Luns, 18 Outubro 2021 10:30

Conferencia de José Manuel Blanco Prado sobre “Santuarios da Terra Cha”

14 de setembro de 2021

A segunda conferencia dedicada aos cruceiros e santuarios da Terra Cha, foi impartida polo doutor José Manuel Blanco Prado, que comezou sinalando que unha das manifestacións básicas da relixiosidade popular radica nos santuarios. Para comprender a dinámica dos Santuarios precisou os trazos máis salientables do que entendementos por relixiosidade popular, que algúns pensadores danlle o nome de Catolicismo popular, relixiosidade tradicional, piedade popular, relixiosidade local etc., que se caracteriza pola concreción e sensibilidade fronte á racionalidade; no seu carácter utilitario ou pragmático, pois hai un mutuo intercambio de favores; polo seu profundo contido ritualista e simbolista; na coexistencia de actitudes máxicas con actitudes relixiosas; pola identidade e visión cósmica, no sentido de que unha boa parte do calendario festivo pre-cristián sobrevive, disfrazado ou transformado nas festas do calendario do ano litúrxico.
Os santuarios son lugares de culto, simbolizados por unha capela, ermida ou igrexa parroquial, aos que acoden devotos de diferentes freguesías segundo o seu territorio de gracia para pregar da entidade sacra a súa intercesión ante pedimentos de índole material e realizar unha serie de rituais e ofrendas ou  promesas logo de que a entidade sacra lles concedeu as rogaivas requeridas.

Na comarca da Terra Cha hai 53 santuarios, dos que 2 están en Abadín, 6 en A Pastoriza, 9 en Begonte, 1 en Castro de Rei, 10 en Cospeito, 6 en Guitiriz, 3 en Muras, 10 en Vilalba e 6 en Xermade. En canto ás entidades sacras, que presiden os mesmos, fixo referencia ás seguintes:1 advocación cristolóxica, 1 á Trindade, 19 advocacións marianas e 32 a santos e santas.
Sinalou que estes centros sacros había que analízalos tendo en conta a súa situación eclesiástica e civil; o seu territorio de gracia así como os días nos que se conmemora a súa festividade; as lendas, ligadas aos mesmos, as súas orixes, e aos posibles cambios de emprazamento ao longo da súa existencia; aos pedimentos, que van  dende doenzas humanas e de animais, ata os problemas da facenda familiar, e actualmente, aos problemas referentes á droga e ao paro. Tamén, cómpre facer referencias ás promesas dende unha dobre óptica: a que se realiza ante Deus, usando ás demais entidades sacras como mediadoras; ou ben, a que se leva a cabo dun xeito directo ante as diferentes entidades sagradas; sexa dun xeito ou doutro, a promesa pode realizarse cando se realiza a petición, ou posteriormente mediante diferentes rituais e ofrendas.
O percorrido desde o lugar de orixe ao santuario pode facelo nun coche ou andando, e nel facer “o ritual de circunvalación”, que consiste en dar unha ou máis voltas arredor do recinto sacro, de pé; descalzo, ou de xeonllos, levando nas súas mans unha pequena imaxe do ente sacro, ou algún exvoto de cera. Ao rematar este ritual, soe ouvir misa. Logo da misa solemne, sae a procesión, que percorre o perímetro do santuario, que abre a cruz parroquial seguida do  estandarte, algúns devotos levan nas andas as diferentes imaxes do santuario, incluíndo a propia imaxe de devoción, que vai en último lugar, acompañada polos cregos, que participaron na conmemoración festiva, fieis e algúns músicos e se hai algún cruceiro ou cruz, a procesión adoita circundalos, volvendo ao seu lugar de orixe.
Outra cerimonia é a de “poñer o santo” na que os devotos pasan as mans, ou panos por la imaxe cunha finalidade profiláctica e sanadora. Cando o santuario, posúe unha fonte ao seu carón ou moi preto, hai fieis, que adoitan beber a súa auga, levala para as súas casas, e mesmo pasar uns panos, mollados na auga desa fonte, por aquelas partes doentes dos seus corpos deixando os panos nas ramas de árbores o nas silveiras para que de que segundo podrecen vaian  curando as doenzas. Tamén fixo alusión “ao ritual do coitelo do San Adrián”, que se repite nos santuarios chairegos dedicados ao san Adrián, situados en Carballido (Pacios.Begonte), en Fitoiro (Bretoña. A Pastoriza), e Goiriz (Vilalba). O coitelo de pau é pasase primeiro pola imaxe e despois polas partes doentes, no santuario ou na casa.
En canto ás ofrendas distínguense as que son visibles máis ou menos tempo,  temporais ou permanentes, e as que non o son. Entre as primeiras, distinguimos os exvotos, que son ofrendas que os fieis ofrecen como sinal dun favor recibido.
Nos temporais, están “os exvotos en especie”, “os exvotos de cera”, e “os exvotos florais”.
A dimensión relixiosa do santuario complementase cunha dimensión profana, que ven a ser unha especie de compensación aos servizos relixiosos, que os devotos foron cumprimentando ao longo da mañá e primeiras horas da tarde. Esta amosa unha serie de peculiaridades, reflectidas nos postos de rosquilleiras, polbo, carruseis, tabernas con carpa, que van a ser percorridos tanto por nenos como por adultos. Logo, viría a sesión vermouth, que daría paso ao breve baile denantes do xantar, que xa pola noite tería unha continuidade ata ben entrada a madrugada.
Rematou o conferenciante facendo alusión ao estancamento e declive destes centros de sacralidade, apreciando un certo estancamento nos Santuarios dos Milagres en Saavedra (Begonte); no da Virxe dos Desamparados de Os Vilares (Guitiriz) e no de San Cosme en Galgao (Abadín). Nos demais recintos sacros hai un declive en maior ou menor medida, influíndo unha serie de causas, como os medios de comunicación social e o aumento do nivel cultural nas comunidades rurais que foron introducindo novas visións relixiosas e seculares do mundo. Tamén, o desenvolvemento tecnolóxico ligado á menciña e á veterinaria motivaron que houbese unha diminución de rogacións, con respecto as doenzas tanto humanas como de animais. Así mesmo, a influencia dalgúns cregos, encargados de santuarios, que foron e van afastando certos rituais e ofrendas por consideralos pouco construtivos para a relixión polo seu carácter máxico e supersticioso. Finalmente, a falta de cregos e a introdución de unidades pastorais nos medios rurais, que da lugar a unha nova planificación de cara ás parroquias, reflectida nun menor número de servizos relixiosos. Isto vai influír negativamente na operatividade dalgúns santuarios principalmente daqueles, que teñen un territorio de gracia interparroquial e municipal. 

Enviar un comentario

Por favor, asegúrese de ter introducida a información marcada con (*). O código HTML non está permitido.

Busca nesta web

Próximos actos

  • Asemblea xeral e festa dos socios. +

    Día 12, xoves Asemblea xeral e festa dos socios. Xantar no Hotel Méndez Núñez. Actuación do grupo de música clásica Bóreas. Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO