Imprimir ésta páxina
Martes, 06 Outubro 2026 07:11

Conferencia de Carlos Babío Urkidi sobre “A recuperación do Pazo de Meirás”

10 de xuño

Carlos Babío Urkidi, un dos investigadores que iniciaron o complexo preito coa familia Franco para a recuperación como patrimonio do Estado do Pazo de Meirás, deu unha conferencia previa á visita sobre a cuestión procesual. Comezou dicindo que se tardaron 43 anos en presentar a demanda debido ao traballo documental imprescindible para a xustificación da reclamación do ben, que comeza en marzo 1938 cun documento titulado “Junta pro pazo del caudillo”, formada para recadar fondos en 93 concellos. En cada un, percorrían casa por casa con esta finalidade, o que deu lugar a abusos, recollidos nun informe realizado por un tenente coronel da Delegación Nacional de Provincias, sobre os abusos que se cometían con isto, pois dicía que: «han contribuido al regalo, no los buenos patriotas, sino los comités de los pueblos por medio de las coacciones».

As claves foron que a xuíz Marta Canales dixo que era do Estado, polo método utilizado para a adquisición, dado que se mercou dúas veces, o 5 de agosto de 1938 a Manuela Esteban Collantes, viúva de Jaime Quiroga e Pardo Bazán, fillo de dona Emilia, por 403.000 pesetas e entregado o 5 de decembro como regalo para residencia de verán do xefe do Estado, onde se celebraba o Consello de Ministros e recepcións oficiais, como a que se fixo ao rei de Xordania Abd Allah en setembro de 1949. Os Franco adquiriron outras fincas con explotación agropecuaria das que percibían os ingresos, pero a casa civil era a que xestionaba o uso e mantemento do pazo, por tanto, pagábanse os gastos de todo con cartos públicos.

En 1941, fíxose unha operación falsa de compra venda entre particulares, que como sentenciou a xustiza, foi unha simulación xurídica para apropiarse dun ben público. O Estado exerceu o dereito de usocapión, ou prescrición adquisitiva, un modo legal de adquirir a propiedade dun ben por posuílo de forma continuada durante o tempo que fixa a lei, igual ou superior a 30 anos, pero tamén o exerceu a familia Franco polos 43 anos que o Estado non o reclamou.

Devolveuse o pazo e a finca, que non se corresponde coa de Emilia Pardo Bazán, que herda o pazo primitivo do pai, que se destinará posteriormente para o servizo xa que non se sinte a gusto e constrúe as torres, unha obra historicista que concibiu, deseñou e dirixiu persoalmente a súa construción entre 1893 e 1907.

Rematou facendo alusión a pezas arqueolóxicas que se trasladaron para adorno, como a balaustrada da solaina do Pazo de Bendaña que foi desmontada para colocar no xardín, as esculturas do mestre Mateo que estaban no Concello de Santiago, e as pías románicas da igrexa de Moraime. Estaba pendente a sentencia do Tribunal Supremo para a liquidación aos Franco como pusuidores de boa fe.