En Roma existe un dereito, só é na medida en que exista unha acción procesual para reclámalo, para esixilo; é realismo xurídico, pois dereito é o que di o xuíz na súa sentenza. A “actio”, autorizada polo maxistrado, o pretor ordinariamente, se se fai proba por parte do demandante do seu dereito, conduce a unha condena pecuniaria, en diñeiro, e se non é satisfeita, conduce á execución, nunha primeira época sobre a persoa do debedor e co paso do tempo (326 a.C.) sobre o patrimonio do debedor, e en concurso, é dicir, concorrendo todos os acredores.
A acción procesual, o preito, o litixio privado, primeiro tramitouse polo modo procesual das accións da lei e, logo, desde o 130 a.C., mediante unha fórmula escrita sobre unhas táboas e autorizada polo pretor no chamado procedemento formulario, propio da época clásica, e na época postclásica litigábase a través do procedemento cognitorio oficial. Na Roma clásica, o maxistrado autorizaba a fórmula escrita, resumo do preito que comezaba co nomeamento dun xuíz, privado, elixido polas partes para así buscar a súa independencia, pois prevaricar é apoiar unha parte, en prexuízo da outra, o cal, instruído polas probas, ditaba a sentenza (sententia) significa parecer do xuíz.
As maxistraturas republicanas eran anuais, duraban no poder, potestas, un ano; colexiadas, había máis dun maxistrado colega, no seu caso con imperium pleno, máxima potestas, pero con posibilidade de vetar a decisión do colega ou dos maxistrados inferiores e eran gratuítas, non cobraban por desempeñalas.
En Roma, o xurista é o personaxe central da vida social, como en Grecia o foi o filósofo e noutras culturas o sacerdote. O Dereito romano é creado polos xuristas, que teñen auctoritas, é dicir, un saber socialmente recoñecido sobre a solución dos problemas xurídicos entre particulares; distínguese da potestas, o poder socialmente recoñecido que teñen os maxistrados, magis é máis, pois son elixidos para iso polo pobo na asemblea correspondente, xa sexan os comicios por tribos, por centurias ou os concilia plebis.
O Dereito romano é un dereito personalista, non territorial, só aplicable aos cidadáns romanos, identificables polo praenomen, nomen e cognomen, por exemplo Caio Xulio César. Os xuristas, cidadáns privados, daban as súas respostas a cuestións xurídicas a petición dos particulares ou dos maxistrados, oralmente e de maneira gratuíta, pero redactaron obras escritas, que se conservaron a través do Digesto, redescuberto e estudado en Boloña desde o século XI d.C., por xuristas que acudían alí a formarse e logo regresaban a ensinar ás súas universidades: París, Tolosa, Palencia, Salamanca, Valladolid, Oxford, Coímbra… Estudado por Glosadores, Postglosadores, Comentaristas e Humanistas (s. XVI), chegou aos Códigos civís, como o Código civil de Napoleón (1804), o Código civil español (1889), ou o Bürgerliches Gesetzbuch (BGB) alemán (1900), e configurou o dereito común de Europa, que forma parte da súa identidade.
O Dereito xurdiu en Roma como costumes dos devanceiros, mores maiorum, que pronto, a petición dos plebeos, foron recollidas por escrito na Lei das XII Táboas, para darlles certeza e que puidesen ser coñecidas por todos. Nelas distínguese xa daquela, no 451 a.C., o ius do fas, sen contradición pero si diferenciando o Dereito da Moral, a relixión do xurídico; algo que aínda non se conseguiu noutras culturas da actualidade.
A interpretación desta Lei, lembrada como fundamento do Dereito, realizouse primeiro pola Xurisprudencia pontifical e despois pola Xurisprudencia laica e libre republicana. Augusto introduciu un selo oficial en forma de ius respondendi, que non impediu, porén, que a xurisprudencia alcanzase o seu máximo esplendor, aínda que os xuristas máis prestixiosos acabaron por integrarse na Cancelería imperial a partir de Adriano, e ao seren oficializados e burocratizados, preparouse a decadencia da Xurisprudencia, que foi substituída pola Lexislación imperial.
O Dereito romano estúdase en todo o mundo, desde Xapón, China, Rusia, Sudáfrica… cun contido obxectivado doutrinalmente. É unha linguaxe común que nos permite entender, por exemplo, a propiedade como o dominio sobre unha cousa (res), que nos permite usar, gozar, posuír e dispor dela, alleala, o que é noso, ou mercar e vender con gran facilidade en todo o mundo, grazas ao carácter consensual da compravenda romana.