Domingo, 19 Setembro 2021 11:17

Visita ao Parque de Rosalía de Castro

18 de setembro de 2021
Con motivo do centenario da creación do Parque de Rosalía de Castro, a Asociación convocou unha visita que foi guiada polo presidente Adolfo de Abel Vilela. Comezou facendo unha introdución sobre como era a cidade a finais do século XIX, as obras importantes que quedaran sen facer, como o hospital, o campo da feira e o parque, para o que xa había nome, o Parque Moltó, dedicado a xeneral Antonio Moltó que trouxo para Lugo unha batería de Artillería de Montaña que se instalou nas Mercedes.
Un dos primeiros xardins sería o do Campo do Castelo, onde se celebraba o mercado do barro, que foi trasladado o espazo que había fronte ao cárcere. Despois de inaugurarse o Campo da Feira en 1917, nos campos onde se celebraban mercados fixéronse xardíns. Así, na Praza de Ferrol facíase o mercado da leña; na Praza Maior, os mercados semanais; na Mosqueira, o mercado do pulpo.


Cando en 1909 chega a alcaldía Ángel López Pérez, leva adiante estes proxectos pendentes, nos sucesivos mandatos ata 1831, coa interrupción de 1923 a 1927 da ditadura de Primo de Rivera. O parque pretendíase facer nos terreos que había entre o cárcere e a rúa do Bispo Aguirre. López Pérez busca os terreos na mesma zona pero no bordo do espolón, na zona do Garañón, para gozar das vistas do val do  Miño, por iso antes de ter nome oficial o público púxolle Bella Vista, o 14 de maio de 1927 oficializouse o de Afonso XIII, e o 21 de abril de 1936, coa República, cambiouse por  Rosalía de Castro.  
O acordo para facelo tomouse o 2 de xullo de 1921, xustificando como “complemento das obras de saneamento e embelecemento”. Mercáronse varias cortiñas, e a Costa Grande do Baño, en total 95 hectáreas, encargando o proxecto que fixo no estilo da época, Art-déco, o arquitecto municipal Ramiro Saínz Martínez, que viñera en 1920. A parte de xardinería estivo a cargo do enxeñeiro agrícola Juan Cruz de Aguileor, xefe de Agricultura, Gandería e Montes da Deputación de Biscaia, que tiña viveiros en Abando. As obras comezaron o día 18 de marzo de 1922 e rematáronse en 1930.
Pasaron despois ao mapa da Península Ibérica, que se colocou por suxestión do xeneral Miguel Primo de Rivera, presidente do Goberno,  na visita que fixo a Lugo o 1 de agosto de 1928. Para protexelo o arquitecto Eloy Maquieira deseñou unha estrutura rematada cun pombal. Detivéronse na fonte, proxectada polo arquitecto municipal Ruperto Sánchez Núñez e debuxada por Benjamín Santín Carballada  en 1954, inspirándose na Fonte da Alcachofa que está no Parque do Retiro de Madrid, e que substituíu á primitiva de azulexería semellante a dos Toureiros do Parque de María Luisa de Sevilla, da que só se conserva a reixa que a protexía.
Despois de falar dos bancos que hai arredor da fonte, da casa para a ferramenta, onde se colgaba a gaiola co papagaio, que apareceu morto o 19 de febreiro de 1952, das aves que se mercaron, parrulos, cisnes, pavos reais, do estanque e da ponte, e do quiosco Venecia, dirixíronse a Balconada do Grañón, lamentándose de que a vexetación das costas forme unha pantalla vexetal que impide a contemplación da fermosa paisaxe que se divisaba antes e que xustificou facer a Pérgola (1927-1930), unha das primeiras obras racionalistas feitas en España, proxectada por Maquieira que veu de arquitecto para Lugo en 1927.
Desprazáronse finalmente ata o lugar do monumento dedicado a don Ángel López Pérez por subscrición popular, recadándose 220.236 pesetas, encargado ao escultor Francisco Asorey en 1956, obra que dixo que faría en 3 meses e tardou en entregalo 34. Polo incumprimento dos prazos de entrega houbo que suspender a inauguración varias veces, facéndose o 5 de outubro de 1858.

Enviar un comentario

Por favor, asegúrese de ter introducida a información marcada con (*). O código HTML non está permitido.

Busca nesta web

Próximos actos

  • Conferencia sobre as camelias por Carmen Salinero Corral +

    MARZO Día 6, mércores Conferencia sobre as camelias por Carmen Salinero Corral. De 19,30 a 20 h., anotacións para a Ler Máis
  • Anotacións para a viaxe do 20 de abril a Cambados +

    MARZO Día 6, mércores Conferencia sobre as camelias por Carmen Salinero Corral. De 19,30 a 20 h., anotacións para a Ler Máis
  • Viaxe para ver os pazos de Oca e Santa Cruz de Rivadulla +

    Día 16, sábado Viaxe para ver os pazos de Oca e Santa Cruz de Rivadulla. Saída ás 8,30 h. Ler Máis
  • Táboa Redonda sobre a vida e a obra de Luisa Villalta +

    Día 19, martes Táboa Redonda sobre a vida e a obra de Luisa Villalta, persoeira das Letras Galegas 2024. Interveñen Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO