ABRÓTIAS
por Orlando Viveiro

O sol esvara de vagar dende o curuto do ceo nunha viaxe que semella interminábel, mais ao fin a roda do tempo vence coma sempre e faino caer ata agochar por tras do horizonte. Daquela a noite cubre as terras e o silenzo faise dono do mundo apagando de vez os ecos esmorecidos da vida.

Nos longos días do Agosto houbera tempo a rematar os traballos da sega e da malla permitindo agardar acougados a chegada do inverno. Alonxado quedara, na primavera, o agromar madrugador das abrótias que enchen de cor as carballeiras con longas canas rematadas en vistosas flores brancas, transformadas logo en acios mestos de boliñas donde gardan a súa semente, nas que se miran os ribeireños das terras miñotas de Outeiro Rei, para adiviñar o tempo acaído no que procede botar os nabos en restrebas e folgadas. Alí é cousa ben sabida que según a situación das mesmas, no mesmo pico da cana, no medio ou na parte baixa, así será o momento axeitado no que a terra gardará sazón para facer a sementeira e do mesmo xeito a colleita ha de ser máis ou menos abondosa en proporción ao número destas bolas.

Ribeireñas e miñotas son asimesmo as terras taboadesas de Castelo donde se colleitan estas canas curadas para tecer con elas as enormísimas fachas que, en cerimonia colectiva herdada de tempos pretéritos, han de queimar polas vésperas do día de Nosa Señora, enriba da croa do vello castro que domina a parroquia. Os agucios, nome que reciben as canas no lugar, van sendo colocados ao redor dunha panca longa en capas sucesivas, de forma establecida de vello, ata darlle ás fachas a forma característica e que unha vez rematadas proceden a encravarse debuxando unha figura circular case pechada, na chaira que hai no curuto do castro. Á caída do sol comenza o proceso de prenderlles lume unha por unha transformando a moura escuridade nunha inmensa fogueira que esvae as sombras enchendo de luz as terras da comarca. As fachas acesas vanse logo consumindo ao tempo que inundan o ar quente da noite con milleiros de charamuzas que ascenden en veloz carreira cara o ceo deixando escoitar na súa fuxida os misteriosos sons provocados polo lume, agora único dono e señor. Mentras tal acontece, veciños e veciñas observan enfeitizados a maxia poderosa do momento, repetido cada ano en cumprimento da encomenda feita no alborecer dos tempos, xustamente executada ata o presente en Castelo e agardamos que tal sexa de igual xeito no futuro.