Imprimir ésta páxina

Estatutos LugoPatrimonio

ESTATUTOS DA ASOCIACIÓN CULTURAL EN DEFENSA DO PATRIMONIO “LUGOPATRIMONIO”

CAPÍTULO I

DA ASOCIACIÓN EN XERAL

Artigo 1º.- 1.- Constitúese unha asociación sen ánimo de lucro das previstas na Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación. A asociación ten a seguinte denominación “ASOCIACIÓN CULTURAL LUGOPATRIMONIO"

2.- A asociación rexerase polos ditos estatutos, pola Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo e pola demais lexislación existente en materia de asociacións que lle sexa aplicable.

Artigo 2º.- O domicilio principal e permanente da asociación radicará na localidade de Lugo, Rúa do Miño, 6-2º. 27001-LUGO, telefone 656236343. Correo electrónico: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.

Artigo 3º.- A asociación, en funcións dos seus fins e do emprazamento do seu domicilio social, exercerá fundamentalmente as súas actividades no ámbito territorial da provincia de Lugo.

Artigo 4º.- 1.-A asociación constitúese por tempo indefinido e só se disolverá, conforme a estes estatutos, pola vontade dos asociados expresada en Asemblea Xeral Extraordinaria ou polas causas previstas na lexislación vixente.
2.- A asociación rexerase segundo os principios democráticos contidos no marco da Constitución e o resto do ordenamento xurídico.

Artigo 5º.- 1.- Son fins principais da asociación:

a.-Defensa, promoción e uso do idioma galego no camiño da súa normalización, pois representa a maior riqueza patrimonial creada polo pobo galego. A este fin, o idioma galego é a expresión propia e oficial usada en todos os ámbitos da Asociación.

b.- Defensa do Patrimonio material e inmaterial recollido este no seu sentido máis amplo e dentro do territorio da provincia de Lugo.

c.- Promoción e realización de actividades de todo tipo encamiñadas á súa divulgación e xeral coñecemento.

d.- Edición e propagación de traballos que o popularicen.

e.- Cantas outras actividades lícitas que sexan da conveniencia e dos intereses comúns dos asociados e asociadas.
Os beneficios que se obteñan por calquera concepto destinaranse exclusivamente ao cumprimento destes fins, sen que se poidan repartir entre os asociados nen outras persoas físicas ou xurídicas con interese lucrativo.