Xoves, 23 Mai 2019 16:52

VIAXE A PORTUGAL

Do 16 ao 19 de maio

Día 16

Visita á tanoaría Josafer Ferramenta en Esmoriz

Dentro do ciclo dedicado ao Patrimonio Industrial fixemos unha viaxe á zona de Aveiro (Portugal) para ver exemplos deste tipo de patrimonio, posto en valor por institucións públicas e particulares. A viaxe comezou o día 16 de maio e rematou 19.

Saímos de Lugo ás 7 horas e ás 11 visitamos a tanoaría Josafer Ferramenta en Esmoriz. Esta localidade tivo unha gran tradición na elaboración de toneis, barricas e pipas, denominación que levan segundo a súa capacidade, para o trasporte do viño producido na ribeira do Douro con destino ás adegas de Porto.

É unha empresa familiar rexida polos netos do fundador Joaquim Dias Ferreira que era tanoeiro nas adegas do viño de Porto en Vilanova de Gaia. En 1968 decidiu volver para Esmoriz instalando un taller cos seus antigos compañeiros de traballo para facer barrís destinados ao exército portugués para levar viño aos soldados que estaban na guerra de Angola. A independencia das colonias e o emprego de materiais como o aceiro fixo que descendera a demanda, pero apareceron novos demandantes dos bocois. A empresa pasou ao fillo do fundador e aos xenros que mecanizaron algún dos procesos de elaboración.

Un dos problemas actuais e conseguir a materia prima, a madeira de carballo, que ven de Rumanía, e serrada en Lugo, e levada a esmoriz onde esta a secar 24 meses. Os recipientes de carballo son utilizados polos irlandeses para o whisky debido a que é unha madeira máis compacta. O castiñeiro é máis poroso e facilita o paso do osixeno o que repercute no proceso de elaboración do producto, por iso se emprega para facer recipientes para plantas dos países do norte de Europa dado que o barro rebenta cos cambios de temperatura, pero a fabricación non é rendible polos baixos prezos que pagan os distribuidores.

Na actualidade reparan 5.000 barrís ao ano e fan outros para os destilados exportando a EE.UU, Xapón, China, Corea do Sur e Escocia. Completan o negocio coas visitas guiadas.

Visitamos toda a liña de elaboración desde a preparación da madeira para as doelas, a colocación arredor dun aro, o curvado mediante a calor e a introducción de aros de distinto diámetro para ilo curvando, a colocación das cintas metálicas, a elaboración e colocación das tapas, o lixado, e o enchido con auga para comprobar que non perden.

Pola tarde, despois de xantar en Ovar, saímos para Tamengos Anadía, onde vimos as adegas Aliança, que ten unha parte destinada a exposición dunhas coleccións do propietario Joe Berardo, fundamentalmente de arte africana antiga e actual, fósiles, rochas e minerais, neste último apartado, cunhas pezas de gran tamaño. A visita guiada durou case dúas horas e rematou cunha cata do cava e da sangría que elaboran.

Fixemos noite en Curia, no hotel balneario Curia Palace.

Día 17

Visita a Ilhavo

Ás 10,15 horas comezamos a visita de todo o complexo industrial de Vista Alegre facendo de guía un antigo traballador xubilado, neto e fillo de traballadores da fábrica que fixo unha magnífica explicación de todo o conxunto tanto desde o punto de vista social como do histórico, artístico e técnico.

O sistema empregado polo fundador José Ferreira Pinto Basto en 1824, nunha finca chamada Vista Alegre en Ilhavo, era unha novidade para a época, xa que tivo preocupación polo benestar e formación dos seus traballadores. a fábrica segue en activo con 700 operarios, producindo 10.000 pezas diarias de porcelana que exportan a todo o mundo. O complexo consta da igrexa do século XVI, a fábrica antiga, onde está o Museo cos fornos antigos, a fábrica actual, o teatro, a escola, o dispensario médico, a gardería e as vivendas para os traballadores que teñen ata que morren.

Comezamos a visita pola igrexa da Senhora da Penha de França, coas paredes revestidas de azulexo do século XVIII e o teito cunha pintura da Árbore de Jesé, ademais das explicacións do guía tamén interviñeron a tesoureira Julia Cantalapiedra Álvarez e o presidente Adolfo de Abel Vilela, que fixeron aportacións sobre o magnífico sepulcro barroco do bispo fundador Manuel de Moura Manoel, esculpido en pedra de Ançã por Claude Laprade.

Despois fixemos un percorrido polo pobo, visitando o Museo Histórico da Vista Alegre instalado na antiga fábrica, que conserva musealizados os fornos. Construído en 1920, pero recentemente acondicionado, presenta en 5 salas, os distintos períodos de produción da Fábrica de Porcelana de Vista Alegre, nunha montaxe minimalista e polo mesmo moi elegante, con pezas de cristal e cristal refinado, as primeiras que saíron dos fornos da Fábrica, pezas en pasta non cristalizada do período de 1824-1832, exemplos dos primeiros intentos en porcelana (1832-1838), series do período de esplendor (1836-1868) do soado retratista francés Victor Roseau, pezas blasonadas e conmemorativas e outras representativas dos períodos artísticos ou asinadas por grandes nomes do deseño actual, como o xogo de café do arquitecto Álvaro Siza. Rematamos coa vista á escola taller de decoración ou pintado de pezas a man.

