Imprimir ésta páxina
Xoves, 13 Novembro 2025 21:24

María Dolores Dopico Cainzos, “O Museo Universitario Domus do Mitreo”

María Dolores Dopico Cainzos, “O Museo Universitario Domus do Mitreo”

11 de setembro

María Dolores Dopico Cainzos, profesora Titular de Historia Antiga na Universidade de Santiago de Compostela e desde o ano 2019, Directora do Museo Universitario Domus do Mitreo (Lugo), participou no ciclo conmemorativo dos 50 Anos do Bimilenario de Lugo, coa conferencia sobre o Museo Universitario Domus do Mitreo, cualificado pola profesora como un museo arqueolóxico de sitio que toma o seu nome de dous elementos sobresalientes do seu xacemento.

Sinalou que en primeiro lugar, temos os restos dunha domus romana dos ss. I-III dC da que se escavaron uns 600 m2, da que se conservan parte das súas dependencias (peristilo, oecus, algunhas habitacións e, dentro da área de servizo, a cociña). A excepcional altura dos muros permite ver o seu importante programa decorativo, con frescos en todos eles, ademais puidéronse analizar as súas infraestruturas hidráulicas, o sistema de protección antihumedades, descrito por Vitrubio, ou os materiais construtivos, entre outros.

O segundo o elemento, máis relevante historicamente, e que tamén forma parte do seu nome, é o mitreo, o templo dedicado ao deus Mitra, un elemento singular xa que é o único de toda a península ibérica do que se conserva a planta enteira.

A estes dous excepcionais restos engadiu un terceiro, parte do lenzo da muralla romana. Este é o único sitio da cidade onde se pode contemplar ata os seus cimentos e aprender un pouco máis sobre a súa técnica construtiva e decorativa.

A domus documenta, por tanto, todo o período romano da cidade e achega numerosos datos sobre a historia social, administrativa, a relación económica co territorio circundante, a paisaxe ou a relixión, entre outros.

No piso primeiro do edificio que alberga o conxunto arqueolóxico hai unha exposición permanente que permite contemplar o material máis destacado que se atopou na escavación e que nos explica a súa evolución e funcións.

Atopáronse os restos de animais consumidos durante o banquete mitraico así como parte da vaixela e do vidro utilizados no mesmo, de excepcional calidade e, en moitos casos, de importación.

Engadiu que tamén se expón material da vida cotiá (elementos cosméticos, adornos, fichas de xogo...), das tarefas domésticas (pesas de tear, agullas) ou da statio ou centro de control administrativo no que se converteu na súa etapa final (caixiña para selo de correspondencia oficial, stylus,..).

Rematou dando conta do impacto a nivel científico internacional, mostrando algunhas publicacións que presentan na portada, dos talleres organizados para nenos e outras actividades.