Sorprende que despois de 36 anos aparezan voces e prácticas que intentan levar un tesouro que xa é lugués e galego desde aquela, fóra do lugar que o grande mecenas don Álvaro Gil elixiu no seu momento en proba de amor ao noso país, á súa cultura e ao acervo cultural que herdabamos dos nosos devanceiros. Un camiño que se tripa durante tantos anos acaba por se definir como  colectivo. Seríamos quen neste momento de levar a nosa Muralla para New York, ou mandar a nosa catedral para Pontevedra? Aparte das diferenzas construtivas deste patrimonio, o que os une está precisamente no herdo colectivo que para a nosa cultura propia, galega, representan, pois tamén a xente forma parte do seu ser e dálle a propia nacionalidade ou carácter local.

As novas xeracións edúcanse hoxe na cultura material que ofrece este grande museo ao que Álvaro Gil lle deu sangue e vida, e sen este tesouro castrexo e doutras épocas anteriores e posteriores, non é o mesmo a visión que as xeracións poidan ter do pasado. Nen é o mesmo que as xentes de todo o mundo que nos veñen visitar, contemplen ou non as xoias colectivas na terra onde se descubriron, anónimas elas e xa de herdanza colectiva desde a súa aparición.

LugoPatrimonio apoia con contundencia ao noso Museo provincial de Lugo como lugar incuestionábel para continuar como escaparate de luxo deste tesouro, e lembra que mantelo en vivo como se mantivo durante tantos anos tamén custou cartos e esforzos que foron de todos nós, daqueles e daquelas que contribuímos á súa constante exposición e coidado. Non pode ser, polo tanto, o criterio económico a forza para a retirada das pezas, pois rompería o carácter de mecenado que o seu posuidor lle deu. As obras grandes son de homes e mulleres grandes. As pezas castrexas, dos castrexos, e os herdeiros somos todos e todas nós. Que Lugo siga a sentir  o orgullo de posuír un escaparate de ouro, e que a memoria de don Álvaro Gil siga mantendo o mecenado.

Lugo, a 9 de febreiro do 2010

O Presidente de LugoPatrimonio

Asdo.: Lois Diéguez

 

A modificación da estrada “Armesto-Torés-As Nogais” proxectada pola Deputación de Lugo afecta á contorna de dúas zonas de Rede Natura e poderían acelerar o derrube da Torre do Castelo de Torés.


Os colectivos denunciantes instan á Xunta e á Deputación de Lugo a impedir as obras mentres non se avalíe o seu impacto ambiental e patrimonial.

Lugo, a 25 de xaneiro de 2010.-

ADEGA e Lugo Patrimonio presentan alegacións ante a Xunta e a Deputación de Lugo contra a modificación do trazado da estrada existente entre os núcleos de Armesto ata a vila das Nogais, atravesando o Val de Torés. Por unha banda, aseguran que a modificación do trazado é innecesaria polo baixo número de vehículos que circulan diariamente pola estrada actual e porque esta xa permite o paso de vehículos articulados de grande tonelaxe. Ademais hai que ter en conta a competencia en comodidade, seguridade, número de quilómetros e aforro de tempo que xa ofrecen outras estradas de alta capacidade que comunican as dúas vilas, como a Autovía A-6 ou a Nacional VI.

Por outra banda, estes colectivos denuncian que o proxecto prevé crear unha plataforma de entulleiras e terrapléns de máis de 2 quilómetros de longo por máis de 15 metros de ancho a través dunha paisaxe natural, cultural e xeomorfolóxica única en Galicia, que corresponde ao Val de Torés.

No tocante ás afeccións ambientais, as obras carecen de avaliación de impacto ambiental e do oportuno informe favorable da Consellaría de Medio Ambiente, por afectar á contorna de dous espazos de Rede Natura, o LIC Ancares-Courel e o LIC Agüeira-Cruzul, tal e como obrigan a Lei de Avaliación de Impacto e a a Lei do Patrimonio Natual e da Biodiversidade.

Copia o seguinte texto, ou descárgao en formato word premendo AQUÍ, cúbreo e envíao a: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. Para facermos seguimento podes enviar copia a: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. .

O texto da alegación é o seguinte:
Don/ Dona…………………………………………. con DI……………………….. e domicilio en………………………………………………………………………………………………………….
En relación coas Bases para a elaboración do decreto de plurilingüísmo presentado publicamente a noite do 30 de decembro de 2009, presenta as seguintes

ALEGACIÓNS

O borrador de decreto presentando na noite do 30 decembro:

1)   Non garante que os estudantes finalicen cada etapa educativa coas destrezas lingüísticas tamén en galego.- Todos os informes oficiais sinalan que hai un problema para conseguir que boa parte dos rapaces e das rapazas, sobre todo nas zonas urbanas, teñan fluidez comunicativa en galego. Diminuír a presenza da nosa lingua non fará máis que agravar a situación, vulnerando o dereito do alumnado a unha educación de calidade e pondo en perigo a pervivencia da nosa cultura.

2)   É unha proposta feita de costas á sociedade galega.- O presidente da Xunta sabe que non conta con ningún consenso do profesorado, o estudantado, as familias e da sociedade en xeral para este decretazo. Por iso o presentou na véspera de fin de ano, a última hora do serán, e sen que existise ningún proceso previo de diálogo nin contraste.

3)  Suporá enfrontamentos nos centros.- A Xunta fai deixadez das súas funcións e traslada o problema ao profesorado, ao estudantado e ás familias, que serán parcialmente consultadas (ben tendo en conta só o criterio da maioría, sen que se saiba que pasará coa minoría que se sinta perdedora; ben dando unha opinión cada catro anos, o que significa que uns pais darán a súa consideración sobre a educación das fillas e dos fillos doutros). A política lingüística e educativa non se pode limitar á opinión que poida ter a comunidade escolar, porque nos corresponde a todas as galegas e a todos os galegos. Hai que ter presentes criterios pedagóxicos e o dereito a unha educación en igualdade.

4)   É unha burla á cidadanía cando di que se vai impartir un terzo das materias en inglés, cando sabe que iso é totalmente inviábel, e sen se preocupar do fracaso escolar.- O presidente da Xunta mente conscientemente cando fala de “plurilingüismo”, pois sabe que iso é imposíbel de aplicar. Só utiliza o inglés para camuflar propagandisticamente o ataque contra o galego. Na verdade, os departamento de inglés non teñen un reforzo real para mellorar a aprendizaxe desta lingua e mesmo se recortan os recursos para a formación do profesorado e se reduce o número de profesores/as das escolas oficiais de idiomas. O reforzo e mellora do ensino de inglés no sistema educativo galego debe facerse con máis profesorado específico, con máis recursos e con grupos máis reducidos

5)  Vulnera leis básicas aprobadas por consenso e tratados internacionais de dereitos lingüísticos.- O decreto que o Goberno galego quere impor unilateralmente vulnera a letra e o espírito da Lei de normalización lingüística (arts. 12 e 13), así como da Carta europea de linguas rexionais ou minoritarias (art. 8). Un goberno serio, cívico e responsábel cumpre as leis e os tratados internacionais de dereitos humanos e de dereitos lingüísticos.

6)   Porque é unha agresión á dignidade da nosa cultura que haxa un goberno da Xunta que ande ás patadas coa lingua propia do noso país.- Temos que erguer a nosa voz con claridade e exclamar que, independentemente do idioma que falemos no noso día a día, os galegos e as galegas amamos a nosa lingua propia e queremos que non haxa políticas para discriminala, senón ao contrario: que se promova nos diferentes ámbitos, garantindo a igualdade de dereitos.

Fronte á imposición unilateral de Alberto Núñez Feijóo, reclamo que se escoite a voz das comunidades educativas. O presidente da Xunta debería lembrar que o decreto aínda en vigor contou co respaldo dos sindicatos que representan ao 90% do profesorado, a inmensa maioría das ANPAs, todas as organizacións estudantís e todos os movementos de renovación pedagóxica con actuación en Galiza. O seu decreto contra o galego, ao contrario, non xera máis que rexeitamento e preocupación.

Por todo isto

SOLICITA

A aplicación real e efectiva do decreto 124/2007 e do Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado por consenso e unanimidade polo Parlamento Galego.



Asdo:

Don/ Dona




En ……………………….a.. de xaneiro de 2010

 

Xoves, 21 Xaneiro 2010 15:25

AS FOTOS DA VIAXE Á CIDADE DA CORUÑA

Fermosa e atractiva cidade, mesmo nos grises do frío, e máis aínda se a vemos, como así pasou, con ese guía de fantasía que é Felipe-Senén López , o coñecedor máis profundo da xeografía do noso país, e do que tiñan que aprender bastante todos os nosos embaixadores, sobre todo os romanos. A cidade presentóusenos, pois, nos grises da beleza, no encanto das súas xentes e nese inmenso e nunca superado monumento formado pola Cidade Vella. Pero tamén topamos coa cidade dos desclasados gobernantes, esa cidade que comeza con aquela doma e castra dos chamados reis Católicos, cando crean a Real Audiencia, e cando se van montando posteriormente eses organismos militares que chegan a mudar, mesmo, os nomes propios e populares, a topografía e a configuración urbanística. Nótase isto no paseo, e chama a atención a ausencia do idioma propio, do galego, como se houbese unha programación para que A Coruña non se sinta galega e esqueza os seus símbolos e a súa historia. A política do cemento estoupa sobre os sufridos rochedos esmagados, e esas obras millonarias feitas tan só para que os nomes dos que se cren deuses perduren, sexan edificios, mobiliario urbano (a afronta violentísima deses farois enormes que chocan cos ollos) ou símbolos alleos á cultura de raíz. Así que o paseo foi instrutivo ao respecto, e as fotos que poñemos aquí mostran a variedade de formas e de programacións, de ideas, de prexuízos e fachendas. E, sobre todo, que A Coruña, a pesar dos poderosos destrutores, estoupa máis fermosa cando mostra as raíces creadas pola súa historia.

