|
|






  |
LUME NOVO
Sempre é o vento mouro e misterioso o portador do recado,
máis tarde espallado polos carballos con aquel seu bruar incesante
e monótono. Daquela é cando nós marcharemos á
procura das herbas coma sempre temos feito: balocos criados polas veigas
e campóns, espadanas que medran nos regos do monte, fiuncho bricio
con recendo a anís, e pólas do vello sabugo que florea
por entre os muros esborrallados. Todas xunguidas en madiñas
para ser colocadas sobor dos linteis e das xanelas ou nos esquinais
da casa, impedindo que ninguén teña o poder de perturbar
a tranquilidade dos seus moradores.
Armaremos logo unha fogueira para queimar na medianoite e ao seu redor
buscaremos a protección do lume aceso cando este coa súa
inmensa queira escorrente a maldade e o perigo, e brincaremos por enriba
seu mentras vai esmorecendo ata ficar coas forzas precisas para, no
máis pecho da noite, deixar feita algunha trasnada na veciñanza
que sexa acordada e celebrada, en pasando os anos, polos que veñan
detrás.
De volta colocaremos no corredor o barreñón cheo de auga
cristalina coa súa tona cuberta por pétalos de rosiñas
de San Xoán ben debulladas, que asulaguen o aire co seu primoroso
recendo, e nela mergullaremos a cara de mañanciña, despois
de nos ter envorcallado polas leiras de centeo enchoupado no orballo
da noite.
Antes da saída do sol pasaremos o gando en solemne procesión
por enriba das cinsas da fogueira e máis tarde pola pichoca grande
das veigas para regresar ao acougo seguro das cortes, mais non sen antes
ter visto bailar o sol por enriba dos penedos mesmo no instante do seu
nacemento.
Mentras o astro rei vai medrando no ceo, nós iremos ver como
a clara de ovo, que deixamos nunha cunca depositada ao pé da
ventana, se ten convertido nun fermoso barquiño de vela e, ainda
asombrados pola maxia poderosa deste intre, buliremos para asollar,
diante da súa luz purificadora, os paxelos da roupa e os froitos
da casa, para os gardar de novo nas tullas coma se do mellor tesouro
se tratara.
Quen teña esquecido o recado ese día, goza ainda doutra
ocasión coa fogueira pequeniña do San Pedro, que nalgúns
lugares hai costume de facer queimando os nabos, que se gardan para
este fin, uha vez que foron mallados e deixaron entregada a súa
semente.
Así ten sido de sempre acó na chaira dende que se conserva
acordo, e así ha de ser mentras o vento mouro e misterioso exerza
o labor de recadeiro e nós seus moradores sexamos quen de comprender
a mensaxe que nos leva.
Orlando Viveiro Veiga
A
lenda do carballo dos cartos
contada
por unha viaxeira
Eu
non sei se a contarei ben, pois escoiteilla a un señor de Castelo
o día da excursión que fixemos cos de LugoPatrimonio,
o 17 de xuño, cando estabamos cabo do carballo que trouxeron
para a aldea cando secou. Puxérono alí como lembranza
do conto, sabes? Ben, pois como insistes vou intentar contar o conto,
pero xa sabes o que pasa, pasa de boca en boca e vaise deformando. O
caso foi dun home que andaba polos camiños a roubar a xente.