Despois de xantar no restaurante Villa de Madrid en Ilhavo, pasamos a ver o Museo Marítimo de Ílhavo (MMI), inaugurado o 8 agosto de 1937, dado que esta localidade tivo unha gran relación coa pesca do bacallao. Comezou como un museo municipal con temática etnográfica e rexional, pero no 2001 foi renovado e ampliado nun edificio proxectado polo despacho ARX Portugal. Ese mesmo ano, o MMI pasou a contar co navío-museo Santo André, antigo arrastreiro bacalloeiro que tamén visitamos detidamente todas as dependencias como complemento do museo. Cunha montaxe moderna e didática as distintas salas van dando unha visión súa misión do que foi o traballo no mar. O Museo ten desde o 2013 un acuario de bacallaos que se pode ver como remate do percorrido.

Despois de saír do barco fixemos un percorrido no autobús pola zona costeira de Barra, parando en Costa Nova, para admirar os novos edificios que imitan as antigos alpendres do pescadores pintados con franxas verticais de distintas cores, entre os que hai arquitecturas doutras épocas, algunha racionalista. De camiño para Aveiro tamén puidemos contemplar as salinas, aínda que pola época estaban sen sal.

Día 18

Visita a Aveiro

Comezamos a visita a pé por Averiro desde o Hotel Melia Ría, instalado fronte a unha das grandes fábricas de cerámica, rehabilitada para centro de congresos e diversos usos. Paseando pola beira dun das canles, co continuo paso dos mouliceiros, vimos as casas actuais de vivendas que tratan de imitar os barcos, e na zona histórica diversas casas dos estilos Art Noveau e Déco, facendo unha paradiña para probar o doce típico do Aveiro, o ollo mol, e vendo a Praza do Peixe, unha arquitectura en fero de principios do século XX. Pasamos despois a visitar o Museo de Santa Joana, instalado no antigo convento dominico de Jesús desamortizado en 1834. Recibimos a explicación pola guía Rossana Freitas da vida da infanta, filla do rei Afonso V, na igrexa e nas estancias onde morreu e onde está enterrada nun magnífico mausoleo de estilo barroco italiano feito en mármores de diversas cores deseñado polo arquitecto real João Antunes.

Despois de xantar no restaurante a Nosa Casa, fixemos un percorrido en dous moulliceiros, pasando despois a visitar o Museo da Cidade e o de Arte Nova, instalados en edificios modernista, o último un edificio excepcional en canto ao estilo e a restauración. Rematamos coa visita á catedral.

Día 19

San Joao da Madeira

Nesta localidade comezamos a visita guiada no Welcome Center de Turismo Industrial, un exemplo recente de como sacar rendemento turístico a un antigo complexo fabril, polo Museo do Calzado, inaugurado en novembro de 2016, onde se explica todo o antigo proceso de fabricación dos zapatos nesta localidade, ascendendo por unha rampla onde se vai facendo a historia do calzado desde a prehistoria ata a actualidade. Na exposición permanente hai zapatos de distintas épocas, para mulleres a para homes. A exposición temporal estaba con zapatos dun deseñados xaponés.

Pasamos despois a visitar o Museo da Chapelaría, ou dos sombreiros, facendo todo o percorrido polo proceso de producción, moi interesante, desde a obtención do pelo da pel do coello para facer o feltro ata o remate final, coa etiqueta e o laziño interior. Visitamos tamén a exposición temporal de sombreiros femininos titulada "Narrativas visuais" da deseñadora valenciana Araceli Sancho.

Despois de xantar no mesmo restaurante do complexo, chamado "a Fábrica dos Sentidos", visitamos o Centro de Arte Oliva, instalado nunha fábrica de máquinas de coser fundada nos anos 20 e pechada no 2010, que alberga as coleccións de arte contemporánea de Norlinda e José Lima. Tiña unha exposición titulada "Trabalho, capital", polo que estaba desde a entrada con vallas e estadas metálicas, e nunha das salas levantaron un tabique de ladrillo dando a impresión de que o edificio esta en obras. A exposición pretende convocar a memoria histórica, social e política da Oliva, confrontándoa co noso tempo e o actual espazo expositivo.

Rematada a visita regresamos a Lugo.

Enviar un comentario

Por favor, asegúrese de ter introducida a información marcada con (*). O código HTML non está permitido.

Busca nesta web

Próximos actos

  • Conferencia sobre as camelias por Carmen Salinero Corral +

    MARZO Día 6, mércores Conferencia sobre as camelias por Carmen Salinero Corral. De 19,30 a 20 h., anotacións para a Ler Máis
  • Anotacións para a viaxe do 20 de abril a Cambados +

    MARZO Día 6, mércores Conferencia sobre as camelias por Carmen Salinero Corral. De 19,30 a 20 h., anotacións para a Ler Máis
  • Viaxe para ver os pazos de Oca e Santa Cruz de Rivadulla +

    Día 16, sábado Viaxe para ver os pazos de Oca e Santa Cruz de Rivadulla. Saída ás 8,30 h. Ler Máis
  • Táboa Redonda sobre a vida e a obra de Luisa Villalta +

    Día 19, martes Táboa Redonda sobre a vida e a obra de Luisa Villalta, persoeira das Letras Galegas 2024. Interveñen Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO