Marchamos para o cabo Vilán, en Camariñas, para ver o faro inaugurado en 1896, que foi o primeiro faro eléctrico de España. A seguinte parada foi en Santiago de Cereixo, en Vimianzo, onde vimos o conxunto do pazo das torres de Cereixo, do século XVI, a igrexa, de estrutura románica que conserva a ábsida e dúas portadas, e fachada barroca con espadana. Chamou a atención o enorme carballo que se atopa na praza que forma o conxunto.
Despois de xantar en Muxía, subimos a pé ata o santuario da Virxe da Barca, para ver a igrexa, a pedra de abalar e o faro de Muxía, desde onde, segundo a lenda, Santiago viu chegar á Virxe nunha barca de pedra, da que quedou a chamada pedra de abalar, e a vela que é a pedra dos cadrís. Na subida paramos diante do secadoiro do congro os Cascóns, un dos dous que se conservan. Os bilbilitanos que viña desde Calatayud, traían cordas para os barcos de Muxía e levaban como pago en especie, pezas de congro dos secadoiros.
A seguinte parada foi a igrexa románica de Moraime, lugar relacionado coa familia Traba, coa que se educou Afonso VII o Emperador, fillo de dona Urraca e Reimundo de Borgoña. No cemiterio vimos un busto en mármore feito por Francisco Asorei, retrato do párroco Juan Bautista Durán Ínsua.
A derradeira visita foi ao novo cemiterio municipal de Dumbría, coñecido como de Cores ou Bonito, obra da arquitecta Rosana Pichel, rematado no ano 2012, e inspirado na obra do pintor holandés Piet Mondrian. A tapa dos nichos de parede son de distintas cores e todo o conxunto está cuberto.