Imprimir ésta páxina
Martes, 20 Mai 2025 21:48

Viaxe a Astorga

Viaxe a Astorga

26 de abril

Dentro do ciclo romano viaxamos a Astorga onde desde os anos 80 acométense escavacións arqueolóxicas sistemáticas, ao igual que se fixo en Lugo, e desde esa data concluíron case douscentos de intervencións en solares urbanos.

Fixemos unha visita guiada a catro xacementos arqueolóxicos recuperados en varias escavacións, dous deles aparecidos ao facer uns edificios para vivendas, por riba da muralla. Un é unha parte do recinto defensivo do primitivo campamento, do que se conservan dúas liñas de fosos paralelos feitos pola Legio X Gemina onde despois se fundou a cidade de Asturica Augusta, por riba destes achados había unha domus que se eliminou por considerar de maior interese os que había debaixo.

Cara ao primeiro terzo do século I d.C. o foso interior xa esta inutilizado e iníciase sobre el a construción dunha muralla de pedra. Este muro completábase con torres semicirculares, unha das cales aparece cimentada no foso. Na segunda metade do século I d.C., esta primeira fortificación foi abandonada e a cidade estendeu a súa superficie pechada por outra muralla da que se conserva unha parte.

No soto doutro edificio consérvanse os restos dunhas termas que inclúen as diversas estancias en que se distribuían, o vestiario (apodyterium), a sala da auga fría (frigidarium), a da auga morna (tepidarium) e da auga quente (caldarium), seguida dunha sauna, sudatio ou laconicum segundo tivera ou non vapor. Foron construídas a mediados do século I d.C., remodeladas a finais do II, e abandónanse. a mediados do século III.

No xardín da Sinagoga, foi interesante baixar para ver unha das cloacas, e facer un percorrido de 75 metros. A galería abovedada ten alturas de ata 1,80 metros e dotada en algún tramo de plataformas laterais para o paso. Os muros son de cachotería e a bóveda de canón con pedras dispostas a modo de bastas dovelas unidas con argamasa e o piso é de lousa. Nestes tres xacementos proxéctanse vídeos explicativos.

Xa no exterior vimos o primeiro vestixio musealizado, a escavación dunha domus construída a finais do século I d.C. que estivo ocupada ata a primeira metade do século IV. Conserva un peristilo, e pavimentos de ladrillo disposto de canto en forma de espiña de peixe, opus spicatum, e parte dun mosaico, o do oso e os paxaros, no que sería o oecus ou sala de recepcións. Tamén tiña un hipocaustum.

Rematamos a xornada da mañá cunha visita ao Museo Arqueolóxico instalado na argástula, asistindo tamén á proxección dun vídeo. No antigo foro romano, fronte ao templo dedicado ao emperador Augusto (Aedes Augusti), estaba a Ergástula que é unha gran galería abovedada, fabricada en opus caementicium, o formigón romano encofrado en madeira, que delimita un dos laterais do complexo monumental do foro. Na actualidade, a parte conservada Tivo moitos usos, vivendas ou comercios particulares, e foi adquirida polo Concello para a sede do Museo Romano.

Despois de xantar fixemos unha visita con audio guías á catedral deténdonos no magnifico retablo maior, obra de Gaspar Becerra e o seu taller, introdutor das novas tendencias manieristas-romanistas, feito a partir de 1558 e que explicou con moito detalle a tesoureira Julia Cantalapiedra Álvarez.