|
|







 
|
|
|

Facer clic sobre a imaxe para ver fotos
MANIFESTO
AS FACHAS DE CASTELO: BEN DE INTERESE CULTURAL E FESTA DE INTERESE TURÍSTICO
- Pola historia ancestral que a celebración desta festa das Fachas representa, pois toma o rito do lume como os nosos devanceiros idearon, e fai dos nosos castros focos de luz e espacio onde nos topamos cos cimentos da nosa cultura máis profunda.
- Polo traballo e a celebración que os homes e mulleres de Castelo realizan desde vello, mantendo así a tradición e actualizando cada ano a ofrenda ao propio sentir, mesmo con dificultades e escasos medios.
- Polo significado que esta celebración ten de diferenciación cultural dentro da ampla personalidade das culturas nacionais, europeas e mundiais, pois arrima así color e pluralismo fronte á pobreza da uniformidade global.
- Para que esta celebración do rito sexa potenciada, e embeba de orgullo a nosa mocidade, e axude a fixar esta no ámbito rural até agora escarnecido, e cree riqueza económica tamén, e volva a quentura e alegría natural das distintas xeracións aos fogares hoxe esboroados…
… por isto
as asociacións culturais “As fachas” de Castelo (Taboada), e Lugopatrimonio
proclamamos a necesidade de que esta FESTA DAS FACHAS sexa declarada BEN DE INTERESE CULTURAL E FESTA DE INTERESE TURÍSTICO GALEGOS.
Castelo, Lugo, a 7 de setembro do 2007
Asdo.:
O Presidente da A.C. As Fachas
Francisco Rodríguez
O Presidente de LugoPatrimonio
Lois Diéguez
VIAXE A MONFORTE

LugoPatrimonio visitou o 16 de xuño Monforte de Lemos . Fermosos paseos polo Cabe, San Vicente (castelo, convento e palacio dos condes de Lemos), e por suposto, os Escolapios. O día anterior, 15 de xuño, Lois Diéguez , mediante fotos e comentarios, achegounos aos secretos da cidade ( Monforte: tesouros que no ollamos ). Púxonos como tarefa descubrir cinco fermosos detalles: (monte de Piñeira, cabeza de san Pedro mártir, san Xoán e a águia do retablo de Moure, cabeza de santa Lucía e escudo dos Osorio) durante as visitas e paseos do día, e os que primeiro os descubriron levaron un libro da súa autoría ( Viaxe ás terras encantadas de Lemos ). Parte deles acabamos sorteándoos entre todos e todas. César Carnero , o presidente de Amigos Patrimonio de Lemos , foi un guía de luxo. Como quedamos con débedas con el, tomaremos un viño e o que o acompañe en Lugo. Ao final cantabamos todos. Fomos felices, verdade? Chin-chin.
O RAMO |
A PAULIÑA |
O Ramo para o restaurador e presidente de Amigos patrimonio de Lemos, don César Carner o pola súa loita a favor da urxentísima rehabilitación da igrexa de san Vicente (Monforte de Lemos). Os estudos sobre pinturas e outro material agachados no chan e nas paredes necesita tamén unha pronta edición.
|
A Pauliña para as administracións correspondentes (Concello, Xunta (Patrimonio), Escolapios…) por deixar que o fermoso e valiosísimo retablo de Francisco Moure , da igrexa dos escolapios de Monforte , siga a encherse con toneladas de po e a aburacarse coas roeduras da couza. Un día caerá sobre a indiferencia e a irresponsabilidade dos que rexen o noso patrimonio. Para que os queremos? |
ITINERARIO POLA CIDADE DE MONFORTE

Monforte é a cidade onde podemos aprezar a obra máis ampla dos condes de Lemos, desde as murallas dos primeiros, até os conventos de san Xacinto ou das Clarisas dos que levaron os sete pauciños, Pedro Fernández de Castro e Dona Catalina de la Cerda., xa no s. XVII. A cidade é, pois, renacentista con suavizadas pinceladas do barroco. Puido, tamén, ser románica se non destruísen no século XIX a antiga parroquial da Régoa, que din que era unha igrexa de anchos muros e grande altura, que foi abatida para construír a actual Praza chamada de España. Ou claramente gótico-renacentista se non despezasen tamén durante a desamortización o convento de san Francisco, no campo de Santo Antonio, obra iniciada por D. Rodrigo Enríquez Osorio, II conde de Lemos, que servía de panteón oficial da nobre familia monfortina. Parte dos restos do convento pódense ver aínda hoxe en distintos edificios de Monforte e da súa comarca.
Os restos máis antigos que no plano arquitectónico aínda conservaba a nosa cidade, destruíronse tamén cando se reconverteu en Parador de Turismo o mosteiro de San Vicente e o Palacio dos Condes de Lemos, hai tres ou catro anos. Portas prerrománicas serradas, outras góticas ou renacentistas tapiadas, pinturas medievais fendidas por cables, escaleiras nobres destruídas para meter ascensores… e un longo etcétera, como as pinturas de Castinande (s. XIX), arrasadas sen compaixón, foi a obra dos que agora se chaman novos rehabilitadores.
Conformémonos, por tanto, coa subida ao monte de San Vicente para contemplar desde a Torre da Homenaxe, esa espazosa panorámica ás terras chas verde-amarelo salpicadas de delimitados castros que rompen a súa monotonía, e da liña azul do Cabe escoltada polos chopos e amieiros alegres. Aquí, pola parte do barrio de Ramberde, a cidade gañou color e atractivo nos últimos anos e reflexa as súas novas vestiduras nas augas limpas e aceiradas. Amo esta terra /cinguida por serras e por montes/ e polo azul do ceo coroada, cantou con acerto o poeta Manuel María. Cantaría tamén Inés de Castro na súa primeira mocidade ao asomar ás xanelas do pazo e contemplar tanta fermosura; ou a súa irmá, Xoana de Castro, ambas as dúas raíñas, respectivamente, de Portugal e Castela en breves e dramáticas situacións.
Pazo e mosteiro coa súa nova e desmembrada fasquía, son descanso para o viaxeiro ou viaxeira que subiu marabillado a estreita rúa Pescadarías, ou mesmo Falagueira, despois de cruzar as portas Nova ou da Pescadaría (s. XIII a última); tamén elas, as rúas, vestidas agora coa nova e atinada rehabilitación. San Bieito, en estatua ruda e abacial mira avermellado como se pon o sol, e na igrexa tamén os nervos teitados a formar rosas e estrelas envexadas, iluminan a súa pedra. Santa Ana sorrí paciente co peso da Virxe e do Neno sobre os seus xeonllos. Compre visitar tamén o que máis fermoso conserva hoxe o mosteiro, que é o claustro, brillante obra do s. XVIII. Mais a nós tócanos baixar por san Domingos, cabo da vella muralla, para entrar na igrexa da Régoa, de dourados retablos e colorido artesoado, e quizabes, mesmo en tempo de invernía, encampanada coa señora cegoña a palear o longo bico namorado. Rezaría alí a súa fundadora, dona Catalina, a VII condesa, pois era ela apaixonada da súa relixiosidade. Linda porta ten a igrexa, mais con tanta humildade pasa desapercibida.
Baixamos para o val contemplando non sen estrañeza, que aínda se conserven algúns corredores de madeira e as vellas xanelas da arquitectura popular, ou edificios de pedra coas ferreñas balconadas señoriais. Queremos cruzar o Cabe pola ponte vella que no s. XVI traballaron canteiros sarriaos, para ver ciños elegantes e parrulos a remar incansábeis, e as barcas do paseo felizmente recuperadas. O outro convento de Dona Catalina admira máis pola riqueza de reliquias que polas artes construtivas, sen que estas se teñan tampouco por desprezo. A condesa morreu en 1648 e aínda puido pasar un tempo nel xa como priora, e alí, en sepulcro anonimado de necesario rescate colectivo, descansa co seu idolatrado don Pedro Fernández de Castro, aquel que cultivou as artes da escritura e protexeu con mioco os grandes escritores do XVII español. Son centos e centos de reliquias gardadas en riquísimos cofres, un “roubo piadoso” da condesa cando andaba por Italia de vicerraíña a solicitar do Papa os permisos para que os seus propietarios, relixiosos case sempre, llas cedesen.
Compre andar o paseo do Cabe unha miga domesticado pola ribeira artificial, até os xardíns do Campo da Compañía. Nestes, solemne e dourado, alonga a súa fachada o convento dos Escolapios. Cúpulas, lanternas, pináculos e torres arborexan as ansias artísticas e benefactoras do seu fundador, D. Rodrigo de Castro, fillo da condesa dona Beatriz e neto do II conde don Rodrigo, que foi cardeal de Sevilla e viviu alí e noutras lugares do Estado e Italia as morriñas da súa galeguidade. E quixo deixar esta obra para Monforte e para Galiza e aquí ser soterrado. Renacentista e timidamente barroco, o Convento é orgullo sempre confesado dos monfortinos e monfortinas. O convento loce moitas das súas riquezas, que non eran no testamento do Cardeal precisamente humildes: pinturas do Greco, Andrea del Sarto..., reliquias en riquísimos cofres, esculturas (Cristo de Coeli) , o sonado cadro de Van der Goes do que queda a lembranza dunha copia... Despois, morto el, o escultor Moure ergueu o máis alto e fermoso retablo que poidamos imaxinar. Preside a longa nave e convida a deterse ante el o tempo preciso para ir aprezando cadros e figuras, e mesmo xogar a encontrar gaitas e rostros coñecidos nas súas escurecidas tallas. Vicetto, que novelou estas terras en “Los hidalgos de Monforte”, mete a unha das súas personaxes, a condesa Ildara, nunha das escenas do retablo.
Quedan máis itinerarios e descricións e visitas pola cidade dos Condes, pero o tempo bule e temos que dar un apresado paseo pola comarca. Que sirvan as imaxes narradas como homenaxe aos Castros medievais, renacentistas e barrocos. Non aos que viñeron despois, pois foron xa alleos á cidade e a Galiza.
Lois Diéguez
Maio do 2007

O
sábado, 12 de maio, asociados e asociadas de LugoPatrimonio desprazáronse
a Temes para presentar o folleto “O complexo de Temes”, da
autoría, en canto ao texto, do arqueólogo e profesor D.
Xaime Delgado, que na propia igrexa e ante un público numeroso
explicou a historia do monumento e guiou despois a visita para salientar
as distintas pezas arqueolóxicas que enriquecen o conxunto. O grupo
de música Stranniki, interpretou de seguido música galega,
clásica e ucraniana, deixando ao público tan emocionado
que lle dedicou unha sentida e longuísima ovación. O acto
estivo presidido polo Delegado da Consellaría de Industria. Dirección
Xeral de Turismo, D. Ramón Cortés Máñez, ao
que a nosa Asociación agradeceu a colaboración prestada
para a edición e espallamento do folleto polas oficinas de Turismo
da Xunta de Galicia; e tamén polo alcalde de Carballedo, D. Xulio
Yebra Pimentel. De volta para Lugo, os asociados e asociadas puideron
visitar a sepultura antropoide do Sixto e o pazo de Perrelos.
Podedes
ver as fotos da da viaxe no Caderno de Viaxes

Rematou
o ciclo sobre “Arte e simboloxía na cultura popular galega”
Coa
viaxe “Paseos pola Terra Cha” rematou o ciclo sobre “Arte
e simboloxía na cultura popular galega”, que tivo como conferenciantes
a X.M. Vázquez Varela, Orlando Viveiro Veiga e Hixinio Flores Rivas.
O ciclo contou tamén coa exposición “Debuxos e gravados
nas construcións populares”, da autoría de Hixinio
Flores Rivas. Unha mostra gráfica das devanditas actividades está
presente na sección “Caderno de viaxes” desta páxina
web.

Tras
descubrir que en moitas construcións populares se agachan manifestacións
artísticas propias das sociedades agrícolas e gandeiras
e, vendo que esta arte popular anónima está a piques de
se perder para sempre, desde hai anos, parte do tempo libre dedícoo
a fotografar eses testemuños que nos dan unha idea da intensa actividade
cultural que se desenvolveu arredor dalgunhas construcións populares
e da creatividade innata do ser humano.
Nesta exposición podémonos encontrar cunha grande variedade
de tipoloxías de motivos entre os que destacan:
- Aqueles gravados que polo seu deseño se poden rastrexar ata o
período Neolítico, Idade de Ferro ou de Bronce. Non obstante,
a antigüidade dos mesmos en moi poucos casos pode superar os douscentos
anos.
- Os motivos circulares (esvásticas, hexapétalas, etc) e
as cruces en todas as súas variedades son motivos que se encontran
moi a miúdo nas xambas e nas portas, motivado principalmente pola
súa función protectora que se lles supoñía.
Sen embargo, o gravado que máis se repite e co que nos podemos
encontrar en calquera construción popular (casas, muíños,
cabanas, sequeiros, alvarizas, etc.) é o do arado. A abundancia
do arado, con todas as súas variedades, algún ata co seu
correspondente xugo no extremo do temón, demostra a grande importancia
que este aveño agrícola tivo na cultura popular.
- Outros motivos como poden ser os zoomorfos, antropomorfos, eróticos
e eses que teñen unha difícil interpretación tamén
aparecen distribuídos regularmente nos muíños e nas
cabanas.
Nesta exposición están representados unha pequena mostra
dos debuxos e gravados cos que nos podemos atopar, distribuídos
por toda a xeografía galega. Con ela preténdese dar a coñecer
unha arte popular pouco estudiada e descoñecida por moita xente
coa finalidade de promover a súa catalogación e fomentar
a súa conservación.
Luís
Hixinio Flores.- Lugo, abril de 2007


A
historia das nosas rúas

Foto
da conferencia de Adolfo de Abel
A
trama urbana medieval da cidade de Lugo permaneceu sen grandes alteracións
ata a segunda metade do século XIX. Hai un ensanche interior, dentro
do recinto amurallado, que se inicia a partir da desamotización
de 1835, coa exclaustración dos conventos.
O trazado urbano actual non ten nada que ver co romano, pero se ten a
súa orixe no trazado medieval organizado en dous grandes núcleos:
o Burgo Vello, arredor da igrexa de Santa María ou catedral, e
o Burgo Novo, co Castelo, separados por un espazo agrícola de grandes
dimensións coñecido como as Cortiñas de San Román,
actual Praza Maior (Praza Real, de Isabel II, da Constitución,
da República e de España), que foi o foro da cidade da época
medieval e moderna, xa que nela celebrábase a feira e os mercados,
administrábase xustiza e construíronse en 1571 as Casas
de Consistorio.
É nestes dous núcleos onde se conservan algúns topónimos,
aínda que a maioría perdéronse. Estes nomes indícannos
a función que tiña cada rúa, cada espazo e cada barrio.
A partir do segundo terzo do século XIX, a desamortización
e a chegada do ferrocarril, dá lugar á apertura de novas
rúas, algunhas das cales cambiaron de nome en varias ocasións.
A derriba en 1841, sen autorización de Goberno, do das Agustinas
Recoletas, vai permitir facer unha alameda e ensanchar as rúas
polos lados Oeste e Sur.
Na cortiña chamada desde época medieval da Lagoa, do convento
de Santa María A Nova, abrirase en 1836 a chamada calle Nueva,
despois Joaquín Cayuela e máis tarde da Raíña
(Isabel II), da Liberdade e de novo da Raíña. En 1872 decídese
o ensanche do Carril das Campás, ao que se dá o nome de
rúa do Progreso, con motivo da construción do ferrocarril
e a inmediata chegada oficial de primeiro tren o 5 de outubro de 1875.
Tamén se abre a rúa da Estación, coa súa porta
na muralla, logo de Emilio Castelar, Generalísimo Franco e actualmente
Teatro.
A da Raíña e a do Progreso, que tamén se chamou de
Manuel Becerra e de José Antonio Primo de Rivera, uníronse
con outra á que se lle deu o nome de Bilbao, conmemorando a entrada
das tropas fieis a Isabel II na devandita cidade durante a primeira Guerra
Carlista, actual Xoán Montes.
As cortiñas dos conventos de Santo Domingo e San Francisco van
permitir utilizar o espazo entre os dous para construír a primeira
praza de abastos en 1841 e abrir unha rúa que chamarán do
Teatro, por ser alí onde se construíu. Foi en 1901 cando
se fai o ensanche e a unión da Rúa do Sol (actual San Froilán)
coa Praza de Santo Domingo, e a Rúa Nova con esta nova rúa
e a Praza de Ferrol regularizando o carril da Ramella (actual Bolaño
Rivadeneira) en 1904. Coa apertura en 1921 da porta do Bispo Odoario,
posibilítase o enlace deste tramo a través da Rúa
de Montevideo. A Praza de Santo Domingo tamén se regulariza coa
derriba da capela do Rosario.
Adolfo de Abel Vilela,
2007
Visita
á Catedral de Lugo

Máis
de cen persoas asistiron o sábado día 10 de febreiro á
visita da catedral de Lugo, que serviu como colofón ao Obradoiro
“Coñecer o Románico”. Divididas en dous grupos,
foron guiadas polos historiadores Xaime Delgado e Adofo de Abel, e polo
arquitecto Alberte González. LugoPatrimonio agradece a colaboración
de todas as persoas participantes.


Podedes ver as fotos
da visita no caderno
de viaxes.
Conferencia do
profesor Xaime Delgado
"A ICONOGRAFÍA DECORATIVA
DO ROMÁNICO"

DÍA
26 DE XANEIRO. O
Arqueólogo e Historiador Xaime
Delgado Gómez falou sobre A iconografía decorativa
do Románico.

DÍA
27 DE XANEIRO Realizouse
a viaxe a Portomarín, onde os viaxeiros visitaron a igrexa
de San Nicolao e outros monumentos e paisaxes da vila co profesor
Xaime Delgado e co arquitecto Alberte González. Despois do xantar
sairon para ver o complexo de San Facundo co arquitecto Alberte González.
A xornada rematou co concerto do grupo de Cámara Moriatov
na igrexa de san Nicolao.
LugoPatrimonio
tenta que se rehabiliten
os restos do retablo de San Nicolao de Portomarín.

Restos
do retablo da igrexa de San Nicolao que apareceron no pazo de Berbetouros
(bispado) e están agora nun pendello do concello de Portomarín
a mercede de calquera ladrón. LugoPatrimonio intenta agora que
ben o Bispado ou a Consellaría de Cultura os saque de alí
e os garde nun lugar acaído, mentres non se catalogan e rehabilitan
para regresar á vila que antes do encoro de Belesar os desfrutou.
19 de Xaneito.
Conferencia do arquitecto Alberte González
"A ARQUITECTURA DO ROMÁNICO"

O arquitecto Alberte González, de xeito didáctico e valéndose
de fotos dixitalizadas, explicou ao numeroso público os elementos
que constitúen e que lle dan forma á arquitectura e estrutura
dos edificios románicos, así como a súa evolución
entre os sécalos X e XIII, destacando as formas xenuínas
creadas na Galiza.

20 de xaneiro.
Os viaxeiros e viaxeiras de LugoPatrimonio, que pasaban de 130, desprazáronse
en tres autobuses o día 20 de xaneiro aos lugares que previamente
foran elixidos polos conferenciantes do Obradoiro “Coñecer
o Románico”. Así, no decurso do día, visitaron
as igrexas das Bernardas e Eiré, en Pantón, e despois dun
espléndido e saboroso xantar no que aprezaron a gastronomía
da zona do Saviñao, gozaron coas pinturas da igrexa de Seteventos
e mais a impactante arquitectura e iconografía de Santo Estevo
de Ribas de Miño. A viaxe foi, ademais, enriquecida coas lendas
e interpretacións populares nacidas arredor dos monumentos visitados.

APERTURA
DO OBRADOIRO “COÑECER O ROMÁNICO”
Despois
dunha boa campaña da nosa programación sobre “Coñecer
o Románico”, o resultado deixounos, como di o conto popular,
non só contentos senón encantados. A cantidade de interesados
e interesadas neste ciclo de conferencias e viaxes chegou aos 235, dos
cales se incribiron en tempo e forma, 201.
Como ferramentas de traballo entregouse unha carpeta cos guións
das propias conferencias, o libro “O reino medieval de Galicia”,
de Anselmo López Carreira, e un dvd confeccionado polas Agrupacións
Culturais da nosa provincia titulado “Viaxando con Manuel María”,
pois foi el un consumado viaxeiro e cantor das culturas e paisaxes por
el visitados.
O Delegado provincial da Consellaría de Cultura e Deporte, D. Xoán
X. Molina Vázquez, e o Xerente do Xacobeo, D. Ignacio Rodríguez
Eguíbar, xunto co Presidente da nosa Asociación, D. Lois
Diéguez, o Vicepresidente, D. Adolfo de Abel, e a secretaria, Dª
Celia Fajar, inauguraron este obradoiro con palabras sentidas e animados
ante un salón totalmente ateigado de xente. Os parabéns
foron reiterados á organización e éxito das xornadas,
e tamén á axuda e colaboración destas institucións.
Deseguido, proxectouse o vídeo “O Románico en Galicia”,
producido pola AS-PG e con dirección de Eduardo Álvarez
e guión de Xosé Fco. Correa e Jaime Duque.
O historiador D. Anselmo López Carreira, con material baseado en
transparencias, ofreceu a conferencia inaugural sobre a Galiza dos séculos
XI e XII, francamente interesante sobre todo por nos situar con realismo
e personalidade nunha historia real normalmente agachada polas teoristas
castelanizadoras, situando un país moi diferente ao actual, con
forte poder político e capaz de crear toda esa riqueza do románico
que podemos admirar con fortuna nestes momentos.
Situada, pois, a historia, viaxaremos nas próximas fins de semana,
pola arquitectura e iconografía do románico e veremos en
exemplos prácticos de igrexas e monumentos da Ribeira Sacra e Portomarín
toda a teoría que darán os profesores D. Alberte González
e D. Xaime Delgado Gómez. A Directiva de LugoPatrimonio, está
a estudar agora como arranxar o alto número de participantes para
que as viaxes sexan o máis cómodas posíbeis.

A época do románico
foi para nós, galegos e galegas, tempo de esplendor nos distintos
campos da arte, até tal punto que a creación propia do "Románico
Compostelán" chegou a acadar sona internacional a través
do Camiño de Santiago. Este Obradoiro sobre Coñecer
o Románico intenta, dun xeito sinxelo e didáctico,
mostrar aquelas características que nós todos poidamos recoñecer
en calquera dos nosos monumentos; mais non so iso, senón tamén
o que acontecía na Galiza durante os séculos XI, XII e mesmo
XIII para que esta riqueza se puidese producir. LugoPatrimonio,
intenta, con este obradoiro, popularizar e festexar o que os nosos devanceiros
construíron coa inspiración propia dunha Terra diferente,
rica e orgullosa do poder que, desde si mesma chegou a conquerer.
Lois Diéguez,
Presidente de LugoPatrimonio
Lugo, xaneiro do 2007
12, 19, 20, 26, 27 DE XANEIRO DO 2007
BIBLIOTECA PÚBLICA PROVINCIAL LUGO
17 de decembro de
2006. Viaxe a Meira.
IGREXA
DE SANTA MARÍA DE MEIRA

Mosteiro
cisterciense (fundado no 1143).
A igrexa xa é protogótica (1190-1225?), como o confirman
as súas altas bóvedas, central e transversal; os arcos apuntados
e as xanelas xa de máis luz.
Foi consagrada en 1258.
Planta
de cruz latina.
Nela resaltan: as tres naves, a nave transversal e a cabeceira absidal
con 4 capelas rectangulares e a Maior.
Capela Maior: Treito recto, bóveda de canón. Treito semicircular
e semicúpula.
Sala con cúpula estrelada, feita en 1586 nun treito do claustro,
do que só existe esta parte.
Sacristía engadida en má fortuna.
San
Bernardo (1091-1153)
As súas normas están reflectidas no monumento, como a súa
finalidade e función, ou a pobreza decorativa. Rexeita o superfluo.
A decoración non debe server para admirar, senón para meditar.
A
decoración só aparece en: capiteis, canzorros ou modillóns
e arquivoltas.
Hai tres clases de capiteis: xeométrico-vexetais e de entrelazos
perolados, de follas sinxelas e outros case lisos na súa totalidade.
Nos modillóns: os absidais son de grande riqueza decorativa. Parecen
un desafío aos mandados de San Bernardo.
Os outros, pouco ou case nada decorados.
Nas arquivoltas: moi sinxelas, tipo xeométrico-vexetal.
Fachadas
Sur (no muro da nave transversal): A Porta na parte alta comunicaba coa
residencia monacal. A Porta baixa era a entrada dos monxes desde o claustro.
A espadana é de traza románica, pero posterior.
Norte: no muro da nave transversal, porta e torre.
Principal: grandiosa porta de sinxela decoración nas catro arquivoltas,
tres delas sostidas por outros tantos pares de columnas acodilladas e
a outra polo mesmo muro.
Consérvanse as ferraxes orixinais.
Sobre a porta, fermoso rosetón.
No flanco dereito, sinxela torre.
Retablos
Ten dous importantes retablos: o Principal, neoclásico, con escena
da Asunción de María, e o lateral (s. XVII) (lactancia).
28 de outubro de 2006.
Viaxe a Bóveda.

Santa
Eulalia de Bóveda
Situado
a carón da igrexa parroquial de Santalla de Bóveda de Mera,
no concello e provincia de Lugo, este conxunto arqueolóxico e artístico
foi declarado monumento nacional (hoxe ben de interese cultural de Galicia)
en 1931, tan so despois de 5 anos despois do seu descubrimento oficial
en 1926, ainda que xa se tiña noticia anterior da súa existencia.
Tal como o cualificara Celestino Fernández de la Vega, Bóveda
segue sendo un verdadeiro enigma en canto á súa orixe, función,
significación e, en menor medida, cronoloxía. A pouca distancia
da cidade de Lugo e vinculado ademais á antiga cidade de Lucus
Augusti por medio da vía XIX que ía de Bracara por Iria
Flavia e que pasaba case a rentes del, este senlleiro núcleo histórico
e patrimonial viuse afectado, sen dúbida, polas vicisitudes do
seu descubrimento, polas súas sucesivas reutilizacións e
reformas e mesmo polas diversas e descontinuas restauracións, todo
o cal deu pé a novas hipóteses e interpretacións.
En calquera caso, parece estar claro o seu carácter inicial como
monumento romano tardío (probablemente do século IV) e de
usos pagáns, ben estivesen estes vencellados a un posible ninfeo,
tal como viñeron considerando varios autores que trataron sobre
el baseandose, sobre todo, na importancia que ten a presencia da auga,
ou ben (e de xeito complementario para algúns) correspondesen a
un lugar para curar e sandar doenzas a teor dos seus relevos e inscripcións
(o propio Chamoso Lamas, Ares Vázquez…), a un mausoleo ou
edículo funerario (opinión de Schlunk, Fernández
de la Vega –que apuntaba que este puido ser o lugar de enterramento
de Prisciliano- , Delgado Gómez…) ou, en fin, mesmo a un
sitio relacionado cos cultos romano-orientais ás divindades Isis
e Serapis (Rodríguez Colmenero). A esta etapa inicial do monumento,
en época tardorromana pero de duración ainda non ben determinada,
sucedería logo unha readaptación e reutilización
como cripta ou pseudocripta paleocristiá – séculos
V e VI- (F. Singul), reaprobeitada do mesmo xeito en época prerrománica
–séculos VIII ó X- (Núñez Rodríguez,
o citado Schlunk, que con M. Berenguer e como logo fixo o propio Singul,
chegou a vincular coa pintura mural asturiana), así como na etapa
románica e aínda posteriores.
Deixando á parte os problemas que ainda suscita como xacemento
arqueolóxico, moi derramado e deturpado polas sucesivas intervencións
nel e nos seus arredores, como puxeron de relevo as últimas escavacións
realizadas alí (a cargo de Alberto Balil, primeiro, e Rosa Gimeno,
despois), a maior singularidade e orixinalidade do monumento de Bóveda
estriba na complementación (aparentemente cunha certa lóxica
interna) de arquitectura, escultura e pintura nun so conxunto.
Trátase dun edificio construido de pedra e ladrillo que, en orixe,
non estaba medio soterrado coma hoxe, senón situado nunha pequena
valgada húmida (de ahí a preocupación polo uso e
canalización da auga) e que constaba de dúas plantas superpostas
de tipo rectangular , das que so se conserva, e non integramente, a estructura
fundamental da inferior. Esta está composta por un espacio central
ocupado por un estanque ou piscina (logo tapada, xa en tempos antigos),
dúas naves laterais estreitas, das que so se aprecian os arrinques
dos seus arcos (probablemente tres a cada lado) e, ó fondo, unha
pequena ábsida que lle daba acceso á parte superior por
unha escaleira xa perdida. Senllas fornelas nas paredes laterais lembran
as existentes nos vestiarios dos baños e termas romanas, pero tamén
fixeron pensar nos ocos utilizados para as urnas funerarias dos mausoleos
da mesma época. A fachada presenta unha forma de arco tendente
á ferradura, flanqueada por dúas ventás rectangulares
con ocos triangulares de descarga sobre elas, e que se abre a un breve
adro ou pórtico que orixinariamente tiña as entradas polos
seus lados e non polo centro (consoante cunha utilización hixiénico-sanitaria
do recinto interior).
Tamén nesta parte exterior están os singulares baixorrelevos
escultóricos que serviron para atribuirlle determinados usos e
funcións ó monumento de Bóveda: algúns perpiaños
amosan figuras humanas a xeito de danzantes (en grupo ou individuais)
ou formando unha escena que representa a dous eivados mostrando as deformidades,
un no brazo e outro na perna (¿quizais polo uso salutífero
do lugar?), mentres que noutras pedras do soportal aparecen varias aves
(unha aguia ou ibis e unha cegoña), motivo este último que
é o escollido, xunto cun conxunto vexetal (trellis) e de casetóns
xeométricos, para o extraordinario conxunto de pinturas que decoran
toda a bóveda interior, cunha ampla traza de medio canón.
Estes murais interiores están feitos sobre estuco e revelan un
estudiado e laborioso programa previo para a súa disposición
e execución. Utilízanse varias cores (sobre todo a vermella,
azul, verde e negra) e representan, de xeito illado ou en parellas e asociadas
a árbores ou peteirando en acios de uvas, diversas aves como perdices,
faisáns, galos e pitas, pombas, etc., trazadas con mestría
e e realismo singulares. Nos arrinques dos arcos aparecen representadas
cráteras con ramos e frores e na parte central da bóveda,
case completamente perdida pero da que se conserva documentación
gráfica, a decoración pintada figuraba casetóns de
tipo arquitectónico.
No progresivo e sucesivo desentullo do sitio e tamén nos arredores
lindeiros de Bóveda apareceron outros restos constructivos e decorativos,
como fustes e bases de columnas, modillóns, placas de mármore
con motivos xeométricos e figurados, fragmentos de inscripcións
latinas (unhas de carácter funerario e outras votivo), cerámica
e ladrillos, escouras, etc…restos conservados, moitos deles no propio
lugar e nos museos diocesano e provincial de Lugo. A todo esto hai que
unirlle ó papel do elemento acuático, sexa cal fose a súa
orixe e aproveitamento, o que para algúns autores sería
producto dunha tradición prerromana (a zona está moi inzada
de castros, como o veciño de Corvazal), reconvertida logo en uso
balneario, cultural e/ou funerario. En calquera caso, é probable
que todo o primeiro conxunto se fixese dunha soa vez (quizais no século
IV), pois arquitectura, escultura e pintura semellan formar unha unidade
estructural e funcional, ainda que logo fose reformado e reutilizado ó
longo do tempo como reflicte a mesma documentación escrita dos
séculos XVII e XVIII, cando se construe a actual igrexa parroquial
e o seu cemiterio anexo, que hoxe seguen contendo parte do monumento orixinal.
Felipe Arias Vilas.
24 de outubro de 2006.
24 de outubro,
martes, ás 20 h., no centro cultural Uxío Novoneira
de Lugo
FELIPE
ARIAS VILAS
arqueólogo e historiador
falará, axudado de proxeccións,
sobre
SANTA EULALIA DE BÓVEDA:
arqueoloxía e patrimonio
29 de outubro de 2006.
Como
cpmplemento á devandita conferencia, o domingo seguinte, día
29, ás 10 h, sairá un autobús de diante da Casa Sindical
(Ronda da Muralla) para visitar os seguinte puntos relacionados co Camiño
Primitivo de Santiago
•
Santa Eulalia de Bóveda
• Castro de Corvazal
• Seoane do Alto
• San Vicente do Burgo
• Igrexa de Bacurín
Lugo, 13 de outubro do 2006
A XUNTA DIRECTIVA
27 de xullo de 2006.
ENTREVISTA
CO DELEGADO DA CONSELLERÍA DE CULTURA
Hoxe
pola mañá, o presidente e vicepresidente de LugoPatrimonio,
Lois Diéguez e Adolfo de Abel, entrevistáronse co Delegado
da Consellaría de Cultura e Deportes, D. Xoán X. Molina
e o da Consellaría de Industria e Comercio, D. Ramón Cortés
para mostrarlles diversos puntos relacionados co noso patrimonio e que
detallamos de seguido coas respostas dadas polos mesmos.
1.
Complexo de Temes.
Compromiso de estudar inmediatamente a posibilidade dun proxecto referido
ás escavacións arqueolóxicas na parte interior da
igrexa así como nos seus arredores, co obxectivo de completar os
achados atopados no seu día e que ten estudado en profundidade
o arqueólogo D. Xaime Delgado.
Compromiso de editar un folleto explicativo da historia e monumentalidade
de Temes, que se espallará tamén polos circuítos
turísticos da Xunta, ademais dos puntos turísticos da zona
e do país.
Compromiso de sinalizar convenientemente o complexo desde as entradas
máis próximas que levan a el: Os Peares, O Castro-A Barrela,
Chantada e Monforte.
Adecentamento urbanístico da zona que rodea o munumento.
2.
Camiño Primitivo.
Despois do Congreso realizado en Lugo e das aportacións que no
mesmo se aprobaron, os delegados, nas súas respectivas competencias,
comunicáronnos que xa se está a traballar no Proxecto de
delimitación e oficialización do Camiño Primitivo,
o cal se terá finalizado posibelmente durante este ano, e para
o que xa se aprobou un orzamento de 30.000 euros.
3.
Servizos de san Martiño de Mondoñedo.
Aínda que non é competencia ca Consellaría de Cultura,
senón do concello de Foz e dos proxectos que subvencionará
o Ministerio de Fomento, aquela, nos informes que terá que elaborar,
definirase por unha solución que modifique o grave impacto producido
por estes servizos que afean a igrexa de san Martiño e todo o seu
controno.
4.
Proxectos de LugoPatrimonio.
As dúas Delegacións acolleron con interese o proxecto de
edicións que non tendo un carácter estrictamente comercial
favorezan o coñecemento e popularización do noso Patrimonio.
En concreto fóronlles presentados títulos importantísimos
de traballos elaborados polos historiadores e estudosos, Xaime Delgado
Gómez, Isaac Rielo Carballo, Nicandro Ares Vázquez e Amador
López Valcárcel que entrarán na nova política
de programación editorial que realizarán as consellarías.
A nosa asociación propúxolles que o nome que podería
levar a colección podería ser o de LugoPatrimonio.
En
nome do nosa Asociación agradecemos aos delegados a amabilidade
que tiveron connosco e a acollida favorábel ao que enriba detallamos.
Lugo,
a 27 de xullo do 2006
O
Presidente de LugoPatrimonio.
Lois diéguez
Sábado, 17
de xuño do 2006.
A
VIAXE A TEMES E UN PROXECTO DE ACTUACIÓN

