Imprimir ésta páxina
Xoves, 10 Setembro 2026 12:19

Historicismos, neomedievalismos e outros ismos na arquitectura decimonónica hispana: de León a Santander

José Alberto Moráis Morán “Historicismos, neomedievalismos e outros ismos na arquitectura decimonónica hispana: de León a Santander”.

8 de setembro

O profesor da Universidade de León, José Alberto Morais Morán, comezou dicindo que o interese, estudo e recuperación das artes e a arquitectura da Idade Media durante o século XIX veu acompañado, tanto nos contextos europeos como en España, por unha profunda transformación dos elementos definitorios esenciais das artes medievais. A Idade Media foi unha escusa para que os arquitectos vinculados cos movementos eclécticos e historicistas inventasen unha imaxe fantástica do mundo medieval.

En 1881 o arquitecto Joan Martorell deseñou e iniciou a construción do palacio de Sobrellano (Comillas, Santander) onde as chiscadelas á arquitectura gótica mesturáronse con referencias modernistas e elementos pertencentes a outros períodos da Historia da Arte, xerando unha imaxe pouco fidedigna -tampouco buscada- e altamente orixinal do Medievo. Tres anos despois o mesmo arquitecto trazou o Seminario Maior da Universidade Pontificia de Comillas, onde se evocaron formas do gótico tardío, europeo e castelán, pero ademais introducíronse elementos ornamentais alusivos ás artes andalusíes.

As formas orixinais da arquitectura de Antoni Gaudí aparecen nos seus deseños da Villa Quijano, coñecida como El Capricho, construída entre 1883 e 1885 baixo a dirección de Cristóbal Cascante. Os historicismos agora fantasean con estruturas e decoracións alusivas á arquitectura do Próximo Oriente, a arte islámica e certas evocacións libres do mundo nazarí, nun fenómeno orientalista recorrente no momento. Fronte a ese mundo exotista, tanto o Palacio Episcopal de Astorga (1888-1915) e a Casa de los Botines de León (1891-1892) apelaron a formas conservadoras que replicaban e imitaban os estereotipos da arquitectura medieval.

Na conferencia o profesor da Universidade de León analizou os casos citados pero comprendendo o quefacer dos arquitectos e as formas e ornatos que idearon no marco da arquitectura neomedievalista e historicista internacional, que se moveu desde Europa cara a América e desde Cataluña ao noroeste peninsular. Finalmente, explicou algunhas conclusións do proxecto de investigación Fondecyt Regular 1170991, da Pontificia Universidade Católica de Valparaíso (Chile) titulado: “Fundamentos histórico-artísticos do neoárabe e a súa recepción”.