AS FACHAS DO FOLIÓN DE CASTELO

A Queima das Fachas é un costume tan ancestral que xa forma parte da historia de Castelo. Esta queima , con gran expectación de fregueses e dos pobos circundantes, repítese cada ano na noite do día sete de setembro. Coa queima das fachas celébranse as “vésperas” e o “inicio” das festas patronais, dedicadas a Santa María na súa advocación da Natividade.

Fachas é un termo aquí acuñado. Son unhas grandes e altas teas que revisten a maior parte dun alto pao espetado no chan. Este revestimento de técnica moi depurada, faise con varios feixes duns arbustiños moi combustíbeis que aquí se chaman agucios . O agucio nace espontaneamente e con grande abundancia en carballeiras, soutos, toxeiras... O seu recto e liso tallo, de algo así como de un metro de altura e un centímetro de diámetro, ao secar durante o verán, arde logo como palla.

As fachas, se cumpren as normas da súa correcta tipoloxía, veñen ser unha obra de artesanía. Comézase cuns poucos agucios arredor do pao. Logo vaise engrosando considerabelmente até facerlles –en argot facheiro– unha boa barriga no centro. Vai despois diminuíndo até rematar case en punta. Este revestimento adoitaba ser non menor a uns tres metros. Pero a técnica estaba en saber colocar ben os agucios. Debían quedar estes perfectamente enlazados e de xeito que os extremos dos agucios aparecesen totalmente ocultos. Tan só se podía ver o inicio dos tallos cos que se iniciaba a facha e as cabezas daqueles que a remataban.

Para asegurar os agucios ao pao íanse atando con vimbios, chamados aquí vimias (non vimes , nen vimbios ou vimbias , que son os nomes mais usados).

Os protagonistas en todos este folclore das fachas eramos tan só os nenos, pero sempre axudados por irmáns maiores, polos pais ou por calquera outro que se prestaba a colaborar. O día nove, último día da festa, eramos recompensados monetariamente polos organizadores dos festexos ou ramistas . Á mellor facha, á máis perfecta, a máis alta e grosa, concedíaselle o gran privilexio de ser a facha do premio .

A queima das fachas

A tarde do día sete de setembro, era todo un acontecemento para os nenos de Castelo. Desde os distintos lugares da parroquia iníciase o carreto das fachas deica a cima do castro , onde se van cravando, na súa beira, en volta circular. Ás veces necesitábanse dous ou tres persoas para subilas.

Os de cada lugar tiñamos sempre un especial interese en ocupar aquela beira do castro que se orientaba cara ás nosas casas. Era un xeito de ofrecerlles aos nosos as chamas luminosas das nosas propias fachas.

Iniciada a noite, deica o castro subían os veciños e os convidados con todos os nenos. Unhas bombas e fogos de luces disparados desde alí daban o sinal de que a festa tiña comezado. Inmediatamente poñíaselle lume ás fachas e o castro íase mudando nunha luminaria dantesca.

Coas chamas e o chispeo, e coas bombas e luces dos fogos de artificio, uníanse os berros alucinantes da turba desordenada..., harmonizándose todo coa banda de música. Esta colocábase no centro do castro. Alí, á forza de pulmóns, bombas e platillos, facía soar unha peza movida no medio daquela incontrolada algarabía. Tan fascinante espectáculo, dada a extraordinaria visibilidade do castro, era contemplado polos pobos que o rodeaban, mesmo os das parroquias de todo o seu contorno.

Era o folión de Castelo!

 As fachas: reminiscencias de prehistóricos costumes?

Oxalá alguén nos descubra os aspectos históricos e os non menos interesantes antropolóxico-relixiosos que deron orixe e continuidade á queima das fachas no cimo do castro. Mais non me resisto a facer algunhas indicacións.

É curiosa, en primeiros lugar, a denominación de fachas e non de fachos , xa que este debería ser o nome desas teas xigantescas.

Facho , segundo o dicionario da Lingua Galega, defínese como “fogueira acesa nun lugar alto para transmitir avisos”.

Non cabe dúbida de que, coma os sonados fumazos dos indios, tamén os fachos cumpriron nos castros importantes misivas telegráficas. Sería unhas veces para alertar os outros castros dalgún inminente perigo; quizabes outras eran para anunciar certos acontecementos. Tampouco é improbábel que usasen fachos parecidos ás nosas fachas para así alumarse nas festas, ou en acontecementos nocturnos celebrados colectivamente ao ar libre. Mesmo é posíbel que a todo isto se sumasen tamén algúns actos rituais máxico-relixiosos.

En todo caso acabarei dicindo que en Castelo parece terse parado o tempo. E así, aquel folclore primitivo, ou tal vez aqueles actos rituais máxico-relixiosos, seguiron repetíndose. Pero, ao menos desde tempos xa inmemoriais, se non bautizadas solemnemente as fachas, si foron toleradas polo cristianismo que, mesmo, as inclúe como unha parte importante das festas que dedica á súa Patroa.

Como un colofón a este capítulo das fachas, aquí fica escrito un chamamento aos do Castelo de hoxe e aos do mañá para que non deixen desaparecer esta herdanza valiosísima. É como unha herdanza sagrada que os nosos maiores nos legaron.

 

Xaime Delgado Gómez