31 de maio de 2022
Como actividade previa a viaxe a Asturias os días 24 , 25 e 26 de xuño, a licenciada en Historia da Arte e profesional especializada en Patrimonio Industrial, María Fernanda Fernández Gutiérrez, deu unha conferencia ilustrada con imaxes para explicar o estado deste tipo de patrimonio e a súa posta en valor, facendo tamén referencia ao patrimonio lamentablemente destruído.
Comezou dicindo que é un patrimonio cultural como calquera outro que neste caso amosa a un mundo do traballo que desapareceu, polo que tamén é unha memoria do traballo. Que se chegase a valorar o Patrimonio Industrial foi un esforzo, a veces grazas a mobilización da cidadanía que foron as que obrigaron ás administracións a que se ocupasen del, sendo froito destas acción a aprobación recente dunha lei de protección da industrialización de Asturias. Puxo como primeiro exemplo a Fábrica de Armas de Oviedo, un enorme conxunto de deseño urbanístico situado na entrada da cidade, fronte a igrexa prerrománica de Santuyano de los Prados, que marcou o inicio da industrialización de Asturias, no que se poden ver avenidas, instalacións de enxeñería e elementos de arquitectura, pódese dicir que é unha cidade dentro doutra cidade. Tivo Escola de Artes e Oficios para formar aos fillos dos traballadores, conservándose as portadas da capela románica do mosteiro desamortizado que había no lugar onde se levantou este complexo, O claustro dotouse dunha cuberta metálica en serra para destinar o espazo a almacén.