Imprimir ésta páxina
Domingo, 18 Novembro 2007 23:00

Pauliña para a Confederación Hidrográfica


A Confederación Hidrográfica vén de esnaquizar un fermoso lavadoiro no barrio de San Lázaro, situado mesmo á beira do que foi Hospital de peregrinos e rentes do Camiño Primitivo de Santiago. Este lavadoiro foi construído en 1956 e representa, xunto con tantos outros distribuídos polo concello, un xeito de contestar ás necesidades e usos colectivos. Se non damos valor a aquilo que fixemos e nos distingue e imos esnaquizando construcións populares cuxo uso mudou, axudaremos tamén a borrar os testemuños do noso pasado. No catálogo de bens de interese que se anexa ao actual PXOM, recóllese apenas un lavadoiro e a maior parte das nosas construcións populares (cruceiros, fontes, lavadoiros, petos de ánimas...) seguen sen fixarse e a mercede, por tanto, de quen as queira destruír, como agora fai a Confederación Hidrográfica. Sería esta unha ocasión axeitada para que os distintos organismos que teñen responsabilidades nestes feitos (Consellaría de Cultura, Patrimonio, Concellos...) actualicen a catalogación dos nosos bens cun sentido máis acaído á sensibilidade de quen, co seu traballo, segue a velar pola nosa cultura e patrimonio.

Lugo, 19 novembro 2007