GALIZA NO TEMPO DOS PAZOS: CONCLUSIÓNS
Por Francisco Carballo Carballo

1.-A época máis significativa da erección de pazos e de predominio da fidalguía é a Idade Moderna,ss. XVI-XVIII. Era unha sociedade estamental: nobres, clero e xente do común. Nos tres estamentos había ricos e pobres. Nos dous primeiros os pobres eran pouco numerosos, no do “común” aumentaron do XVI ao XVIII. No 1752 do 1.299.312 habitantes de Galiza, o 4% eran da nobreza, o 08, do clero.
2.-Predominaba a actividade agrogandeira, seguida da artesanal, da pesqueira e da comercial. Na 2ª parte do XVIII comezan intentos industriais na salga do peixe, na siderurxia, (Sargadelos), no téxtil. Unha escasa acumulación económica e o retraso tecnolóxico ocasionaron a perda de competibidade do noso téxtil ante o europeo.
3.- A riqueza estaba desigualmente repartida Tanto o catastro de Ensenada como investigacións locais reparten os ingresos na seguinte porcentaxe:
Para o clero o 54%. Para a nobreza (Alta e a fidalguía.)..29.3 %. O resto ía para o 95 % da poboación e para o fisco señorial e real. A riqueza do clero procedía maiormente do dezmo. A da fidalguía dos foros.
Os gastos do clero eran: consumo familiar, obras de arquitectura, esmolas, escolas, hospitais. A fidalguía levantou pazos, elevado consumo familiar, formación para funcionarios, militares etc.
4.-Un aspecto novedoso do s. XVIII foi a Ilustración: divulgación do saber, escolarización, máis hixiene. Destacan por ese impulso os PP. Feixóo e Sarmiento, o Crego Francisco de Castro en Lugo; Pedro Sánchez en Santiago, algúns fidalgos, o industrial Ibáñez etc. O Real Consulado, con centro en a Coruña e as dúas sociedades de Amigos dos País (en Lugo e Santiago). A Universidade de Santiago ( duns l.000 alumnos) reformouse a mediados de século e aceptou cátedras de ciencias.
5. A fidalguía copaba os postos da Audiencia de Galiza, da Xunta do Reino, dos concellos, da Universidade (tanto de Fonseca como dos manteistas). Reivindicou benestar para Galiza sempre moi para os seus intereses. Opúxose sistematicamente a cambios industriais, mercantís, de sociedades económicas. A fidalguía era variada, mais maioritariamente “rendista”. Rendas con dependencia do clero ou da alta nobreza. Globalmente foi parasitaria, cerrada como estamento, monopolizadora de saídas económicas. Non soubo ou non quixo cambios fora do tardofeudalismo( e elementos de monopolio mercantilista). Coa pragmática de 1763 gañou a batalla contra os despoxo dos foros, mais aí se pechou no arcaísmo económico non rendíbel.
6. Na 2ª metade do XVIII e coa suba dos prezos, a sociedade desigualouse máis. Así,L ( P. Vilar, Oro e moeda, 1974, p.432): Os rendistas aumentaron os ingresos nun 80%, mentres que os prezos subiran un 60%, os salarios caen un 25% e os campesiños non vendedores de produtos, caen ao borde da miseria. Isto forzou a primeira emigración notable dos galegos, tanto a de tipo “andoriña” como a sen retorno.
Os grandes obstáculos para o desenvolvemento deste país eran: a falta de vías de comunicación terrestres, a desprotección das marítimas, a escola destrutora do nativo e impositora do foráneo, un clero poderoso dominado polos non galegos e unha fidalguía parasitaria, asolada do pobo do común, dada ao luxo e aos preitos.
Lugo, 19 outubro 2007