Imprimir ésta páxina
Martes, 23 Abril 2019 16:51

Conferencia de Ramón Yzquierdo Peiró, doutor en Historia da Arte pola USC e Director Técnico-Conservador do Museo da Catedral de Santiago, "Recuperando a fachada occidental da catedral de Santiago".

15 de xaneiro

O conferenciante comezou a súa intervención dicindo que nos último 125 anos estudiouse e difundiuse a obra de Mateo, e que nas últimas décadas, a catedral de Santiago desenvolveu un proxecto cultural, centrado na recuperación da figura e da obra do Mestre Mateo, que abarcou os ámbitos da investigación, a conservación e a difusión.

En 1893 o cóengo Antonio López Ferreiro xa deu conta do delicado estado no que se atopaba o Pórtico. En 1928 fundouse o Museo da Catedral no que ingresaron pezas feitas polo Mestre Mateo. Sen dúbida, a restauración do Pórtico da Gloria, realizada, co mecenado da Fundación Barrié, entre os anos 2008 e 2018; e a exposición Mestre Mateo celebrada no Museo del Prado e en Santiago de Compostela, supuxeron dous momentos cumes neste proxecto que deron lugar, ademais da recuperación dunha obra mestra da historia da arte universal, contar con datos e estudos que permiten un mellor coñecemento de conxunto do proxecto mateano.

 

Tamén sinalou que como era ben sabido, o Pórtico da Gloria non se limitaba á tripla arcada que completa a nave central da catedral cara ao oeste, senón que se trata dun conxunto máis amplo, é un espazo sacro con personalidade propia, que inclúe varios niveis de lectura na súa mensaxe iconográfica, tres alturas e que contaba, no seu corpo principal, cun nártex completado por unha contra fachada e unha fachada exterior orixinalmente aberta ao exterior.

O conferenciante centrouse na referida fachada, a parte menos coñecida e estudada do proxecto mateano; nos seus posibles antecedentes inmediatos e nos interrogantes que, a partir do seu estudo estructural, así como dos elementos, arquitectónicos e escultóricos, identificados como parte da mesma e recuperados en distintos momentos, aínda seguen suscitando interese e controversia entre os investigadores.

Dixo que particularmente complexo resultaba, aínda, a análise do conxunto escultórico da referida fachada, reunido excepcionalmente, no caso daquelas pezas recuperadas, con ocasión da exposición Mestre Mateo e recentemente declarado BIC pola administración autonómica.

Yzquierdo afirmou que parece claro que o discurso iconográfico da portada iría encamiñado ao anuncio do que está por vir no interior, culminado no gran tímpano central; pero que resultaba arriscado, salvo nalgún exemplo concreto, caso das esculturas de David e Salomón, decantarse por unhas identidades en concreto, máxime ao terse perdido os textos das cartelas e non conservarse a totalidade das pezas.

Rematou facendo referencia ao estado da cuestión no que atinxe ao coñecemento da fachada occidental medieval da catedral compostelá, e os camiños a seguir, en diante, sobre este tema, a partir das pezas, as fontes históricas, as investigacións realizadas nas últimas décadas e os achados máis recentes.