Luns, 29 Mai 2023 07:31

Viaxe a Viana do Castelo

20 e 21 de maio

Dentro do ciclo sobre Patrimonio Industrial que fixemos no ano 2019, o día 17 de maio estivemos en Ilhavo, e entre as visitas realizadas estivo o Museo Marítimo de Ílhavo (MMI), dado que esta localidade tivo unha gran relación coa pesca do bacallau que no ano 2001 pasou a contar co navío-museo Santo André, antigo arrastreiro bacalloeiro que tamén visitamos como complemento do museo. Pero o socio e etnógrafo Xosé Manuel González Reboredo recomendou ver noutra ocasión o Navio-Hospital Gil Eannes en Viana do Castelo, e con este fin organizamos a viaxe.

Comezamos a visita as 11,15 horas seguindo a explicación do guía que contratamos. O barco construíuse en 1955 nos estaleiros de Viana do Castelo para substituír ao Lahneck, incautado por Portugal aos alemáns na Primeira Guerra Mundial (1916). Transformouse en corveta e en 1927 foi adaptado como barco hospital en estaleiros dos Países Baixos para dar apoio médico aos barcos bacalloeiros que permanecían varios meses illados nas augas de Terranova e Groenlandia.

En 1955 foi substituído por un novo barco cambiando o seu uso. Foi barco correo, remolcador e rompexeos, abastecedor de material de mantemento, redes, material de pesca, combustible, auga e cebos aos barcos de pesca do bacallau e tamén se utilizou para repatriar a portugueses de Angola desde Luanda no proceso de descolonización de 1975. Despois de 1963, o barco pasou a realizar viaxes de comercio como navío frigorífico e de pasaxeiros entre as campañas de pesca, facendo a derradeira viaxe a Terranova en 1973. Estivo atracado no porto de Lisboa ata que se vendeu para chatarra en 1977, pero o historiador José Hermano Saraiva solicitou a conservación nun programa de televisión. En 1998, o barco restituíuse ao seu estado orixinal nos estaleiros de Viana do Castelo, co apoio popular e de varias institucións e empresas, creándose a "Fundación Gil Eannes", actual xestora do barco museo.

Na visita estivemos na ponte de mando, na cociña, na adega, no almacén, a panadería, a sala de máquinas, os talleres, a consulta médica, as salas de tratamentos, o gabinete de radioloxía, o quirófano, laboratorio, lavandería, barbaría, ademais dos diversos camarotes e as salas de exposicións temporais.

Despois trasladámonos ao Hotel Flor de Sal, onde fixemos a comida, despois da cal realizamos unha visita guiada pola cidade, comezando na beira do río Limia onde están o centro cultural, obra do arquitecto Eduardo Souto de Moura que proxectou en 1999 e que se construíu entre os anos 2008 e 2013. A carón está a Biblioteca de Álvaro Siza construída no 2007. Ambos edificios son diáfanos na planta inferior para poder ver o río ao seu través. Pasamos á Praza da Liberdade, para ver o monumento chamado “Porta da Liberdade”, obra do escultor Javier Soto levantado para conmemorar o 25 aniversario de revolución dos caraveis (Revolução dos Cravos), que puxo fin á ditadura de Salazar.

Pasamos pola monumento dedicado á Raiña dos Mares, con alegorías dos catro continentes aos que chegaron os navegantes portugueses, subindo polas rúas ata a igrexa fortaleza do século XV que é a catedral do novo bispado, pasando a continuación á Praza da República, onde rematamos a visita, con dous edificios notables, a antiga Casa do Concello e a Casa da Misericordia.

 

Ao día seguinte subimos ao santuario de Santa Lucía ou do Sacro Corazón de Xesús, unha basílica historicista que se comezou en 1904 e se rematou en 1959, proxectada en estilo neobizantino polo arquitecto Miguel Ventura Terra, semellante ao Sacré-Cœur de Montmartre en París, e continuada a partir de 1919 polo seu discípulo, Miguel Nogueira. Despois de contemplar as vistas baixamos para visitar o Museu do Traje, instalado en 1997 no edificio que foi a sucursal do Banco de Portugal, dedicado ao traxe feminino á vianesa, o de color verde o azul e o vermello e algún masculino, popular, rural, usado desde mediados do século XIX até mediados do XX, así como os adornos de ourivaría e os instrumentos de preparado do liño e da lá para tecer.

A última visita foi ao Museu de Artes Decorativas, instalado nun palacio do XVIII, no Largo de San Domingos. Un guía do museo acompañounos facendo na primeira sala unha introdución á historia de Viana, pasando despois ás de mobiliario e a cerámica de diferentes manufacturas portuguesas dos séculos XVII e XVIII, rematando coa visita a ampliación recentemente aberta ao público, sendo o segundo grupo en vela, dedicada ao estuco, onde se explica a elaboración deste adorno mostrando fragmentos recuperados de edificios derrubados en Viana.

Enviar un comentario

Por favor, asegúrese de ter introducida a información marcada con (*). O código HTML non está permitido.

Busca nesta web

Próximos actos

  • Asemblea xeral e festa dos socios. +

    Día 12, xoves Asemblea xeral e festa dos socios. Xantar no Hotel Méndez Núñez. Actuación do grupo de música clásica Bóreas. Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO