A poutada do Oso
“O Oso pódete lixar, pódete facer chorar; pero en canto o vexas, desexarás que te collan os criados e te leven xunto a el”. Escreben isto os organizadores do Entroido de Salcedo (Pobra de Brollón), que son os da Asociación de Viciños. Un Entroido de voces e cores, de participación e alegría, como o que nós viviamos de nenos. Durante dous días fan teatro popular. O local, atéigase de xente (por riba das 500 persoas) e moita ten que quedar fóra por falta de sitio. Tamén fan pequenas pezas cómicas, con xestos, na praza, e saen a bailar ou desfilar as Madamas e Danzantes, vestidos con fitas de cores e roupa solemne. Pero o Oso é quen reúne máis xente, de lugares moi distintos.
Os Criados, que se enmascaran con sacos, vanlle collendo a xente e levándolla para que a enlarafuce con esterco. Os xestos, as caídas, o envorcallarse do Oso lévanos ao animal real, a moitos centos de anos atrás, ás raíces dos nosos devanceiros cando dalgún xeito convivían con el. Daquela debe vir o costume deste Entroido de Salcedo. E é certo o que din as persoas que o rescataron. O Oso, o seu poder de símbolo propio, atráete como un imán, e en canto o ves non podes xa abandonalo nesas dúas horas escasas nas que anda a correr polas rúas de Salcedo. Quizabes os sentimentos, as emocións da cultura construída polos nosos avós regresen ao son da súa pouta e da mirada. E ao final, cando o Oso, a un trote firme e medido cantado polas chocas, se vai cos criados, unha profunda tristeza envolve o noso corazón, e préndenos a angustia de ver como as nosas orixes, aquilo que fomos un día, esmoreceu. Mais queremos ficar coa esperanza de que eses milleiros de mozos e mozas que bailan ao son da súa pouta, recuperen a forte personalidade que nos definiu. Lograrémolo, de seguro, mentres Felipe, Alberte, Xosé Luís e outros como eles, sigan a nos facer gozar co Oso amado de Salcedo. Aínda que só sexa unha vez ao ano.
Lois Diéguez
20 febreiro 2007