relemos sempre que imos a Marrocos. Brancas son, sinxelas, un pouco na filosofía do Islam: pegadas á terra e formando parte da natureza. O mar é quen fala alí e nós soñamos. Dous simples textos nas cabeceiras das sepulturas, para a lembranza: Jean Genet, 19 Dec 1910­–13-14 avril 86. E JUAN GOYTISOLO escritor- Barcelona 1931–Marrakecho 2017. Lemos un texto de cada un e emocionámonos. A señora da chave achéganos un libro para que asinemos.

 

ANEXOS DE INTERESE PARA ASSILAH E LARACHE

Para ver video sobre Assilah:

https://www.youtube.com/watch?v=shMnsqpKwls

 

(Entevista con Juan Goytisolo)

http://www.rtve.es/alacarta/videos/imprescindibles/imprescindibles-juan-goytisolo-medineando/3188396/

 

(Artigo sobre Jean Genet)

https://www.infobae.com/america/cultura-america/2018/05/14/jean-genet-la-dolorosa-vida-y-el-luminoso-genio-de-un-escritor-maldito-por-eleccion-y-militancia-2/

Máis en ésta categoría « Viaxe a Santiago de Compostela

Enviar un comentario

Por favor, asegúrese de ter introducida a información marcada con (*). O código HTML non está permitido.

Busca nesta web

Próximos actos

  • Asemblea anual e festa dos socios +

    A Asemblea será o día 15 de decembro, sábado, ás 12,00 horas en primeira convocatoria e ás 12,30 horas en Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO