Martes, 23 Abril 2019 17:00

Conferencia de Clodio González Pérez. sobre “Antonio Fraguas Fraguas (1905-1999): a súa estadía en Lugo”.

12 de marzo.

O conferenciante, que se pode considerar como o biógrafo de Antonio Fraguas Fraguas polo libro e polos artigos que lle ten dedicado, fixo un resumo da súa vida, salientando aqueles aspectos que lle pareceron máis importantes. Naceu en Insuela, parroquia de Loureiro de Cotobade. O 30 de decembro de 1905 foi bautizado na igrexa de Santiago de Loureiro do concello de Cotobade (Pontevedra). Era fillo de Teresa Fraguas Vázquez e de Manuel Fraguas Rodríguez, un canteiro, da Terra de Montes, que emigrou a Brasil pouco antes de que nacese onde estivo oito anos.

Contou que despois de recibir a instrucción primaria ata os 13 anos en varias escolas do distrito, a finais de 1918 a familia decide emigrar ao Brasil e acordan que o fillo aprenda algo máis, e que fose un mes ou dous a traballar a un taller de Vigo, pois seus pais querían que fose un bo maquinista de tren. Pero un domingo, despois de saír da misa, o mestre que estivera no colexio de Covelo explicou aos veciños que o motivo polo que as silvas saían no campanario era porque o vento transportaba as sementes. Tanto lle gustou a explicación que lle pediu aos pais que o deixasen ir tres meses á escola do mestre, de xaneiro a marzo, e os restantes ata xuño ao taller vigués. Así que con 13 anos pasou á escola de don Antonio, comezou sendo o último e os poucos días pasou ao segundo lugar. O mestre aconsellou ao pai para que o neno estudiase algo máis, facer unha carreiriña antes de ir para o Brasil, pero díxolle que no tiña medios económicos. Ao fin convenceuno para que fixese o bacharelato e despois o conmutase co maxisterio primario.

 

En xuño de 1919 aprobou o ingreso por libre no Instituto Xeral e Técnico de Pontevedra, tiña 14 anos, cando o normal era que se empezase este ciclo de estudos aos 10. Entre os profesores que lembraba con agarimo estaban Ramón Sobrino Buhigas, Antón Losada Diéguez, que foi o que, segundo el, máis influíu no seu pensamento e na súa obra, e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Os tres foron despois seus compañeiros no Seminario de Estudos Galegos.

Con outros compañeiros da aula, entre os que salienta a Sebastián González García-Paz, fundan en 1923 a Sociedade da Lingua, en defensa do galego e para elaborar un diccionario para o que Fraguas redactou moitas fichas. Neste ano tamén participa por primeira vez nun mitin a favor de Manuel Portela Valladares.

Foi para Compostela en 1924, matriculándose na Facultade de Filosofía e Letras. O 12 de outubro de 1923 fundouse o Seminario de Estudos Galegos. Incorporouse a el como oínte no primeiro curso, pasando a formar parte do Seminario cando aínda estaba en segundo. Por esta época ingresa na Irmandade da Fala. En 1926 fai o servizo militar e tócalle en Santiago. Este mesmo ano o Seminario organiza unha exposición na que participan varios artistas, entre os que estaban Castelao e o escultor Uxío Souto, que era o seu compañeiro no cuartel, que presentou a obra titulada A druidesa, hoxe no Museo de Pontevedra, á que lle dedicou o seu primeiro artigo publicado en El Pueblo Gallego de Vigo. Licenciouse no ano 1928 incorporándose ao Seminario como membro numerario das seccións de Xeografía, que dirixía Otero Pedrayo, e Etnografía e Folclore, que levaba Sebastián Martínez Risco.

Colaborou en varias campañas de investigación arqueolóxica e o 16 de xullo de 1932 casou en Valga con Teresa Martínez Magariños.

En 1933 concorre en Madrid aos cursiños de selección convocados polo Ministerio de Instrucción Pública, que aproba, pasando a ser profesor de Xeografía e Historia no creado Colexio Subvencionado da Estrada. Nesta localidade será o secretario do Partido Galeguista, concorrendo a unhas elección municipais a comezos de 1936, e deu un mitin a favor do Estatuto de Autonomía de Galicia, participando en varios con Castelao, pero ocorreu que no máis grande falou un membro do Partido Comunista, polo que despois do Alzamiento Nacional foron todos acusados e perseguidos por comunistas.

Foi expedientado, e suspendido de emprego e soldo, e despois separárono da docencia. Ao quedar sen traballo decidiu fundar unha academia para dar clases particulares á que lle puxo o nome de "Menéndez y Pelayo", asociándose co crego de San Fiz de Solovio, Ramón Davila García. Ao mesmo tempo consegue que lle fagan algúns encargos nos cursos de verán da Universidade entre 1943 e 1950, pero non puido recuperar a praza da Estrada tendo que opositar de novo en 1942, sen éxito, porque o suspenderon por razóns políticas.

Presentouse de novo ás oposicións en 1950, conseguindo a cátedra do Instituto Nacional Masculino de Enseñanza Media de Lugo. No instituto foi xefe de estudios e secretario, sendo moi querido polos compañeiros e alumnos, aos que sacaba fóra da aula para catalogar mámoas e castros, ver monumentos e recibir leccións in situ. En 1959 participou no concurso de traslados ao quedar vacante a cátedra do Instituto Feminino Rosalía de Castro que ocupaba a súa compañeira Pura Lorenzana, onde se xubilou, ao mesmo tempo que daba clase como profesor auxiliar na Facultade de Filosofía e Letras. Foi director do Museo do Pobo Galego desde a súa apertura en 1977 ata a súa morte o 5 de novembro de 1999.

Enviar un comentario

Por favor, asegúrese de ter introducida a información marcada con (*). O código HTML non está permitido.

Busca nesta web

Próximos actos

  • Conferencia sobre as camelias por Carmen Salinero Corral +

    MARZO Día 6, mércores Conferencia sobre as camelias por Carmen Salinero Corral. De 19,30 a 20 h., anotacións para a Ler Máis
  • Anotacións para a viaxe do 20 de abril a Cambados +

    MARZO Día 6, mércores Conferencia sobre as camelias por Carmen Salinero Corral. De 19,30 a 20 h., anotacións para a Ler Máis
  • Viaxe para ver os pazos de Oca e Santa Cruz de Rivadulla +

    Día 16, sábado Viaxe para ver os pazos de Oca e Santa Cruz de Rivadulla. Saída ás 8,30 h. Ler Máis
  • Táboa Redonda sobre a vida e a obra de Luisa Villalta +

    Día 19, martes Táboa Redonda sobre a vida e a obra de Luisa Villalta, persoeira das Letras Galegas 2024. Interveñen Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO