A

O Ramo e a Pauliña

Cando os traballadores, ao consturír unha casa, chegan ao tellado, poñen no cume un RAMO de piñeiro ou outra árbore para festexar a súa obra. Falamos, portanto, de festa por algo ben feito.
Tomamos a PAULIÑA como recriminación ou repreensión forte por algo mal feito ou ignorado.

16/06/08

Na viaxe a Belesar do 14 de xuño do 2008 comprobamos certas situacións que as distintas institucións (concello do Saviñao, Patrimonio da Xunta de Galiza e Deputación de Lugo) poden arranxar sen grades problemas: 

  1. Construcións nos arredores da igrexa de Diomondi que afean o conxunto (é, como sabemos, monumento nacional). Parecen, ademais, sen uso, polo que se podería derrubar o pendello que dá á fronte do camiño e acondicionar esteticamente as casas e palleiras que din abandonadas. Tamén o peto de ánimas que inicia o Camiño dos Codos.
  2. Non se entende que se promocionen arreo as viaxes en catamarán e non haxa un bar ou cafetaría na que se poda tomar algo; ou se teñan sen servizo de auga os lavabos do punto de embarque. É unha situación que non favorece a potenciación das visitas.
 

Temos que agradecer, tamén a atención esmerada que recibimos: 

    • Do concello do Saviñao e do concelleiro Xosé Manuel Rodríguez Martínez pola axuda para ver a igrexa de Diomondi e por ter o camiño dos Codos de Belesar perfectamente transitábel e limpo. Vaia para eles, pois o noso agradecemento e felicitación.
 
    • Do persoal do catamarán pola disposición a que a viaxe polo Miño fose documentada e agradábel.
 
    • Da dirección do Ecomuseo de Arxeriz (Carme Casas e X. Antonio Quiroga) polo coidado e presentación que teñen en todas as instalacións, e tamén por esa disposición á información e ao sorriso.
 
    • Dos directivos da Asociación Barcas do Miño e do profesor Xosé Manuel Vázquez Rodríguez pola súa colaboración desinteresada.
 
    • Da Adega Lareu personalizada en Primitivo Lareu, tamén pola atención e datos que axudaron a enriquecer os nosos coñecementos. E polo viño, claro.
 

Para todos eles, pois, e dentro dos conceptos que narramos, vaia O RAMO da Xanela de LugoPatrimonio. 

 

Lugo, 15 de xuño do 2008 

O Presidente

Asdo.: Lois Diéguez 

 

17/6/06

O RAMO
para D. SEGUNDO CAPÓN,
cura de Santa María de Temes por ter coidado con tanto amor o complexo monumental.

D. Segundo iniciou, en 1974, o descubrimento dos primeiros vestixios romanos que apareceron na igrexa. Despois, axudado por estudosos da arte e a arqueoloxía como Xaime Delgado, Nicanor Rielo ou Nicandro Ares, foi axeitando os numerosos e importantísimos achados no interior da igrexa para que non fosen roubados. Por iso podemos hoxe achegármonos alí e gozar desas marabillas que construíron os nosos devanceiros. Sen o seu traballo non o poderiamos facer. Para el, portanto ese RAMO tan merecido.

12/6/06

O ramo para a Consellaría de Cultura

Pola ampliación que fixo dos días e horarios de apertura do monumento de Santa Eulalia de Bóveda. Poden agora as xentes sensíbeis vir dos lugares máis afastados que sempre terán un tempo para admirar o Monumento. Sabemos que non foi doada a solución e que ten os seus altos custos económicos. Facemos, de todos os xeitos, unha aportación, sempre co ánimo de axuda: quizabes, nos meses de verán, pechar ás 18,00 ou 18,30 h. sexa unha miga cedo. Non se podería axeitar mellor a distribución do horario durante a xornada?

PAULIÑA PARA A IGREXA DE COMPOSTELA

panteon dos reis

A Pauliña ben merecida para a Igrexa de Compostela e en concreto para os seus responsábeis eclesiásticos por seguir de costas á nosa cultura e idioma ( a información da Catedral só se dá en español) e por manter unha manipulación tal da nosa Historia. É inconcibíbel que o Panteón Real onde están soterrados, Reimundo de Borgoña, Afonso VII, Fernando II e Afonso VIII (que eles chaman o IX), a raíña Xoana de Castro, dona Berenguela ou ese interesante personaxe que foi o conde de Traba, don Pedro Froilaz, siga mesturado coas reliquias da Catedral; e que a información que sobre os personaxes aludidos poñen nas cartelas os defina, segundo os casos, como reis de León e Castela e nunca como reis de Galiza. Coidamos que é urxente que as institucións políticas que nos representan corrixan de inmediato esta afronta.

 

PAULIÑA PARA A CONFEDERACIÓN HIDROGRÁFICA

lavadoiro

A Confederación Hidrográfica vén de esnaquizar un fermoso lavadoiro no barrio de San Lázaro, situado mesmo á beira do que foi Hospital de peregrinos e rentes do Camiño Primitivo de Santiago. Este lavadoiro foi construído en 1956 e representa, xunto con tantos outros distribuídos polo concello, un xeito de contestar ás necesidades e usos colectivos. Se non damos valor a aquilo que fixemos e nos distingue e imos esnaquizando construcións populares cuxo uso mudou, axudaremos tamén a borrar os testemuños do noso pasado. No catálogo de bens de interese que se anexa ao actual PXOM, recóllese apenas un lavadoiro e a maior parte das nosas construcións populares (cruceiros, fontes, lavadoiros, petos de ánimas...) seguen sen fixarse e a mercede, por tanto, de quen as queira destruír, como agora fai a Confederación Hidrográfica. Sería esta unha ocasión axeitada para que os distintos organismos que teñen responsabilidades nestes feitos (Consellaría de Cultura, Patrimonio, Concellos...) actualicen a catalogación dos nosos bens cun sentido máis acaído á sensibilidade de quen, co seu traballo, segue a velar pola nosa cultura e patrimonio.

Lugo, 19 novembro 2007

 

 

A PAULIÑA PARA O BISPADO POR DEIXAR ESTRAGAR O FERMOSO RETABLO DE SAN NICOLAO DE PORTOMARÍN

Nun galpón de Portomarín, estrañados, vimos os restos esnaquizados do que foi o retablo do altar maior da igrexa de San Nicolao, en Portomarín. Seica viñan do pazo de Berbetouros, do bispado, e alí estaban desde que se sacaran da igrexa, cando houbo que subila ao novo poboado debido á construción do encoro de Belesar. Aínda ollando os restos abandonados non o dabamos crido. Pauliña, pois, para o Bispado que, segundo se ve, perdeu a sensibilidade sobre o propio patrimonio, e unha miga tamén para o concello e a Consellaría de Cultura por non reaxir a tempo. Uns polos outros e o problema non se resolve. Que imediatamente se poñan estes restos a resgardo de ladróns e destrutores da nosa arte. Que o faga quen xexa, pero que non pase de hoxe, de mañá. E unha vez gardados, catalogados e rehabilitados, se volvan aos viciños e patrimonio desta fermosa vila de Portomarín.

Portomarín, 27 de xaneiro do 2007

PAULIÑA PARA O GRUPO DE GOBERNO DO CONCELLO DE LUGO

Teñen ben merecida esta Pauliña, como exemplo de barbarie e total insensibilidade por esnaquizar o pedestal que erguía solemnemente a escultura da chamada a Matrona da Praza de Avilés, a propia escultura, así como toda a decoración Art Déco que igualaba estilo coa Pérgola, escalinata e balaustrada do Parque Rosalía de Castro, o grupo de goberno do Concello de Lugo. E non só iso, senón tamén polo estrago a pico e pa dos escudos de cerámica metalizada de Talavera (quizá de Manises) que adornaban os catro lados do Pedestal. Sería moi difícil de crer esta barbarie se non a vísemos en directo. Se ben o brazo executor, como sempre, foi o xa tan tristemente coñecido D. José Piñeiro, que din agora o alcalde Sr. Orozco, e esa flamante concelleira de Cultura Dª Concepción Burgo? Algo teriamos que escoitar. Polo menos unha excusa, unha autocrítica e, sobre todo, a promesa de que a partir de hoxe, o Concello de Lugo debe elixir unha Comisión de Defensa do Patrimonio que siga moi polo miúdo calquera obra que queira executar ese malogrado grupo de Goberno.

Lugo, 11 de xaneiro 2007

17/6/06

A PAULIÑA
para as ADMINISTRACIÓNS
responsábeis
da situación de abandono do complexo de TEMES.

Chegar a Temes desde O Castro de Carballedo ou Os Peares é un verdadeiro mareo. Tampouco un non sabe por onde coller, pois non hai nen un só cartel que o anuncie. Conseguida, por fin, a meta, o panorama de cables, postes e desleixo afeando a igrexa, desalentan ao máis optimista. E se alguén quere tomar algo, mexar, informarse con folletos apropiados será como pedir un milagre. Así que, esas Administracións que non son quen de ver estes tesouros mesmo como fonte de riqueza, merecen con toda xustiza a PAULIÑA. Aí lles vai.

12/6/06

A pauliña para a Deputación

Suso Fernández, o cronista oficial de Foz, chamou reiteradamente a atención sobre eses impactantes retretes que asoballan a igrexa románica de San Martiño de Mondoñedo, un dos mellores monumentos que temos na nosa provincia.
LugoPatrimonio estivo hai uns días alí, e comprobou esa obra abraiante que no seu momento construiu a Deputación. Agora que tanto a Consellaría de Cultura como Fomento interveñen no contorno sería a ocasión axeitada para mostrar unha sensibilidade que non tivo a Deputación. Lavarlle a cara aos escuros e difíceis arredores do Monumento -pouco grato aos ollos e ao bo gusto, realmente- e derrubar os fantasmais retretes, sería amostra de respecto que agarda o noso impresionante patrimonio. Farannos caso? Estaremos atentos ao que pase e, quizabes, tamén faremos alí a nosa viaxe colectiva. Para agradecer ou para acusar.