A
viaxe que o día 17 de xuño deste ano fixo un grupo de asociados
de LugoPatrimonio ao Complexo de Temes, deixou constancia do interese
que este importantísimo monumento ten para a arqueoloxía,
historia e patrimonio de Galiza, constituíndo o mesmo o vestixio
máis antigo da arte paleocristiá. Sendo conscientes, ademais,
do abandono no que a administración o mantén, e das posibilidades
que ofrece para o desenvolvemento artístico, turístico e
económico da zona, solicitamos da Consellaría de Cultura,
Deputación e Dirección Xeral de Turismo as seguintes actuacións:
1. Escavacións.
Necesidade de completar unhas boas escavacións tanto no interior
da Igrexa como no seu circundo, nas que se incluiría a casa rectoral,
como xeito de completar as investigacións realizadas entre outros
estudosos, por D. Xaime Delgado Gómez.
2.
Infraestrutura.
a) Necesidade de modificar os difíceis accesos que levan ao Complexo
tanto desde Castro-A Barrela, como desde Os Peares.
b) Necesidade de infraestrutura relacionada coa atención ao público
que se despraza a Temes para ver o Monumento (aloxamento, servizos de
restaurante...)
3.
Información e sinalización
a) Edición de folletos explicativos da historia e monumentalidade
de Temes, espallándoos polos circuítos turísticos
da Xunta de Galiza e demais institucións, fóra, tamén,
do noso país.
b) Sinalización do complexo de Temes desde os puntos máis
importantes que levan á igrexa, acaidamente Os Peares, Chantada,
A Barrela, Castro e Monforte.
SAÍDA
CULTURAL DEICA
O COMPLEXO DE TEMES
e outros puntos de interese.
Itinerario
que seguimos o 17 de xuño do 2006
1.
San Pedro de Bembibre
Pazo-Fortaleza dos condes de Taboada (sec. XVI en adiante)
Importante sartego móvil: forma xa tardía, de dúas
figuras. Sec. X?
Igrexa de probábel orixe monacal. Monumento románico de
interese “nacional”, da era 1229 (ano 1191).
Capiteis de boa factura. Os da Porta principal con ornamentación
de tipo vexetal. A avaricia?. Áspide e basilisco. Aves afrontadas.
Na porta sur destaca o león e o dragón que co áspide
e o basilisco lembran o salmo 91.
No interior da igrexa Enterramento de D. Xoán Taboada (1651)
Pinturas interiores.