Os cartos que sacaba con este traballo íaos metendo no furado
que tiña un carballo na parte alta do tronco. Aí era imposíbel
descubrirllos, non? E dicían que xa debía ter un bo montón
deles. E un día non sei que lle pasou ao home, se se viu na última
hora da súa vida ou que pasou, pero o caso foi que como xa non
podía aproveitar os cartos para si mandoulle unhas letras a unha
moza da que estaba namorado nas que lle contaba onde tiña o seu
tesouro. Pero a moza non sabía ler e, inocentada, foille pedir
a un mozo amigo que lla lese. O mozo colleu o papel e comezou a lelo,
pero cando se decatou da descrición do carballo calou, e inventou
outras frases que a carta non poñía, de xeito que a moza
non soubo do verdadeiro conto. E así resultou que o amigo foise
correndo cabo do carballo e cunha machada fíxolle un burato no
fondo do tronco e así puido sacar os cartos sen problema e sen
esforzo. A xente da parroquia contábao sempre mostrando o furado
do fondo do carballo. Despois dun tempo secou, ao mellor por causa dese
novo furado que a árbore non aturou. Por iso o trouxeron para
aquí, para que a xente non esquecese a lección, porque
é unha lección, non che parece? Eu non sei se o contei
ben, pero fíxeno, non?
Castelo,
17 de xuño 2006
|
|
O
CAMIÑO PRIMITIVO E O PXOM DE LUGO, AO SEU PASO POLO BARRIO DO CARME.
Texto de Lois Diéguez
A
MURALLA ROMANA DE LUGO
Adolfo de Abel Vilela
MISCELANEA
FOCENSE.
O ENTORNO DE SAN MARTIÑO.
Suso Fernández
LUGO
ROMANO.
Adolfo de Abel Vilela
ABRÓTIAS
Orlando Viveiro
OS PAZOS
Felipe Senén
GALIZA NO TEMPO DOS PAZOS
Francisco Carballo
A POUTADA DO OSO
Texto de Lois Diéguez
ANDAR AOS NIÑOS
Texto de Orlando Viveiro
lugopatrimonio@lugopatrimonio.org
O
espírito do Oso

Na
antesala do Courel, en terras que comezan a subir con preguiza, abondan
as alvarizas, ou os restos que fican delas. O oso, animal larpeiro, metíase
nas colmeas con verdadeiro devezo, e a xente das parroquias defendíaas
cerrándoas con muros altos difíceis de vencer. Nacería
así, na guerra humanizada entre persoa e animal, o pauto para respectarse,
sobre o temor mutuo, as argalladas e os intereses. De ti a ti era ese
trato, natural, medido, fermoso tamén, polo perigo. Os mozos de
Salcedo interpretan a historia cada ano, no luns de Entroido. Durante
dúas horas, corre o Oso detrás da xente, milleiros xa, axudado
dos criados que a pillan valéndose duns paus. Outro axudante leva
o caldeiro cheo de esterco licuado. E un, ou unha, moza ou vella, neno
aínda, maduro, mide con eles a forza das súas pernas. Pero
de nada vale, sempre acabará tombado no chan e arrefriado co estrume
polas gadoupas poderosas do Oso. El mírate coa carauta de coiro,
inexpresiva, pero cuns ollos nos que ti mesmo mides a forza do seu poder
e mando. Sabes que non tes nada que facer fronte ao animal sagrado que
representa, pero humanizado en xefe indiscutido da tribo, do espazo natural
que domina, da natureza mesma que cada día o aclama. Entrégaste,
non como vítima, senón coa admiración mesturada cunha
chea de sensacións distintas e até contraditorias: medo,
rebeldía, amor, submisión, pracer… É o espírito
do Oso que te feriu coa pouta transformada en estrume manchadizo. O espírito
revivido agora por uns mozos que che mostran coa súa forza indiscutíbel
a cultura criada polos que viviron así, no monte e na serra, a
tradición propia dun país rexo hoxe debilitado e perdido.
O mozo imitará con mestría os xestos, do Oso, os acenos
vingativos, as posicións de forza e de cansazo que nas dúas
horas o dominan. É instinto, naturalidade nacida non da observación,
imposíbel xa, senón de algo moi fondo que nos transmiten
os séculos vividos polos tataravós dos tataravós
e tataravoas. É unha ferida, en fin, porque desde ese momento,
ficarás marcado ou marcada por algo que che pedirá unhas
aclaracións que acaso intúas, mais que a nosa cultura de
hoxe intentará agochar. Pero non te deas por vencido ou vencida.
Tes que ir a Salcedo e, sen complexo algún, mirar para o Oso intensamente
mentres cumpre co seu rito no teu corpo. Acaso despois, posuído
polo seu espírito ancestral, e alimentándote coa valentía
e a asunción libre do ser, saibas o que realmente está a
acontecer.
Lois
Diéguez
Lugo, 21 febreiro, 2007
Tempo
de correr o antroido.
Xurde un balbordo
ao lonxe que medra no amencer xeado rompendo o silenzo que ata daquela
semellaba enrodelar as casas do lugar. Os sons graves dunhas chocas destacan
por enriba dos numerosos ruídos que aos poucos van achegándose
provocando o espertar sobresaltado dos veciños. O antroido madruga
desta volta e trae con él a primavera deixando atrás as
longas e frías noites do inverno.
Foron rapaces e rapazas os argalleiros que ficaran concertados despois
de ter aprendido nas ruadas as historias e vivencias que relataran os
vellos, coñecedores da tradición, e daquela decidiron ir
correr o antroido. Houbera que curar as vexigas dos porcos aproveitadas
na matalota para, unha vez secas e cheas de aire, zoupar con elas a toda
canta persoa cadrase ao seu alcance. Procurouse calquera paxelo de roupa
que resultara axeitado para agachar á persoa que o levaba enriba
buscando provocar un cambio total na súa identidade: homes por
mulleres, pícaros por maiores, fracos por grosos, ou para facer
o papel dalgún persoeiro da comunidade, tal como crego ou señorito.
As caras tinguidas ou cubertas con caretas que unicamente deixaban ver
o rebrilar chamativo dos ollos e algún burato tan pequeno que apenas
permitía respirar.
A andaina comenza cedo e as máscaras visitan todos os lugares da
parroquia petando nas portas con grande alboroto requerindo a presenza
dos seus moradores. Unha vez recibidos comenzan a brincar nun xeito de
danza na que fan soar todos os aparellos que levan enriba: chocas, carracas,
chifres, latas e mesmo lanzando berros de forma desaforada ao tempo que
botan cinsa e petan coas vexigas inchadas no lombo dos presentes que aproban
a súa actuación con xestos e sorrisos. A continuación
algunha das máscaras diríxese aos da casa facendo mención
dalgún asunto coñecido que poidera ser obxecto de burla
procurando as risas dos outros que celebran cada dito con mostras de grande
rexouba mentras os veciños participan na representación
facendo observacións de loubanza das vestimentas e tratando de
adiviñar quen son os visitantes que seguen cos brincos entre enormes
gargalladas.
A cousa remata cando os da casa ofrecen ás máscaras algunha
mostra das lamboadas propias do tempo de antroido: roscas, orellas, e
filloas, acompañadas duns grolos de viño quente con zucre
en agradecemento pola visita e, todo hai que dicilo, nun derradeiro intento
por ver de descobrir a súa identidade cando ergan as caretas no
intre de beber. O remedio para salvar esta situación e non ficar
sedentos, consiste en levar no peto unha cana pequena que entra sen dificultade
polo burato da boca para absorber por ela o néctar reparador deixando
sen ter que dicir aos espelidos observadores.
Dase a despedida entre cumpridas mostras de cortesía e sen perda
de tempo as máscaras collen camiño do campón donde
vai ter lugar a corrida do galo no que xa está todo preparado para
comenzar. Daquela nunha veiga preto do centro da aldea, fica pendurado
cabeza abaixo un galo competente amarrado polas patas a un adival atado
entre dous caxigos novos. Os participantes van en cabalos engalanados
para a ocasión e portan unhas espadas de madeira coas que irán
desfilando na procura de cortar a cabeza do animal, quedando como vencedor
aquel que o consiga. A celebración continúa ata a caidiña
da noite cando os asistentes abandonan o escenario da corrida e voltan
satisfeitos ás casas dando por rematado o antroido deste ano.
Orlando
Viveiro
. |
O |
|

|
 |