Imprimir ésta páxina
Venres, 24 Novembro 2023 16:24

Viaxe a Vilanova de Lourenzá

18 de novembro

A última viaxe do ano foi a Vilanova de Lourenzá, con motivo de ser Francisco Fernández del Riego, persoeiro das Letras Galegas do ano 2023, natural desta vila. A visita estivo asistida por Justa, guía oficial do Concello, comezando ás 11 horas na praza que hai diante do edificio que foi a cámara abacial do antigo mosteiro de San Salvador, hoxe Casa do Concello, e da igrexa, onde fixo unha introdución histórica para falar de Osorio Gutiérrez, coñecido como O Conde Santo, fundador do mosteiro a mediados do século X, o seu proceso de desenvolvemento, coa integración na Congregación dos bieitos de Valladolid a principios do século XVI, e o seu declive, así como da construción da igrexa, coa súa magnífica fachada obra de Fernando de Casas Novoa, explicacións que continuaron no interior onde chama a atención a súa estrutura así como o retablo maior deseñado por Ventura Rodríguez.

Pasamos despois á sancristía para ver o magnífico relicario barroco, e a capela da Valvanera, e xa, na capela da Nosa Señora de Valdeflores, nas dependencias do antigo mosteiro, o sartego paleocristián do século V, traído polo conde da súa peregrinación a Terra Santa para o seu enterramento e o do seu fillo.

A continuación pasamos a ver o Centro de Interpretación da Faba, o produto típico destas terras da Mariña lucense, onde recibimos as explicacións da guía sobre a orixe, cultivo e comercialización desta legume.

Rematada a visita trasladámonos á parroquia de Santo Tomé para xantar no Pazo de Tovar ou Torre do Canedo, do século XVI con elementos arquitectónicos propios do século XV.