Sábado, 28 Outubro 2006 21:44

Viaxe a Bóveda.

Santa Eulalia de Bóveda

Situado a carón da igrexa parroquial de Santalla de Bóveda de Mera, no concello e provincia de Lugo, este conxunto arqueolóxico e artístico foi declarado monumento nacional (hoxe ben de interese cultural de Galicia) en 1931, tan so despois de 5 anos despois do seu descubrimento oficial en 1926, ainda que xa se tiña noticia anterior da súa existencia. Tal como o cualificara Celestino Fernández de la Vega, Bóveda segue sendo un verdadeiro enigma en canto á súa orixe, función, significación e, en menor medida, cronoloxía. A pouca distancia da cidade de Lugo e vinculado ademais á antiga cidade de Lucus Augusti por medio da vía XIX que ía de Bracara por Iria Flavia e que pasaba case a rentes del, este senlleiro núcleo histórico e patrimonial viuse afectado, sen dúbida, polas vicisitudes do seu descubrimento, polas súas sucesivas reutilizacións e reformas e mesmo polas diversas e descontinuas restauracións, todo o cal deu pé a novas hipóteses e interpretacións. En calquera caso, parece estar claro o seu carácter inicial como monumento romano tardío (probablemente do século IV) e de usos pagáns, ben estivesen estes vencellados a un posible ninfeo, tal como viñeron considerando varios autores que trataron sobre el baseandose, sobre todo, na importancia que ten a presencia da auga, ou ben (e de xeito complementario para algúns) correspondesen a un lugar para curar e sandar doenzas a teor dos seus relevos e inscripcións (o propio Chamoso Lamas, Ares Vázquez…), a un mausoleo ou edículo funerario (opinión de Schlunk, Fernández de la Vega –que apuntaba que este puido ser o lugar de enterramento de Prisciliano- , Delgado Gómez…) ou, en fin, mesmo a un sitio relacionado cos cultos romano-orientais ás divindades Isis e Serapis (Rodríguez Colmenero). A esta etapa inicial do monumento, en época tardorromana pero de duración ainda non ben determinada, sucedería logo unha readaptación e reutilización como cripta ou pseudocripta paleocristiá – séculos V e VI- (F. Singul), reaprobeitada do mesmo xeito en época prerrománica –séculos VIII ó X- (Núñez Rodríguez, o citado Schlunk, que con M. Berenguer e como logo fixo o propio Singul, chegou a vincular coa pintura mural asturiana), así como na etapa románica e aínda posteriores.
Deixando á parte os problemas que ainda suscita como xacemento arqueolóxico, moi derramado e deturpado polas sucesivas intervencións nel e nos seus arredores, como puxeron de relevo as últimas escavacións realizadas alí (a cargo de Alberto Balil, primeiro, e Rosa Gimeno, despois), a maior singularidade e orixinalidade do monumento de Bóveda estriba na complementación (aparentemente cunha certa lóxica interna) de arquitectura, escultura e pintura nun so conxunto.
Trátase dun edificio construido de pedra e ladrillo que, en orixe, non estaba medio soterrado coma hoxe, senón situado nunha pequena valgada húmida (de ahí a preocupación polo uso e canalización da auga) e que constaba de dúas plantas superpostas de tipo rectangular , das que so se conserva, e non integramente, a estructura fundamental da inferior. Esta está composta por un espacio central ocupado por un estanque ou piscina (logo tapada, xa en tempos antigos), dúas naves laterais estreitas, das que so se aprecian os arrinques dos seus arcos (probablemente tres a cada lado) e, ó fondo, unha pequena ábsida que lle daba acceso á parte superior por unha escaleira xa perdida. Senllas fornelas nas paredes laterais lembran as existentes nos vestiarios dos baños e termas romanas, pero tamén fixeron pensar nos ocos utilizados para as urnas funerarias dos mausoleos da mesma época. A fachada presenta unha forma de arco tendente á ferradura, flanqueada por dúas ventás rectangulares con ocos triangulares de descarga sobre elas, e que se abre a un breve adro ou pórtico que orixinariamente tiña as entradas polos seus lados e non polo centro (consoante cunha utilización hixiénico-sanitaria do recinto interior).
Tamén nesta parte exterior están os singulares baixorrelevos escultóricos que serviron para atribuirlle determinados usos e funcións ó monumento de Bóveda: algúns perpiaños amosan figuras humanas a xeito de danzantes (en grupo ou individuais) ou formando unha escena que representa a dous eivados mostrando as deformidades, un no brazo e outro na perna (¿quizais polo uso salutífero do lugar?), mentres que noutras pedras do soportal aparecen varias aves (unha aguia ou ibis e unha cegoña), motivo este último que é o escollido, xunto cun conxunto vexetal (trellis) e de casetóns xeométricos, para o extraordinario conxunto de pinturas que decoran toda a bóveda interior, cunha ampla traza de medio canón.
Estes murais interiores están feitos sobre estuco e revelan un estudiado e laborioso programa previo para a súa disposición e execución. Utilízanse varias cores (sobre todo a vermella, azul, verde e negra) e representan, de xeito illado ou en parellas e asociadas a árbores ou peteirando en acios de uvas, diversas aves como perdices, faisáns, galos e pitas, pombas, etc., trazadas con mestría e e realismo singulares. Nos arrinques dos arcos aparecen representadas cráteras con ramos e frores e na parte central da bóveda, case completamente perdida pero da que se conserva documentación gráfica, a decoración pintada figuraba casetóns de tipo arquitectónico.
No progresivo e sucesivo desentullo do sitio e tamén nos arredores lindeiros de Bóveda apareceron outros restos constructivos e decorativos, como fustes e bases de columnas, modillóns, placas de mármore con motivos xeométricos e figurados, fragmentos de inscripcións latinas (unhas de carácter funerario e outras votivo), cerámica e ladrillos, escouras, etc…restos conservados, moitos deles no propio lugar e nos museos diocesano e provincial de Lugo. A todo esto hai que unirlle ó papel do elemento acuático, sexa cal fose a súa orixe e aproveitamento, o que para algúns autores sería producto dunha tradición prerromana (a zona está moi inzada de castros, como o veciño de Corvazal), reconvertida logo en uso balneario, cultural e/ou funerario. En calquera caso, é probable que todo o primeiro conxunto se fixese dunha soa vez (quizais no século IV), pois arquitectura, escultura e pintura semellan formar unha unidade estructural e funcional, ainda que logo fose reformado e reutilizado ó longo do tempo como reflicte a mesma documentación escrita dos séculos XVII e XVIII, cando se construe a actual igrexa parroquial e o seu cemiterio anexo, que hoxe seguen contendo parte do monumento orixinal.
Felipe Arias Vilas.

Enviar un comentario

Por favor, asegúrese de ter introducida a información marcada con (*). O código HTML non está permitido.

Busca nesta web

Próximos actos

  • Conferencia de María Isabel Iglesias Baldonedo sobre o escultor Francisco Asorey +

    Día 10 de maio, venres ás 20 horas Salón de actos da Deputación Provincial Conferencia de María Isabel Iglesias Baldonedo Ler Máis
  • Conferencia de José Alberto Morais Morán sobre “A arte e a arquitectura historicista”. +

    Día 16, martes Conferencia de José Alberto Morais Morán sobre “A arte e a arquitectura historicista”. Ler Máis
  • Viaxe a Cambados +

    Día 20, sábado Viaxe a Cambados. Visita a Cambados, obra artística de Manolo Paz, Leiro e Asorey. Pazo de Fefiñáns. Ler Máis
  • Viaxe a Sintra +

    MAIO Días 5 ao 8 Viaxe a Sintra (Portugal). Saída ás 8 h. Ler Máis
  • Conferencia de Iván Moure Pazos sobre "Ruína antrópica e biótica na Sintra contemporánea”. +

    Día 23 de abril, martes ás 20 horas Salón de actos da Deputación Provincial Conferencia de Iván Moure Pazos sobre Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO