20 de xaneiro
Entre as 11 e as 13,30 horas visitamos en Ourense a exposición In tempore sueborum, sobre o reino suevo instalada en tres sedes. Comeza no Centro Cultural Marcos Valcárcel co apartado "Desconstruindo aos bárbaros. Entre o mito e a realidade"que tenta explicar o tempo dos suevos na Gallaecia (411-585), partindo das grandes migracións, mais que invasións, a través de obxectos procedentes de enxovais funerarios procedentes de dezanove museos de distintas partes de Europa. Desmitifica o termo "bárbaro" utilizado interesadamente polos romanos. A creación do Reino Suevo "o primeiro reino medieval de occidente", encadrase nos movementos que tiveron lugar en Europa entre o século IV e VI.
Na igrexa de Santa María Madre, trátase "Cristianización e territorio na Gallaecia da época sueva". Cando os suevos, vándalos e alanos se asentan neste territorio a comezos do século V. a cristianización achábase nunha fase inicial de implantación. Os inicios e o desenvolvemento fíxase entre os séculos IV e primeira metade do VI, na que conviven as prácticas pagás coa cristiás. A partir do século VI prodúcese o quer chaman "efecto san Martiño" debido ao seu apostolado, sendo o "Parroquial Suevo" un exemplo deste efecto.
No chamado Museo Municipal está o apartado titulado "Convivindo cos suevos na Gallaecia", onde se explica que a desaparición da estructura político administrativa romana non inflúe nas estructuras de poboamento e nos patróns de asentamento característicos da época tardo romana, e dicir, do mundo castrexo. Os asentamentos de chaira, como villae e vici, tamén prolongaron a súa ocupación. Nas civitas que se transforman en sedes episcopais a cristianización da lugar ao inicio da cidade medieval.
Pola tarde a partir das 17 horas visitamos a Casa das Rodas aberta no ano 2011 polo escultor Florencio de Arboiro, que recolleu e adquiriu un bo número de rodas de afiar de distintos tipos e procedencias, así como un numeroso material fotográfico sobre o tema. Unha iniciativa privada de enorme mérito e interese, ignorado polo estamento oficial. Tamén presenta materiais relacionados con oficios ambulantes da comarca, como o de capador e quincalleiro. Nesta visita estivemos acompañados polo etnógrafo e membro da Asociación José Manuel González Reboredo. Ao rematar a visita o presidente Adolfo de Abel Vilela felicitou e agradeceu a Florencio por ter rescatado e preservado este patrimonio material y que lle lo mostrase.
16 de xaneiro
Comezou dicindo que as terras do noroeste peninsular, incluíndo Galicia e zonas veciñas de Asturias, León e norte de Portugal, foron o berce dunha serie de oficios singulares non só polo propio oficio, senón polo feito de ser practicado fóra do lugar de nacemento e residencia, ás veces a moi longa distancia. Desaparecidos nos últimos decenios, ou en proceso de desaparición no presente, son, non obstante, unha parte destacada do noso patrimonio cultural e da nosa identidade, e por iso deben ser lembrados e divulgados. Así se fai en lugares de memoria como a Casa das Rodas, en San Xoán de Río, grazas aos esforzos de Florencio de Arboiro, un artista ourensán que ama a súa terra e procura gardar sobranceiras mostras do pasado da súa chaira natalicia,
A continuación afirmou que o numero destes oficios é bastante elevado. Entre eles figuran os augardenteiros de Sober, no sur da provincia de Lugo, os telleiros do Rosal e A Guarda, os cesteiros de Mondariz, os comerciantes de tecidos da Graña (O Covelo), os canteiros do interior de Pontevedra, os cereiros do leonés val do río Ancares, os comerciantes ambulantes e albardeiros do val tamén leonés de Fornela, os cunqueiros de Ibias (Asturias), ou os serranchíns do norte de Portugal. Pero quizais a zona do noroeste onde esta actividade ambulante presenta unha maior riqueza é no norte da provincia de Ourense, na beira esquerda do río Sil. Desta terra son famosos os afiadores e paraugueiros, pero tamén estiveron presentes os mesteres de barquilleiro, cordeiro, peneireiro, capador, albardeiro e quincalleiro.
Sinalou que unha singular peculiaridade de moitos destes artesáns e comerciantes foi a de crear unha xíria, ou criptolecto, propio coa finalidade de poder falar entre eles sen ser comprendidos por xente allea. Xírias ben coñecidas e con léxico recollido en diversos estudos son o barallete da Chaira, propio dos ambulantes do norte de Ourense, o verbo dos arxinas (canteiros pontevedreses), o verbo dos bogardeiros (cesteiros de Mondariz), o verbo dos cabaqueiros, (telleiros do Rosal e A Guarda), o barallete dos grañudos, (comerciantes da Graña), ou o burón (comerciantes do val de Fornela).
Xustificou esta actividade comercial debida á pobreza das terra de orixe, ou o acusado minifundio e pequenez das explotacións agrarias son razóns de base para xerar a aparición destas actividades que permitían complementar a economía familiar. Pero tamén hai que ter en conta que, ao longo do tempo, se foron creando unhas formas culturais e mentalidades favorecedoras da perpetuación deste tipo de actividade, ata que as fondas transformacións que se deron a partir especialmente dos anos sesenta do século pasado, supuxesen o ocaso dun mundo que coñece a partir dese momento unha continua decadencia. Rematou a intervención poñendo exemplos das xergas utilizadas por estes individuos.
Día 20 de xaneiro, sábado
Viaxe a Arboiro e Pobra de Trives (Ourense).
Saída ás 9 horas.
Visita á Casa das Rodas de Florencio de Arboiro, museo etnográfico sobre os catro oficios ambulantes: capador, afiador, barquilleiro e quincalleiro. Visita en Ourense da exposición In tempore sueborum, sobre o reino suevo.
Día 16 de xaneiro, martes
ás 20 horas
Salón de actos da Deputación Provincial
Conferencia de Xosé Manuel González Reboredo, etnógrafo, sobre "Un patrimonio etnográfico importante: os oficios ambulantes en Galicia e terras veciñas do noroeste".
De 19 e 20 h. anotacións para a viaxe do día 20 de xaneiro, sábado, a Ourense para visitar á Casa das Rodas do escultor Florencio de Arboiro e a exposición In tempore sueborum.
Por acordo da Asemblea Xeral Ordinaria celebrada o día 16 de decembro de 2017, convócase Asemblea Xeral Extraordinaria para o día 16 de xaneiro, martes, ás 19,30 horas en primeira convocatoria e ás 20 horas en segunda, no salón da Deputación Provincial, Praza de San Marcos, coa seguinte
Orde do día
1. Lectura e aprobación, se procede, da acta da asemblea anterior.
2. Toma de acordo sobre a integración na Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura, de acordo co previsto no Artigo 21, 3 dos Estatutos.
De 19 e 20 h. anotacións para a viaxe do día 20 de xaneiro, sábado, a Ourense para visitar á Casa das Rodas do escultor Florencio de Arboiro e a exposición In tempore sueborum.