Xoves, 26 Xaneiro 2023 22:42

Conferencia de Carmen Salinero Corral "Descubrindo as camelias: Especies, historia, simbolismo.....e máis"

24 de xaneiro

A doutora en Bioloxía e directora do Centro Fitopatolóxico de Areeiro (Pontevedra), comezou a conferencia dando o nome científico da planta arbustiva e arbórea orixinaria das rexións tropicais e subtropicais de Asia sudoriental, China e Xapón, a Camellia, posto por Carl von Linné en 1735 no seu Systema Naturae, por ser o descubridor o botánico e misioneiro xesuíta do século XVII Georg Josephus Kamel, coñecido como Camellus, que a debuxou nunha viaxe a Filipinas. Os ingleses documentárona en 1740.

Non se sabe cando se trouxo a Europa a chamada “Rosa de China”, pero debeu ser no século XVI polos navegantes portugueses e españois que traían diversos produtos entre os que estaban os obtidos da planta, como as sementes, o aceite e o té. O certo é que aparece representada como elemento decorativo nunha pía da auga bendita da igrexa romana de Santa María sobre Minerva, nunha capa de viático da época de Felipe II, en azulexos portugueses, en cerámica de Talavera e na decoración de arcas. En 1830 veñen as primeiras camelias importadas de Xapón.

No século XIX xa se debuxan os centos de especies, estando moi divulgada, como se pode ver en retratos de mulleres que as levan como adorno no pelo e nos vestidos.

No referente a Galicia sábese que no pazo de Santa Cruz de Ribadulla debeuse plantar entre 1792 e 1794. E 1882 a Deputación de Pontevedra vendía plantas de té cultivadas na Escola Práctica de Agricultura establecida en A Caeira (Poio). As camelias estaban nos xardíns e nas hortas. Actualmente inventariáronse 4.113 camelios en 20 xardíns públicos de Pontevedra, sendo a especie máis abundante a Camellia japónica.

Hai moitas especies porque é unha planta que hibrida moito, realmente non se sabe cantas hai no mundo, aparecendo especies novas. As camelias amarelas son as últimas que apareceron. Hai 327 especies agrupadas en 29 seccións. Temos a do té, a do aceite e a ornamental.

Falou de diversas especies, todas son aromáticas menos a xapónica, e por ter esta característica plantábanse nos pazos preto das entradas para perfumar. É unha planta que florece en outono e a primavera, pero agora tamén hai especies que o fan no verán.

En canto á utilidade da planta dixo que dos brotes e dos tallos obtense o té, das sementes o aceite, que en Europa non está autorizado para consumo alimentario, e dá moi boa madeira para facer mobles. Tamén se obteñen metabolitos e produtos naturais utilizados en farmacia e cosmética. Explicou como se obtén o té branco, verde, vermello, negro, sempre da mesma planta a Camellia sinensis, O té verde conséguese polo fixado do color, por oxidación (fermentación) o té negro, canto máis tempo dure o proceso de fermentación máis cafeína terá. Das sementes pode extraerse un 32 por cento de aceite virxe, habería que refinalo, tendo moi boas propiedades, alcanza os 250º de temperatura, moi alto, mentres que o de oliva chega aos 160º, alto. Emprégase en cosmética porque se seca ao momento. Falou tamén do emprego das saponinas, que é o residuo que queda ao obter o aceite. Pola súa dureza a madeira ten propiedades ignífugas, por ser pirófita, pouco inflamable e por iso se recomenda como barreiras para os xardíns co fin de evitar o avance do lume no caso dun incendio.

Pasou a falar despois da flor como símbolo, non so do cristianismo nos países de onde a planta é orixinaria, senón tamén para outras conquistas sociais, mencionando que en 1888 foi utilizada a camelia no Brasil como símbolo para a abolición da escravitude. En Nova Zelanda Mary Ann Müller foi a activista que promoveu a consecución do sufraxio feminino, os homes que votaban que si levaban camelias brancas e vermellas os que se opoñían. Na primeira metade do século XX Coco Chanel converteu a camelia no seu emblema e promocionou que se levase como adorno.

Carmen Salinero rematou falando da declaración da camelia como a flor de Galicia e da súa importancia como recurso turístico grazas á creación da Rota da Camelia, composta de doce xardíns, sendo requisito que teña 200 plantas que é o que esixe a Asociación Internacional da Camelia.

Enviar un comentario

Por favor, asegúrese de ter introducida a información marcada con (*). O código HTML non está permitido.

Busca nesta web

Próximos actos

  • Asemblea xeral e festa dos socios. +

    Día 12, xoves Asemblea xeral e festa dos socios. Xantar no Hotel Méndez Núñez. Actuación do grupo de música clásica Bóreas. Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO