Imprimir ésta páxina
Domingo, 15 Xaneiro 2017 00:00

ASEMBLEAS ORDINARIA E EXTRAORDINARIA

O día 10 de xaneiro de 2017 celebrouse a asemblea anual ordinaria na que o presidente Adolfo de Abel Vilela fixo o balanzo das actividades desenvolvidas ao longo do ano 2016: catro ciclos de conferencias dedicados ao poeta Manuel María, ao Camiño Primitivo, a San Froilán e á Ribeira Sacra. Houbo unha xornada de reflexión e debate sobre o estado e destino do Cuartel de San Fernando e unha mesa redonda conmemorativa dos 30 anos de escavacións sistemáticas na cidade de Lugo. En total houbo 17 conferencias, participando 20 conferenciantes, houbo un concerto de A Quenlla, fixéronse 9 viaxes e 3 mesas redondas.
Tamén se someteu a aprobación a programación para o ano 2017. Haberá dous ciclos, un dedicado ao Renacemento, con viaxes a Santiago de Compostela, Úbeda e Baeza, e outro aos Indianos, con viaxes pola Mariña lucense, e Asturias. Esta previsto viaxar a Cuéllar para visitar a exposición "Reconciliare" de Las Edades del Hombre. Como actividades soltas hai programadas unha conferencia sobre As Irmandades da Fala. o pintor Xesús Corredoyra, con visita guiada á exposición "Xesús Corredoyra eo simbolismo na pintura galega", e ao médico, escritor e poeta Xesús Rodríguez López no cen aniversario da súa morte.
Na asemblea extraordinaria procedeuse á modificación nos estatutos do domicilio da Asociación e a elección de tesoureiro por renuncia de José Ángel Lence Iglesias. Resultou elixida María Julia Cantalapiedra Álvarez.