Martes, 31 Mai 2011 07:59

O Pan Noso

O Pan Noso

Por Felipe-Senén

Por algo o pan  se fai sacramento e misterio: “produto da terra e do traballo…” Cerimoniosamente érguese coas mans , conságrase e compártese co viño. Pan e viño debuxan a cultura dun país. Por algo este sabio cabo do mundo, feito por magos e meigas, ten cáliz de viño e pan como escudo.Terreal cunca e solar bolo de pan: ansiado caldeiro céltico, despois Graal do Xoves Santo , teimudamente buscado por Arturo e seus cabaleiros, encarnacións de Breogán e dos seus soldados , de  venerados santos cabaleiros, quixotes na procura de paraísos perdidos ou negados neste país que moito sabe de erguer mesas, altares e misas: Santiago, San Martiño nosos. Claro que “con pan e viño xa se anda o camiño”.

 

Arqueoloxía de prehistóricos muiños de barco, de  pequenas “metas” e “catillas” antigas rodas de muíños de man que atopamos nos castros. Son algunhas das  pegadas do que hai dous mil anos nos contaba Estrabón: que aqueles galaicos amasaban a fariña da “faba equina”...vai saber o que se di e o que era...pra facer filloas, empanada sobre a pedra quente... Lume, festa e danza arredor da lúa. Celebradas por reis, trobeiros e princesas nos capiteis medievais do Pazo de Xelmirez.

 

 

Este é país debuxado en campos de millo, de centeo, de trigo.... sucos de arado e suor, tripados por bois e labregos pacientes e confiados de máis.  Confíns de eiras, de hórreos, cabaceiros, canastros que rivalizan cos templos e diferencian culturas, rexións da inmensidade de Galiza, espiral na que aniña a  Terra e o Tempo. Ben o interpretou o pintor Pesqueira: unha mirada adiante, outra atrás , labregos con raiceira e sobre eles un ceo verde de esperanza...tamén Colmeiro,  quen seguía a pintar no exilio do Alem-Mar nostalxias de pan e feira.

 

Arquitectura do pan, complementaria de pombais, da oliveira e da figueira, pra acoller aves da paz que picarán no grán, excedente de fartura , semente  de futuro que tamén guindamos sobre os recen casados, símbolo de porvir. Historia de maquías, esperas, noites enteiras....

 

Muíños de vento, hoxe eivados xigantes, a pesares aínda erguidos, como atlantes, coroando o ondular dos montes, quizais algún castro, veciños e competidores do devalar dos faros,  tecnoloxías que veñen de oriente a estes confíns para transmitilos pola rosa dos ventos: Oia, Abalo, a Coruña, Ortigueira, Bares, Ribadeo....

 

Solemnes muíños de marés, represando as augas do mar, algas e mariscos: Arousa, Cambados, Muros, Xubia, Ortigueira...

 

Muíños de río, coas súas aceas, quizais aproveitando enxeñeiras máis antigas, pozos que encoran  as augas para decantalas, creando bosques animados,  paraxes  de inspiración: os do Folón no Rosal, as aceas do Miño, os muíños do Arenteiro, do Miño, do Xubia... non hai  río ou regueiro... e mesmo poida que familia galega  sen muíños...agora pardiñeiros de edra. Congostras, camiños luídos polo trepar dos facos e o pisar dos homes, polos que esbarraba ou voaba a Santa Compaña e o tentar dos trasnos.

 

Rodicios a xirar, tarabelo  bater, muiñeiro a cantar. Todo baila a muiñeira no muíño para quen a sabe escoitar. Relón, salvado pros animais, fronte a fariña  fina, albeira, a selección pro pan eucarístico, celebrado na custodia, sobre alfombras de flores. Corpus das Penlas e das Cocas, cando o solsticio, polas fogueiras do San Xoán, abre o verán.

 

O pan, produto da noite para o día. Primeiro, sobre a artesa do forno, masa, levedada, agarimosamente  amasada entre magoas e ledicias, apertada, estirada. Universo dominado entre contos e cantares, para darlle forma de bola, de rosca, de lazo, cornucho, de barra.... ou quizais facer del cosmogonía, rosa, rosacea , ou oblea  no hostieiro, entre bater de moldes e maxias case da alquimia de Merlín.

 

Finalmente para entrar pola boca do forno sobre as palas, cocer e dourar estrelas... pan quente, doce, con pasas, noces, améndoas...bica de roxóns no tempo da Pascua Florida... arrecendente, cos secretos de saberes que se perden. Fornos comunais, privados, ben construídos para gabar tribos ou casas.

 

Contan as tradicións que a Virxe fíxose peregrina e no camiño  tres veces lle pediu pan a un panadeiro que non llo quixo dar... Entón a Virxe sacou a súa carraxe humana e castigou a aquel panadeiro e a súa  vila, pra quedar asolagada baixo as augas redentoras de pecados capitais cometidos. A lenda repítese alí onde hai lagoas de Valverde, Antioquias desaparecidas....pra que escoite o tanxer tristeiro de campás esquecidas e fabule quen teña pinga de poeta.

 

Codia, migalla, faragulla, exvoto con figura de ascese nos altares de Teixido, alí onde vai de morto quen non vai de vivo e farao como cobra, lagarto ou sapo. Migalla e cores de anilina: pomba, escada, rosa, home, barco, peixe, man...figuras, palabras e símbolos.

 

Pan de Cea,  pan de Ousá, pan de Mondoñedo, pan de Carral, pan de Carballo, do Carballiño…Pan noso de cada día, con arrecendo a terra e a tradición que endexamais traizoa . Pan noso de cada día, oración agradecida a esta parte de deus que é a Vida.

 

Enviar un comentario

Por favor, asegúrese de ter introducida a información marcada con (*). O código HTML non está permitido.

Busca nesta web

Próximos actos

  • Viaxe a Sintra +

    MAIO Días 5 ao 8 Viaxe a Sintra (Portugal). Saída ás 8 h. Ler Máis
  • Anotacións para a viaxe do día 22 de xuño a Pambre, Narla e a viaxe a Mérida +

    Día 10 de maio, venres Salón de actos da Deputación Provincial De 19,30 a 20 h., anotacións para a viaxe Ler Máis
  • Conferencia de María Isabel Iglesias Baldonedo sobre o escultor Francisco Asorey +

    Día 10 de maio, venres ás 20 horas Salón de actos da Deputación Provincial Conferencia de María Isabel Iglesias Baldonedo Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO