Imprimir ésta páxina
Xoves, 02 Mai 2019 18:08

Viaxe a Vigo para ver o Museo do Mar e a primeira zona industrial

Día 27 de abril

Saímos ás 8 horas de Lugo comezando as visitas ás 11 en Guisar, desde onde se pode contemplar a situación das primeiras industrias relacionadas coa conserva do peixe. Este outeiro está presidido pola capela que proxector o arquitecto vigués Manuel Gómez Román, de estilo historicista, para o que están recadando fondos para colocar un Sacro Corazón de Xesús no remate da torre, como figuraba no deseño.

Despois de baixar un pequeno tramo no autocar, recorremos a pé a zona de Guisar onde quedan algúns edificios das antigas fábricas, non só de envasado, senón tamén de preparación de envases, de preparación de embalaxes de madeira e unha fábrica de xabón que aproveitaba as escorras do aceite das conserveiras. Ao final do tramo percorremos no autobús un pequeno traxecto para aproximarnos á zona do porto facendo a pé toda a parte do cantón ata chegar ao antigo barrio de pescadores do Berbés, hoxe practicamente desaparecido, con un par de casas antigas arruinadas. Un paseo polas rúas ata a Praza da Constitución, e continuación do paseo ata onde se atopa o Centro de Congresos e o Auditorio, zona na que se atopan varias das antigas fábricas de conservas, hoxe pechadas, en espera de ser derrubadas para construír no solar da fábrica de Alfageme edificios de doce andares.

Pasamos despois a Bouzas, onde xantamos, indo a pé ata Alcabre para visitar o Museo do Mar, instalado nunha antiga fábrica, chamando a atención o proxecto de Aldo Rossi e César Portela. A parte nova mimetiza a antiga, unidas por unha pasarela. Despois de ver o contido de todas as salas, saímos ao exterior para ver o que queda dun castro, sobre o que se levantou a antiga fábrica, o acuario e o faro, situado na Punta do Muiño. Regresamos ás 19 horas chegando a Lugo 21,30.