2.
Santa María de Castelo
Visita ao sartego antropomorfo do Sixto (a poucos metros, polo nacente,
vestixios da primeira igrexa).
Visita
ao fermoso pazo de Perrelos:
– Do primeiro tercio do sec. XVIII.
– Extraordinaria solaina.
– Cociña-lareira con gran cambota.
– Fonte con escudo da Casa.
– Hórreo e cortes.

Singular cruceiro do campo da Festa.
Visita á igrexa románica de santa María:
– Porta principal coa árbore de Xesé.
– Porta sur.
– Singular ventá absidal.
– Arco triunfal.
Lexendario carballo dos cartos.
Subida ao Castro onde se queiman as sonadas fachas de Castelo.
3.
Temes: punto central da viaxe.

O
complexo de Temes
(Xaime
Delgado)
BREVE
SÍNTESE DO CONTIDO HISTÓRICO-CULTURAL DO COMPLEXO DE TEMES
(Por Xaime Delgado
Gómez)
Xoves, 15de maio, Conferencia de Xaime Delñgado
sobre o complexo de Temes

Nota
biográfica de Xaime Delgado
Sábado, 27
de maio,
Paseo polo Camiño Primitivo no treito: A Chanca-San Lázaro,
levando como guías a Adolfo de Abel Vilela e Lois Diéguez.
Os
viaxeiros e viaxeiras que participaron no paseo polo Camiño Primitivo
ao seu paso polo barrio do Carme e Regueiro dos Hortos comprobaron como
esa riquísima zona arqueolóxica que aínda conserva
o sabor da construción popular e mais dos camiños e hortos
que forman un fermosísimo xardín natural, poden desaparecer
en pouco tempo se os lugueses e luguesas non o evitamos. Nas súas
intervención e coloquios que a ameaza produciu os asistentes insistiron
en que se delimite urxentemente este Camiño para así gardalo
das pas e da rapina.
Fotos
do acto
O
CAMIÑO PRIMITIVO E O PXOM DE LUGO, AO SEU PASOPOLO BARRIO DO CARME.
Texto de Lois Diéguez
Venres,
26 de maio
ás 20 h. no salón do centro cultural Uxío Novoneira,
Adolfo de Abel Vilela e Lois Diéguez expuxeron con diverso material
gráfico o tema: “Paseo polo Camiño Primitivo desde
A Chanca deica o barrio de San Lázaro: monumentalidade e futuro”.
Os conferenciantes do acto sobre o Camiño Primitivo de Santiago
ao seu paso pola cidade de Lugo e polo Carme chamaron a atención
da Consellería de Cultura e do Concello de Lugo para que se poñan
de inmediato a DELIMITAR E DESLINDAR dito Camiño, de xeito que
se execute a Lei 3/1996 de protección dos Camiños de Santiago,
E UNHA DAS PRINCIPAIS CONCLUSIÓNS DO CONGRESO celebrado e organizado
pola Consellería de Industria e o Xacobeo. Desde aquela non se
volveu saber máis dos acordos e de non ir adiante con urxencia
perigará o próximo futuro do Camiño ao seu paso polo
barrio do Carme, ameazado xa polo Plano Xeral de Ordenación Municipal.
Asimesmo, Lois Diéguez e Adolfo de Abel chamaron a atención
do Concello para que o mesmo treito se limpe con urxencia, pois a auga
e a lama impiden o paso polo Regueiro dos Hortos.

Fotos
do acto
Xoves, 25. Presentación
da asociación ante os medios.
Fotos
do acto.
lugopatrimonio@telefonica.net
. |
O |
|

|
 |