 

20100116_A_Corunha


Aspectos orixinais e diferentes dos habituais que se din da Coruña, a cruña, o corno, a coroa... como a definiu o eminente conferenciante e investigador da nosa historia e orixes, Felipe-Senén. Cativou a xente que acudiu durante máis dunha hora coas historias, lendas e investigacións propias sobre unha cidade que aínda hoxe, despois de polémicas incomprensíbeis, segue sen ser coñecida polos seus gobernantes, de aí a manipulación con que xogan para proveito exclusivo e persoal. Proba disto é o esquezo e desinterese en que se mantén o caso antigo, o corazón, logo, da Coruña. O próximo sábado veremos con Felipe-Senén, a pé, como é de rigor nos viaxeiros, as pedras e os contos, o positivo e negativo que mantén con gloria ou desacerto esta fermosísima cidade galega.

Luns, 11 Xaneiro 2010 11:43

Obradoiro de animación á lectura.

Estamos a preparar, seguindo a petición dalgúns asociados e asociadas, un Obradoiro de animación á lectura, que ten como fundamento familiarizarnos coa lectura e escrita do noso idioma, o galego. En principio, serán xornadas de dous días á semana (luns e martes), con hora e media cada un (entre 20 e 21,30 h.) e até contemplar o cómputo de 35 ou 40 h. en total.

Tratarase de facilitar simplemente a lectura, escritura e coñecemento da nosa lingua, sen complicacións gramaticais; simplemente para ter o convencemento de que sabemos ler e escribir en galego, e tratar de ampliar os nosos coñecementos nesta grande obra que construíron con amor e cariño os nosos antepasados.

En principio tamén, pensamos en realizar este proxecto en colaboración coa Vicepresidencia 2ª Área de Cultura da Deputación Provincial, así que necesitamos saber xa o número de asociados e asociadas, ou mesmo que non o sexan, (dependerá das prazas a cubrir) interesados nesta actividade.

A partir de hoxe, podedes chamar ao tfne. 676 800 227, ou mesmo escribir ao noso correo para saber o voso parecer e anotarvos (Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.). Tamén podedes deixar os vosos comentarios no foro previsto na páxina web; para facelo, despois de premer no enlace, premendo no botón Novo Tema, poderedes deixar o voso comentario.

Iniciaríamos esta actividade no mes de marzo.

Quedamos á vosa disposición para recoller o voso parecer.

 

Mañá, 12 de xaneiro do 2010, ás 20 h. e no salón de actos da Deputación provincial de Lugo, o arqueólogo, escritor e grande animador cultural, Felipe-Senén López, expoñerá mediante proxeccións e comentarios a conferencia: A Coruña desde unha visión orixinal e diferente: arqueoloxía e lenda.

Esta conferencia é parte inicial da viaxe que LugoPatrimonio proxecta a esta cidade da Coruña, para o próximo sábado, 16 de xaneiro, que será guiada tamén por este guía de excepción que é Felipe-Senén López .

As persoas que queiran participar na viaxe poderán anotarse o mesmo día da conferencia (12 de xaneiro), entre 18,30 h. e 20 h. e no mesmo lugar (salón de actos da Deputación Provincial de Lugo).

Lugo, 11 xaneiro 2010

A Xunta Directiva

 

O próximo día 1 de febreiro, ás 20 h. e no salón de actos da Deputación Provincial de Lugo, o noso presidente, Lois Diéguez, e a representante da axencia coa que imos viaxar a Exipto, Nadia Abelleira, presentarán mediante proxeccións a viaxe virtual por este fermoso e máxico páis que é Exipto.

Despois das proxeccións daremos os últimos avisos a ter en conta para a viaxe por Exipto e atenderemos calquera suxestión que se presente.

 

O representante da axencia de viaxes coa que viaxaremos a Exipto en febreiro, Josep Sala (Tarawa Travel), instruíunos o pasado día 18 de decembro, cunha interesante exposición sobre monumentos e paisaxes que durante a nosa estanza coñeceremos. Detallou, ademais, as condicións diversas que incidirán no goce máis axeitado. E foi sometido a un verdadeiro bombardeo de preguntas.


 

Busca nesta web

Próximos actos

  • Viaxe a Sintra +

    MAIO Días 5 ao 8 Viaxe a Sintra (Portugal). Saída ás 8 h. Ler Máis
  • Anotacións para a viaxe do día 22 de xuño a Pambre, Narla e a viaxe a Mérida +

    Día 10 de maio, venres Salón de actos da Deputación Provincial De 19,30 a 20 h., anotacións para a viaxe Ler Máis
  • Conferencia de María Isabel Iglesias Baldonedo sobre o escultor Francisco Asorey +

    Día 10 de maio, venres ás 20 horas Salón de actos da Deputación Provincial Conferencia de María Isabel Iglesias Baldonedo Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO